Medio Rural programa diferentes actos en toda Galicia con motivo do ‘Día Forestal Mundial’



  • A Consellería que dirixe Samuel Juárez organiza para esta xornada, que se enmarca no Ano Internacional dos Bosques, diversos eventos nos dezanove distritos nos que se estrutura Galicia desde o punto de vista forestal
  • As actividades van enfocadas principalmente aos escolares, co obxectivo fundamental de conciencialos e implicalos –como á sociedade galega en xeral–sobre a importancia ambiental e económica do monte na nosa Comunidades
  • Dúas terceiras partes do territorio galego corresponden a superficie forestal
  • A xunta está a impulsar unha nova Lei de Montes e creou a figura das Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR), para lograr unha xestión máis eficiente e rendible do monte.


Con motivo da celebración do Día Forestal Mundial (promovido pola UNESCO e coñecido popularmente como o ‘Día da Árbore’), que coincide este ano ademais coa conmemoración do Ano Internacional dos Bosques, a Consellería do Medio Rural organizou diferentes actos divulgativos nos dezanove distritos nos que se estrutura Galicia desde o punto de vista forestal. Na seguinte táboa amósase a distribución dos diferentes distritos
O principal obxectivo de todas estas actividades é o de concienciar e implicar á sociedade galega no seu conxunto, e de maneira especial aos escolares, sobre a importancia ambiental e económica do sector forestal na nosa Comunidade. Neste sentido, compre lembrar que, en números redondos, dúas terceiras partes do territorio galego corresponden a superficie forestal.

Así, levaranse a cabo plantacións de árbores (especialmente frondosas); charlas informativas en centros escolares sobre aspectos como a necesidade de coidar a riqueza forestal ou a prevención de incendios; demostracións de traballos silvícolas para os máis pequenos; rutas guiadas; representacións teatrais relacionadas coa temática do día, concursos de poesía, etc.

Acto central

O acto central da xornada terá lugar no monte Pedroso, nas inmediacións de Santiago, no que os conselleiros de Educación e Ordenación Universitaria e Medio Rural realizarán unha plantación de frondosas, actividade na que acompañarán a un grupo de escolares da comarca compostelá.

Lei de Montes e SOFOR

Dentro da política forestal da Xunta, dúas das principais iniciativas xa en marcha son a nova Lei de Montes, actualmente en fase de borrador (entregado este mes de marzo aos integrantes do Consello Forestal de Galicia) e cuia aprobación está prevista nesta mesma lexislatura, e a creación da figura das Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR).

O principal obxectivo das SOFOR, figura aprobada polo Consello da Xunta o pasado día 10, é o de facer posible unha xestión máis eficiente e rendible do monte, a partires das pequenas parcelas de propiedade forestal particular existentes.

Ano Internacional dos Bosques

Con motivo da declaración de 2011 como Ano Internacional dos Bosques e a celebración deste Día Forestal Mundial, a Organización das Nacións Unidas (ONU) fixo pública unha resolución na que salienta que os bosques e a súa administración sostible poden contribuír de xeito significativo ao desenvolvemento económico, a erradicación da pobreza e a consecución dos obxectivos internacionais de desenvolvemento.

A organización internacional empraza tamén ás administracións públicas e á sociedade civil en xeral a manter unha administración sostible de tódolos tipos de ecosistemas forestais, incluíndo os máis fráxiles, pensando especialmente no beneficio das xeracións actuais e futuras.

Desde a ONU faise ademais unha chamada a gobernos, organizacións rexionais e internacionais e colectivos concienciados coa defensa do medio ambiente para apoiar as actividades relacionadas con estas conmemoracións.

En coherencia con esta chamada, a Xunta, a través da Consellería do Medio Rural, programou un completo abano de actividades, que se prolongarán máis aló do propio Día Forestal Mundial ao longo de toda a vindeira semana.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Tablas de precios orientativos de la madera

LA FRACCIÓN DE CABIDA CUBIERTA