Enxeñeiros pontevedreses deseñan unha ferramenta que mide a madeira que produce o pequeno propietario


Unha porcentaxe importante das vendas de madeira de Galicia son xestionadas por pequenos propietarios forestais e polas comunidades de montes. Non obstante, dada a súa “escasa” preparación técnica, moitos deles non son conscientes do volume e do valor da madeira que poñen á venda, quedando á mercé das estimacións do comprador. Conscientes desta realidade, profesores e investigadores da EE Forestal deseñaron unha ferramenta informática que permite, “dunha forma sinxela”, medir a madeira e a biomasa que produce un monte, incluída dentro do Manual para a cubicación, taxación e venda de madeira en pé e biomasa forestal, que foi presentado este xoves aos principais actores do sector forestal galego. 

Os autores do libro, os profesores Enrique Martínez Chamorro e Luis Ortiz e os investigadores Raquel Dopazo, Daniel Vega e Martín González, desenvolveron unha aplicación que facilita información sobre o nivel de produción de madeira dunha parcela e o prezo de mercado, pensada principalmente “para os pequenos e medianos silvicutores e para os novos profesionais que se incorporan a este mundo” co obxectivo de mellorar o proceso de comercialización do sector. Como explicou o profesor Martínez Chamorro durante a presentación, a pesar de que algunhas asociacións de propietarios forestais prestan o servizo para cubicar e valorar as árbores, “non son unhas operacións frecuentes e como consecuencia, moitos dos pequenos propietarios descoñecen con exactitude o prezo e o volume do que están a por á venda”. Con esta nova aplicación, cada individuo terá un coñecemento “real” da madeira que produce e do seu valor no mercado. 



Unha aplicación necesaria

Juan Picos, secretario da Escola da Enxeñaría Forestal, destacou a relevancia desta aplicación para o correcto funcionamento do sector forestal xa que a maior parte das operacións económicas son realizadas polos pequenos propietarios e polas comunidades de montes. “Das 47.000 vendas de madeira que se levaron a cabo en 2011, a maior parte delas foron transaccións privadas entre individuos”, aclarou, consecuencia de que o 63% da superficie forestal de Galicia sexa propiedade privada. Picos tamén salientou que no pasado ano vendéronse un total de 7,7 millóns de metros cúbicos de madeira, “cifra moi próxima a datos de 2008, cando se alcanzara o maior rexistro histórico”. Para o secretario do centro, estes datos poñen de manifesto que, nun contexto desfavorable, “o monte segue a ser un sector emerxente”. 

Ademais da aplicación informática, o manual recompila “dunha forma rápida e ampla” os principais conceptos e realidades “que necesitan saber os pequenos silvicultores para o seu día a día”, sinalou Chamorro. Así, a publicación inclúe, entre outros temas, unha clasificación dos tipos de biomasa, as fases do aproveitamento forestal, formas de facer a taxación, tarifas de cubicación da madeira, o inventario, os trámites administrativos aos que hai que enfrontarse no momento da venda... Como sinalou Juan Picos, este libro convértese nun exemplo máis da transferencia de coñecemento da Universidade á sociedade “amosando como os recursos e as investigacións están ao servizo da cidadanía”. 



Software Cubi5Galicia

O investigador Martín González foi o responsable do deseño da aplicación informática que a bautizou co nome de Cubi5Galicia. Cunha navegación sinxela, o usuario ou usuaria debe introducir na páxina principal datos xerais sobre a propiedade forestal a medir, como o tipo de monte e de propiedade, o número de rexistro, o concello ao que pertence e a especie que ten plantada. Tras esta primeira descrición, o programa define o diámetro e a altura da masa forestal da parcela para logo estimar a cubicación. Finalmente a ferramenta facilita o volume total e o prezo en fábrica da madeira para o tipo de especie fixada, permitindo ademais o cálculo da biomasa que representa en función de seis categorías: o tronco, a cortiza, as ramas grosas e finas, as ramillas e as follas.

Comentarios

Entradas populares de este blog

LA FRACCIÓN DE CABIDA CUBIERTA

Las castañas son seis veces más rentables que los eucaliptos