Unha campaña promoverá as paisaxes naturais de Pontevedra


A Concellaría de Medio Ambiente Natural lanza unha campaña de comunicación
para promocionar os valores das paisaxes naturais de Pontevedra.
A iniciativa, que leva por nome “Coñécelo? Pontevedra, naturalmente” chegará aos paneis do mobiliario urbano (Mupis) a partir da Semana Santa.


A responsable do departamento municipal, Celia Alonso Caramés, destaca que a idea é presentar imaxes de espazos naturais de Pontevedra cun enfoque artístico e buscar a sorpresa dos pontevedreses que teñen deste fermoso patrimonio natural, para moitos descoñecido, ao alcance da man e a só uns minutos do centro urbano. A intención é tamén, engade a edil, buscar un punto de orgullo por dispoñer destes espazos, que constitúen un auténtico tesouro a preservar, nun municipio con marcado carácter urbano.

Trátase dunha colección de 14 fotografías de distintos lugares sen alterar aínda pola man do home, maioritariamente situados contornas rurais e fluviais. As fotografías foron tomadas durante o ano pasado e recollen puntos como os ríos dos Gafos, Lérez, Almofrei, as pontes de Bora ou o Espazo Natural de Interese Local da Xunqueira da Gándara.

Celia Alonso destaca que ao comezar a instalación das fotografías durante a Semana Santa búscase tamén o obxectivo de chegar aos turistas e visitantes que se acheguen durante estas datas a Pontevedra, proporcionándolles así un aliciente de cara ao turismo verde e rural aproveitando a súa estancia na cidade.

A concelleira destacou os esforzos que o Concello está a facer pola preservación dos espazos naturais e especialmente os entornos fluviais e puxo como exemplo as obras de mellora das redes de saneamento para evitar verteduras, a construción de roteiros ecolóxicos ou a repoboación forestal e fluvial con especies autóctonas.

Fonte: www.concellopontevedra.es

Comentarios

Entradas populares de este blog

Tablas de precios orientativos de la madera

Documentacion y Legislación