XUNTA DE GALICIA: Axudas Fomento da primeira forestación de terras non agricolas


ORDE do 10 de setembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para o fomento da primeira forestación de terras non agrícolas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007/2013, e se convocan para o ano 2013.

  • Obxecto

Establecer as bases que regulan as axudas para fomentar a primeira forestación de terras non agrícolas e proceder a súa convocatoria para o ano 2013 en réxime de concorrencia competitiva, a través de dúas liñas de axuda.

O disposto nesta orde será de aplicación para todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con exclusión:
a) Dos bosques ou outras superficies forestais que sexan propiedade da Administración central ou autonómica.
b) Dos bosques e outras superficies forestais propiedade da Coroa.
c) Dos bosques que pertenzan a empresas públicas.
d) Dos bosques propiedade de persoas xurídicas, cando polo menos o 50 % do seu capital pertenza a algunha das institucións anteriormente citadas.

Tipos de superficies obxecto de axuda

1. Poderán ser obxecto de axuda aqueles terreos que estean identificados no Sistema de identificación xeográfica de parcelas agrícolas (Sixpac) como:
- Forestal (FO).
- Pasto con arboredo (PA).
- Pasto arbustivo (PR).

2. Nos terreos en que existise tradicionalmente arboredo non se poderán solicitar estas axudas.

3. En todo caso, será de aplicación o disposto no capítulo II da Orde do 24 de xaneiro de 2005 (DOG nº 19, do 28 de xaneiro), da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, que establece o Sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas en Galicia.

4. A superficie de actuación será a suma da superficie de forestación máis a superficie da área de defensa.

5. Ao abeiro do establecido no PDR de Galicia, as zonas para forestar, xa sexan terras agrícolas abandonadas, terreos de ermo, terreo con arbustos e matos ou arborado cunha fracción de cabida cuberta inferior ao 20 %, que estean identificadas nalgún dos tres grupos do Sixpac indicados no número 3.1, non deberán ter recibido ningunha utilización nin intervención agraria durante polo menos 10 anos sucesivos antes de subscribir o compromiso.

  • Beneficiarios: 

As sociedades de fomento forestal, os propietarios particulares de forma individual, as sociedades ou agrupacións de propietarios particulares legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os pro indivisos, os de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas ou as comunidades de montes veciñais en man común.



Obrigas dos beneficiarios

1. Coidados culturais mínimos: 

Durante cinco (5) anos, contados a partir da data de remate dos traballos, realizarase obrigatoriamente, como mínimo, o control da vexetación de competencia e a reposición de calvos e no caso de que o estado da forestación o requira:
a) Podas de formación e de calidade.
b) Fertilización cando o estado da planta o demande.
c) Mantemento das infraestruturas de defensa da forestación.

Cando se trate de plantacións de castiñeiro para froito, realizarase o enxerto unha vez que transcorra un ano, ou como máximo dous, desde a súa implantación.

2. O beneficiario da axuda e o solicitante están obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, e a levar un sistema de contabilidade separado, ben un código contable adecuado para todas as transaccións relativas ás axudas solicitadas ao abeiro desta orde.

3. O solicitante e o beneficiario están obrigados a realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

4. No caso de achado casual de obxectos e restos materiais que posúan valores que son propios do patrimonio cultural galego, o descubridor deberá comunicarllo inmediatamente á Consellería de Cultura e Turismo, de conformidade coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, pola que se regula o patrimonio cultural de Galicia. 

5. As actuacións na zona lateral de protección do Camiño de Santiago seranlle comunicadas polo solicitante á Consellería de Cultura e Turismo, co obxecto de contar coa súa autorización previa de conformidade coa Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos Camiños de Santiago.


  • Documentación


Documentación para presentar xunto coa solicitude:
    • a) Documentación xeral:
      • a.1) Fotocopia do DNI, NIF do solicitante, do representante deste e dos membros que constitúen os pro indivisos, os de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens.

        As persoas físicas que consintan expresamente na solicitude a autorización de comprobación por parte do órgano competente da Administración, a través de medios electrónicos, dos seu datos persoais non terán que presentar a copia do DNI ou NIF.
      • a.2) Declaración doutra axudas segundo o anexo XII desta orde.
    • b) Documentación específica:
      • b.1) Para agrupacións formalmente constituídas en trámites de alta no Rexistro Xeral de Asociacións da Xunta de Galicia, presentarán debidamente asinado por todos e cada un dos compoñentes da agrupación o anexo X ou acordo de cesión.
      • b.2) Para pro indiviso, de varas, fabeo, de vocerío, de voces, abertais e comunidade de bens presentarán debidamente asinado por todos e cada un dos seus compoñentes o anexo XI Acordo de compromisos e obrigas.
  • Documentación para presentar unha vez que sexa requirido pola Administración de acordo co establecido no artigo 16.4 desta orde:
    • Documentación xeral:
      • a) Documentación acreditativa dos méritos reflectidos na declaración xurada.
      • b) As comunidades de montes veciñais en man común, as sociedades e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas, cooperativas agrícolas, pro indivisos, de varas, abertais, de voces, vocerío, de fabeo, comunidades de bens, entidades locais, outras persoas xurídicas e os propietarios particulares de xeito individual que soliciten axuda para unha superficie de actuación igual ou superior a 10 hectáreas deberán presentar o proxecto e unha copia, asinado por enxeñeiro de montes ou enxeñeiro técnico forestal, e o nomeamento do director de obra.
      • c) Documento descritivo das actuacións, ou anexo XIV, no caso de propietarios particulares de xeito individual que soliciten axuda para unha superficie de actuación inferior a 10 hectáreas.
      • d) Unha copia compulsada do documento que acredite a titularidade dos terreos.
    • Documentación para comunidades de montes veciñais en man común:
      • Certificado do acordo tomado en asemblea xeral, asinado polo secretario, conforme autorizan o presidente da comunidade para pedir axudas á Consellería do Medio Rural e do Mar para a execución das accións obxecto da solicitude.
      • Certificado de ingresos e reinvestimento en melloras no monte veciñal en man común (anexo XIII).
    • Documentación complementaria:
      • a) Para agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas: NIF e documento acreditativo de constitución desta onde consten as persoas que forman parte da dita sociedade ou agrupación.

        A agrupación deberá estar de alta no Rexistro Xeral de Asociacións da Xunta de Galicia na data do remate do prazo concedido no requirimento para achega da documentación acreditativa dos méritos.
      • b) No caso de cooperativas agrarias: copia dos estatutos.
      • c) No caso doutras entidades xurídicas: copia dos estatutos ou escrituras de constitución e acreditación da persoa física que as representa.
      • d) No caso de entidades locais: certificado do secretario municipal conforme foi informada a comisión de goberno da solicitude de axuda.
      • e) No caso dos pro indivisos, os de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens deberán presentar a xustificación acreditativa da representación na persoa designada na solicitude mediante constancia fidedigna en documento público ou comparecencia persoal ante un funcionario desta Administración pública.
      • f) Para todos: certificado do concello correspondente en que se indique a clasificación urbanística do solo.
      • g) Para todos: declaración responsable en que se relacionen as parcelas Sixpac, a súa clasificación catastral e a urbanística para a superficie para a cal solicitan a axuda.
  • As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es

    Tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

    En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.
Fonte: https://sede.xunta.es/·         

Comentarios

Entradas populares de este blog

Tablas de precios orientativos de la madera

LA FRACCIÓN DE CABIDA CUBIERTA