jueves, 12 de mayo de 2011

Fernández-Couto presenta as SOFOR como a mellor garantía de sustentabilidade para o monte galego


O director xeral de Montes participou no Congreso Internacional ‘Xestión Forestal no territorio do futuro:
 incidencia nos ciclos da auga e do carbono', que se desenvolveu en Compostela

As Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR) son a mellor garantía de sustentabilidade para o monte galego, no caso das propiedades particulares, segundo indicou hoxe o director xeral de Montes da Consellería do Medio Rural, Tomás Fernández-Couto. O titular de Montes participou no Congreso Internacional “Xestión Forestal no territorio do futuro: incidencia nos ciclos da auga e o carbono”, organizado pola Unión de Silvicultores do Sur de Europa e a Plataforma Tecnolóxica Forestal Galega en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela.


Na súa intervención, o director xeral referiuse ás SOFOR como “un valor seguro para mellorar a capacidade de aplicar xestión sustentable do monte e para a defensa contra o lume”. Segundo sinalou o director xeral de Montes, a xestión conxunta de propiedades forestais a través das SOFOR representa a principal aposta da Xunta en materia de ordenación do monte galego e faise co convencemento de que potenciará a viabilidade económica e a sustentabilidade dos recursos forestais. Ademais, “grazas a esta figura reducirase o abandono do monte e comezaremos a deixar definitivamente atrás o minifundismo que impediu ata o de agora o verdadeiro despegue do sector forestal en Galicia”.

Para Fernández-Couto a xestión conxunta de superficies amplas permitirá o deseño de accións globais. Isto redundará “en maiores beneficios económicos para as persoas propietarias dos terreos e en maiores beneficios ambientais para o conxunto da sociedade”. As SOFOR preséntanse así, en opinión do director xeral “como unha oportunidade real para a integración da xestión forestal nas políticas ambientais”, xa que unha masa mellor xestionada “permite captar máis dióxido de carbono e garante o ciclo de auga”, entre 
outros aspectos positivos.

Xestión sostible e rendible



O titular de Montes sinalou a recente entrada en vigor do Decreto de creación das Sociedades de Fomento Forestal, publicado no Diario Oficial de Galicia o pasado 23 de marzo. A normativa regula as agrupacións de propietarios forestais co obxectivo de favorecer unha xestión sostible e rendible do monte galego. Para o director xeral, as principais características das SOFOR son basearse na voluntariedade dos seus integrantes, que sempre manterán a titularidade sobre os terreos que achegan, a profesionalización da xestión, o acadar economías de escala para as explotacións forestais, e fortalecer a situación dos propietarios do monte no mercado da madeira. En todo caso, a SOFOR é unha figura válida para calquera aproveitamento forestal como o de pastos en terreos forestais. Así mesmo, facilitará o proceso de certificación forestal.