martes, 23 de julio de 2013

COMUNICADO DO SECTOR FORESTAL SOBRE AS ORDENANZAS MUNICIPAIS.



Ante a proliferación de ordenanzas municipais que gravan a actividade forestal, lastran a rendibilidade dos propietarios e a competitividade das empresas, o sector quere denunciar que discriminación, provocan inseguridade xurídica e poñen en risco a xeración de riqueza nas comarcas rurais. 

Estas ordenanzas impoñen limitacións e prohibicións, licenzas ou autorizacións co abono das correspondentes taxas, novos rexistros empresariais, fianzas ou avais que superan en moitos casos o valor da madeira obxecto da corta e, finalmente, deseñan un réxime sancionador. 

A lei 7/2012, do 28 de xuño, de Montes de Galicia derroga estas ordenanzas municipais para os aproveitamentos forestais. Sen embargo, 80 concellos teñen en vigor esta lexislación e outros 20 queren aprobar novas medidas. 

Confemadera Hábitat Galicia quere subliñar que estas ordenanzas: 

— Discriminan a actividade forestal, porque non se aplican a outros sectores primarios, nin industriais 

— Reducen a competitividade das pequenas e medianas empresas da comarca por incremento da tramitación administrativa e dos custes (taxas e avais) 

— Empobrecerán o medio rural galego, xa que os propietarios forestais obterán unha menor rendibilidade e os negocios locais (talleres, ferraxerías, bares…) verán reducida a súa actividade 

— Son oportunistas. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 52 concellos a actividade forestal representa o 30% das industrias asentadas, e noutros 6 representa o 50%. En moitos destes concellos existen estas ordenanzas e declaran a mobilización de madeira como “actividade extraordinaria” 

O sector forestal espera que se cumpra a lexislación vixente e pide ós concellos que eliminen obstáculos para un sector estratéxico no medio rural galego. Só así se poderá manter a actividade económica deste sector que, no ano 2012, permitiu a máis de 54.000 propietarios galegos obter 250 millóns de euros pola venda de madeira, empregou a 20.000 traballadores e xerou máis de 50.000 postos de traballo indirectos

Fuente: http://monteindustria.blogspot.com.es/

martes, 16 de julio de 2013

Subvencións para constituír e iniciar a actividade de sociedades de fomento forestal (SOFOR).

Datos solicitude
Prazo de presentación : 16/07/2013 - 30/09/2013.Comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2013.
Prazo de resolución : Cinco meses
Sentido do silencio administrativo : Negativo


Establecer as bases reguladoras das axudas para constituír e iniciar a actividade de sociedades de fomento forestal (Sofor) mediante convocatoria aberta en réxime de concorrencia competitiva.

Establécense dúas liñas de axuda:
a. Para constituír as sociedades de fomento forestal (Sofor).
b. Para iniciar actividade das sociedades de fomento forestal con inscrición definitiva no Rexistro de Sofor (RSofor). Este rexistro está xestionado pola Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes.

Os conceptos subvencionables para constituír unha Sofor e inscribila no RSofor son os seguintes:

a) O custo de investigación da propiedade e clasificación dos terreos en que se aplique un sistema acreditado e obxectivo de valoración dos dereitos de aproveitamento forestal. Este concepto non será subvencionable no caso das Sofor que inclúan terreos en proceso de concentración parcelaria ou que xa se atopen concentrados.
b) Os gastos notariais de constitución da Sofor.
c) O cartel informativo (modelo anexo X) que están obrigadas a colocar nun lugar visible nos terreos obxecto da subvención.

O IVE non é subvencionable.

No caso de que se solicite e conceda axuda para inscrición previa, non poderá solicitarse a axuda para a súa inscrición definitiva.

Os conceptos subvencionables para iniciar a actividade das sociedades con inscrición definitiva no RSofor son os seguintes:
a) Os gastos notariais e rexistrais necesarios para realizar a concentración privada das propiedades forestais integradas na Sofor.
b) Os custos de redacción do proxecto de obras e infraestruturas comúns.
c) Os custos de execución de infraestruturas comúns.
d) Os custos de redacción do instrumento de ordenación e xestión forestal.
e) O cartel informativo (modelo anexo X) que están obrigadas a colocar nun lugar visible nos terreos obxecto da subvención.

Durante o período da convocatoria non se concederá máis dunha subvención por cada un dos conceptos descritos nas epígrafes a) á d).

O IVE non é subvencionable.

Beneficiarios:

a) Liña 1 de axudas para constituír sociedades de fomento forestal (Sofor).

Poderán solicitar as axudas para constituír Sofor que se regula no artigo 4 desta orde:
a.1) As agrupacións de persoas propietarias forestais constituídas formalmente e inscritas no Rexistro de Asociacións da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de Galicia,
a.2) Outras entidades xurídicas de dereito privado que agrupen persoas propietarias forestais cunha finalidade de xestionar e comercializar en común os recursos forestais dos terreos que xestionen, inscritas segundo a lexislación sectorial que lle sexa de aplicación.
a.3) As Sofor con inscrición previa no rexistro (RSofor) para conseguir a súa inscrición definitiva, sempre e cando non obtivesen subvención para a súa inscrición previa.

b) Liña 2 de axudas para iniciar a actividade das sociedades con inscrición definitiva no Rexistro de Sofor (RSofor)

Poderán solicitar as axudas para iniciar da actividade de Sofor que se expón no artigo 5 desta orde as Sofor con inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal (RSofor).

Os mesmos terreos non poderán presentarse en máis dunha solicitude, o que será motivo de inadmisión de todas as solicitudes que se presenten sobre terreos coincidentes.

Independentemente do solicitante, o beneficiario final das axudas, tanto para liña 1 como para a liña 2 que se expoñen nos artigos 4 e 7 desta orde, será a sociedade de fomento forestal (Sofor) inscrita no RSofor.

Obrigas dos beneficiarios

1. O beneficiario da axuda está obrigado a facilitar toda a información que a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas lle requira no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.
2. O beneficiario está obrigado a someterse a calquera actuación que a Administración concedente poida realizar para comprobar que se aplican as axudas á finalidade que determinou a súa concesión, que se cumpren os requisitos exixidos para a concesión e o pagamento da axuda e a manter as condicións establecidas nas bases reguladoras, a convocatoria e a resolución de concesión.
3. O beneficiario está obrigado a apuntar na contabilidade da empresa os movementos relativos ás subvencións percibidas, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Nos terreos obxecto de solicitude de axuda deberá cumprirse o disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, no Decreto 105/2006, do 22 de xuño, que regula as medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais.
5. O beneficiario está obrigado a manter a actividade de calquera das liñas obxecto da subvención durante un prazo de 15 anos.

Requisitos:

Para obter a condición de beneficiario, deberanse cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.



  • Documentación xeral:
    • a) Solicitude, asinada polo representante legal ou persoa acreditada, segundo o modelo que figura no anexo I desta orde. Neste modelo de solicitude inclúese unha declaración responsable, ao abeiro do establecido no artigo 20.4 da Lei de subvencións de Galicia, en que o solicitante declara baixo a súa responsabilidade que todos os datos reflectidos na solicitude son certos. Neste caso, con anterioridade á proposta de resolución da concesión da subvención requirirase a presentación da documentación que acredite a realidade dos datos contidos na declaración nun prazo de 15 días.
    • b) Copia do NIF da entidade solicitante.
    • c) A solicitude de axudas comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellaría de Facenda da Xunta de Galicia.
    • d) Anexo V, declaración do solicitante da axuda do conxunto de todas as solicitudes percibidas, solicitadas ou autorizadas para o mesmo proxecto ou actividade que a axuda solicitada ao abeiro desta orde, ante as administracións públicas competentes ou doutros entes. Tamén inclúe o anexo V a declaración expresa doutras axudas sometidas ao réxime de minimis.
    • e) Para cada investimento igual ou superior a 18.000 euros sen IVE deberase achegar contrato, factura pro forma ou similar de 3 provedores distintos, con indicación do prazo de entrega, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren. No caso de obra civil, deberase presentar esta documentación para cada investimento igual ou superior a 50.000 euros sen IVE. O investimento subvencionable elixirase conforme criterios de eficiencia e economía, e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta máis económica.

  • Documentación específica:

    • Liña 1 para crear Sofor:

      • a) Certificado do Rexistro Xeral de Sociedades Mercantís da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado do Ministerio de Xustiza ou do rexistro competente, de non figurar inscrita a futura denominación social da Sofor que se vai constituír.
      • b) Proxecto de estatutos da Sofor.
      • c) Para agrupacións formalmente constituídas de persoas propietarias forestais: NIF e documento acreditativo de constitución da agrupación onde consten as persoas e as propiedades que forman parte da dita sociedade ou agrupación e copia dos estatutos ou escrituras de constitución, acordo de cesión segundo o anexo II desta orde e acreditación da persoa física que as representa. A Administración comprobará, de oficio, a súa inscrición no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia.
      • d) No caso doutras entidades xurídicas: copia dos estatutos ou escrituras de constitución, acreditación da persoa física que as representa e documento de compromiso dos membros das entidades xurídicas de dereito privado segundo o anexo III.

    • Liña 2 para iniciar a actividade da Sofor:

      • a) Memoria asinada detallada do contido que se vai desenvolver.
      • b) Para a subvención dos custos de redacción do proxecto de obras e infraestruturas comúns e dos custos de execución de infraestruturas comúns, presentarase :
      • - Un plano asinado por persoal técnico competente en materia forestal, de acordo co establecido na definición 24 do artigo 8 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, coa localización das infraestruturas que se pretende executar.
        - O nomeamento do director da obra no caso dos custos de execución de infraestruturas.Deberase acreditar a competencia en materia forestal mediante a presentación do título universitario oficial.Para os interesados que presentasen unha solicitude en convocatorias anteriores para o mesmo concepto, e esta non fose aprobada ou non admitida a trámite, será suficiente coa presentación dun novo impreso de solicitude. Non obstante, no caso que se tivese producido algún cambio, deberá achegar a documentación acreditativa deste. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es)

  • Tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

    En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.
NORMATIVA AUTONÓMICA
Orde do 2 de xullo de 2013 pola que se establecen as bases que regulan as axudas para constituír e iniciar a actividade de sociedades de fomento forestal (Sofor) e se convocan para o ano 2013 (DOG nº 133 do 15 de xullo de 2013).Ligazón á normativa

lunes, 1 de julio de 2013

ORDE do 14 de xuño de 2013 pola que se determina a época de perigo alto de incendios.

ORDE do 14 de xuño de 2013 pola que se determina a época de perigo alto de incendios.

O artigo 9 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, modificada pola Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece que, en consideración aos antecedentes e datos históricos sobre o risco de aparición de incendios forestais en Galicia e sobre a incidencia das variables meteorolóxicas no comportamento do lume, a consellería con competencias en materia forestal definirá a época de perigo alto que condicionará a intensidade das medidas que se vaian adoptar para a defensa do territorio de Galicia.

As análises espazo-temporais dos incendios forestais en Galicia nos últimos vinte anos reflicten dúas épocas cun incremento notable da actividade incendiaria que, polo tanto, se deben considerar como épocas de perigo alto de incendios:

Unha época fixa no período estival, que se corresponde normalmente coa campaña de incendios, durante os meses de xullo, agosto e setembro.
Unha época variable, cunha duración aproximada dun mes, que oscila normalmente entre os meses de febreiro, marzo e abril.

Nestas épocas o despregamento de medios de extinción e alerta deberá ser máximo, en función dos índices de risco.

A ampliación como período de perigo alto da época fixa no período estival, así como a declaración como perigo alto da época variable, requiren de mecanismos áxiles e eficaces que permitan dar a coñecer estas circunstancias de modo inmediato aos medios implicados nos traballos de prevención e defensa contra incendios forestais, xa que os índices de risco de incendios e as predicións meteorolóxicas de que se dispón na actualidade só permiten facer previsión fiables como máximo a tres días. Por isto, procede establecer un medio dotado de maior celeridade que permita o coñecemento xeral e a adecuada publicidade da previsión de novos períodos para lles ofrecer maior seguridade e garantías aos cidadáns.
Con base no exposto, e ao abeiro do establecido na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Época de perigo alto de incendios
Decláranse como época de perigo alto de incendios forestais durante o ano 2013 as datas comprendidas entre o 1 de xullo e o 30 de setembro.
Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento
Facúltase o secretario xeral de Medio Rural e Montes para ditar cantas instrucións sexan precisas para modificar as ditas datas e declarar como perigo alto outras épocas do ano, cando as condicións meteorolóxicas ou outras circunstancias agraven o risco de incendios.

Disposición derradeira segunda. 

Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.