Medio Rural convoca a poxa de 46 lotes de madeira de montes da provincia de Ourense




  1. Subastaranse, en total, 70.567 metros cúbicos e 5.882 toneladas de madeira, que suman un prezo de saída de 1.557.278 euros
2.   Os pés que compoñen os lotes extraeranse 
 de montes de 24 concellos da provincia ourensá


A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Montes, vén de convocar a poxa de 46 lotes de madeira dos montes de xestión pública da provincia de Ourense, segundo recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicado o pasado venres, 7 de maio. Subastaranse un total de 70.567 metros cúbicos e 5.882 toneladas de madeira cun prezo de saída que suma 1.557.278 euros.

Os pés que compoñen os lotes –a meirande parte deles de piñeiro, xunto con algúns de eucalipto– sitúanse en montes de 24 concellos. En concreto, trátase dos de Avión, Beariz, Boborás, Castrelo do Val, Castro Caldelas, Cualedro, A Gudiña, O Irixo, Laza, Leiro, Lobeira, Lobios, Maceda, A Mezquita, Montederramo, Monterrei, Riós, Sarreaus, Toén, A Veiga, Verín, Viana do Bolo, Vilar de Barrio e Vilardevós. O motivo maioritario da súa extracción é que a madeira acadou a súa quenda de corta.

Xestión sustentable

Cómpre sinalar que 24 dos lotes están certificados segundo o sistema PEFC que garante unha xestión sustentable da superficie forestal. A madeira certificada incluída nesta subasta representa un volume total de 44.039,16 metros cúbicos e 4.675 toneladas.

As empresas interesadas en participar na poxa pública teñen de prazo para presentar a documentación requirida os 26 días naturais seguintes ao da súa publicación no DOG. Cada licitador deberá presentar para cada oferta dous sobres pechados, un coa documentación administrativa e outro coa oferta económica. A mesa de contratación realizará a apertura das proposicións o noveno día hábil contado a partir da finalización do prazo, no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Ourense.

A información sobre a documentación precisa para participar na poxa pódese consultar no Diario Oficial de Galicia. No enderezo mediorural.xunta.es/forestal/poxas están dispoñibles todos os datos dos lotes subastados e mapas coa situación dos montes dos que procede a madeira.

Datos por distritos

Do Distrito Forestal XI Ribeiro-Arenteiro subástanse 8 lotes procedentes dos concellos de Avión, Beariz, Boborás, O Irixo e Leiro. A poxa inclúe tamén 4 lotes do Distrito Forestal XII Miño-Arnoia, dos que 3 proceden de Monte Medo de Tioira e de Villardecas, en Maceda, e un de Monte A Grela, en Toén. Do Distrito Forestal XIII Valdeorras-Trives son cinco lotes; tres de Castro Caldelas, un de Montederramo e outro da Veiga.

Case a metade dos lotes, 20 en total, extraeranse dos montes do Distrito Forestal XIV Verín-Viana. Os concellos do distrito dos que se poxará máis madeira son Laza, Monterrei, Riós e Vilardevós, con tres lotes cada un deles. Pola súa banda, dos concellos da Mezquita e de Castrelo do Val poxarase por cadanseu par de lotes. Os catro lotes restantes correspóndense con madeira que se extraerá dos concellos da Gudiña, Cualedro, Verín e Viana.

Finalmente, do Distrito Forestal XV A Limia, sairán a subasta nove lotes dos concellos de Lobeira, Vilar de Barrio, Sarreaus e Lobios.

Fonte: http://mediorural.xunta.es/

Comentarios

Entradas populares de este blog

LA FRACCIÓN DE CABIDA CUBIERTA

Documentacion y Legislación