A Xunta presenta as Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR) para facer posible unha xestión eficiente e rendible do monte


Esta nova figura societaria, baseada no dereito privado, foi explicada hoxe ao sector forestal polo conselleiro do Medio Rural e o director xeral de Montes

Este instrumento nace para fomentar a creación de agrupacións de propietarios e para posibilitar o seu acceso a fórmulas societarias voluntarias que permitan acadar a viabilidade económica de xeito sostible

A Xunta ven de presentar unha figura societaria, baseada no dereito privado, orientada á ordenación forestal a partir dun modelo de xestión conxunta e sostible que posibilite a posta en valor do monte. Trátase das Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR), que foron explicadas hoxe polo conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, e o director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, a máis dun cento de representantes deste sector en Galicia.


O principal obxectivo desta nova figura é facer posible unha xestión máis eficiente e rendible do monte, a partires das pequenas parcelas de propiedade forestal particular existentes. As premisas tidas en conta pódense resumir na procura dunha xestión forestal sostible, baseada na viabilidade económica e a sustentabilidade social e ambiental.


Por outra banda, trátase dun modelo voluntario; de responsabilidade limitada ás aportacións para os socios; baseado no mantemento da propiedade por parte dos titulares dos terreos, que aportan o uso dos mesmos á sociedade; cun obxecto social especificamente orientado á xestión, aproveitamento e comercialización dos recursos de xeito conxunto. Esta figura contempla a posibilidade de incorporación de socios que aporten recursos de capital, debendo manter sempre os propietarios dos terreos as maiorías na toma de decisións.

A través da viabilidade na xestión forestal o que se persigue en definitiva é a consolidación da propiedade particular, a loita contra o abandono do monte e a mellora na prevención dos incendios forestais.

Estudo pormenorizado

A creación das SOFOR partiu dun estudo pormenorizado dos distintos modelos societarios vixentes de cara á súa aplicación no eido forestal.

Ademais, tívose en conta que a maioría da superficie forestal de Galicia é de propiedade particular, sendo a correspondente a monte público de tan só un 3% do total. Ademais, o número de propietarios estímase nuns 600.000 e a propiedade media sitúase nunhas tres hectáreas, dividida á súa vez en ata 15 parcelas de diferente titularidade.

Xa que logo, é evidente que a propiedade do monte en Galicia –agás os montes veciñais en man común– é minifundista e está moi atomizada, factores ambos que condicionan o aproveitamento desta riqueza, que debe aportar rendas e emprego no medio rural galego.

Economías de escala

A partir desta análise, as SOFOR nacen, precisamente, para fomentar a creación de agrupacións de propietarios que xestionen conxuntamente as súas propiedades acadando economías de escala e, por outra banda, para promover o investimento público e privado (empezando polos propios propietarios) e o acceso ás distintas fontes de financiamento dispoñibles para outros sectores, recursos todos eles necesarios para unha efectiva capitalización do monte que xere as tan necesarias rendas económicas para a propiedade, xa que se considera que non é posible unicamente con investimento público mobilizar o monte privado.

Trátase dun cambio drástico na orientación da xestión forestal tamén no eido ambiental, xa que este modelo de agrupación de propietarios vai ter unha incidencia directa en aspectos coma o freo ao proceso de abandono do monte, a diminución do risco de incendios forestais ou mesmo para axudar na fixación de gases de efecto invernadoiro.

Ademais, nas SOFOR cabe tamén o concepto multifuncional do monte, no sentido de contemplar este recurso non só no que atinxe ao aproveitamento da madeira, senón tamén doutras importantes producións, caso dos froitos (castañas, cogomelos, etc.) ou o ordenado aproveitamento de pastos nos terreos forestais, entre outras.

Fórmula voluntaria

Fronte a esta nova fórmula societaria voluntaria e dirixida ao propietario forestal, as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR) promovidas polo anterior goberno galego non dan resposta a estas necesidades. Son entidades de dereito administrativo ás que se encomenda a xestión dos terreos forestais. Son forzosas para ata o 50% da propiedade e unicamente contemplan a obriga do cumprimento dun instrumento de xestión forestal aprobado pola Administración. Non contemplan o aproveitamento e comercialización conxunta das producións forestais, xa que responden máis a un modelo de reorganización da propiedade e imposición dun instrumento de xestión aos propietarios implicados.

Ademais, as UXFOR –tal e como foron deseñadas– constitúen, na práctica, entes instrumentais da propia Comunidade Autónoma, equiparables ás entidades dependentes da Administración, e concebidas sobre todo para a prevención de incendios forestais, o que as imposibilita como instrumento eficaz para a xestión rendible dos montes.

Por outra banda, cómpre sinalar que a día de hoxe ningunha iniciativa relacionada coas UXFOR chegou á fase de solicitude de constitución.

ANEXO. Comparativa UXFOR – SOFOR

Fuente: http://mediorural.xunta.es/

Comentarios

Entradas populares de este blog

Tablas de precios orientativos de la madera

Documentacion y Legislación