ORDE do 14 de xuño de 2013 pola que se determina a época de perigo alto de incendios.
ORDE do 14 de xuño de 2013 pola que se determina a época
de perigo alto de incendios.
O artigo 9 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e
defensa contra os incendios forestais de Galicia, modificada pola Lei 7/2012,
do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece que, en consideración aos
antecedentes e datos históricos sobre o risco de aparición de incendios
forestais en Galicia e sobre a incidencia das variables meteorolóxicas no
comportamento do lume, a consellería con competencias en materia forestal
definirá a época de perigo alto que condicionará a intensidade das medidas que
se vaian adoptar para a defensa do territorio de Galicia.
As análises espazo-temporais dos incendios forestais en
Galicia nos últimos vinte anos reflicten dúas épocas cun incremento notable da
actividade incendiaria que, polo tanto, se deben considerar como épocas de
perigo alto de incendios:
Unha época fixa no período estival, que se corresponde
normalmente coa campaña de incendios, durante os meses de xullo, agosto e
setembro.
Unha época variable, cunha duración aproximada dun mes, que
oscila normalmente entre os meses de febreiro, marzo e abril.
Nestas épocas o despregamento de medios de extinción e
alerta deberá ser máximo, en función dos índices de risco.
A ampliación como período de perigo alto da época fixa no
período estival, así como a declaración como perigo alto da época variable,
requiren de mecanismos áxiles e eficaces que permitan dar a coñecer estas
circunstancias de modo inmediato aos medios implicados nos traballos de
prevención e defensa contra incendios forestais, xa que os índices de risco de
incendios e as predicións meteorolóxicas de que se dispón na actualidade só permiten
facer previsión fiables como máximo a tres días. Por isto, procede establecer
un medio dotado de maior celeridade que permita o coñecemento xeral e a
adecuada publicidade da previsión de novos períodos para lles ofrecer maior
seguridade e garantías aos cidadáns.
Con base no exposto, e ao abeiro do establecido na Lei
1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único. Época de perigo alto de incendios
Decláranse como época de perigo alto de incendios forestais durante
o ano 2013 as datas comprendidas entre o 1 de xullo e o 30 de setembro.
Disposición derradeira primeira. Facultade de
desenvolvemento
Facúltase o secretario xeral de Medio Rural e Montes para
ditar cantas instrucións sexan precisas para modificar as ditas datas e
declarar como perigo alto outras épocas do ano, cando as condicións
meteorolóxicas ou outras circunstancias agraven o risco de incendios.
Disposición derradeira segunda.
Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario
Oficial de Galicia.
Comentarios
Publicar un comentario