Galicia avoga pola agrupación de propietarios forestais para favorecer a mobilización sustentable da madeira
Así o destacou o director xeral de Montes na xornada de presentación da “Guía de prácticas adecuadas para la movilización sostenible de la madera en Europa”, desenvolvida o 24 de Novembro en Madrid
O director xeral de Montes da Consellería do Medio Rural, Tomás Fernández-Couto Juanas, participou hoxe na xornada de presentación da “Guía de prácticas adecuadas para la movilización sostenible de la madera en Europa”, desenvolvida en Madrid pola Plataforma Tecnológica Forestal Española e Industrias Derivadas. Na súa intervención, o responsable da política forestal da Xunta avogou pola agrupación dos propietarios como vía para potenciar a sustentabilidade na xestión do monte e garantir a rendibilidade dos seus recursos, en especial da madeira.
Fernández-Couto referiuse á aposta que está a facer o Goberno de Galicia para facilitar a agrupación de propietarios forestais con plenas garantías xurídicas a través da creación das Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR). A Consellería do Medio Rural está xa ultimando o decreto que materializará esta proposta, co consenso de todos os axentes forestais de Galicia. O obxectivo é combater o minifundismo, como principal obstáculo para a posta en valor no mercado da madeira.
Xornada
A intervención do director xeral de Montes da Xunta enmarcouse nunha mesa redonda na que tamén participaron o responsables de política forestal dos gobernos de Asturias, Joaquín Arce; de Cantabria, Mª Eugenia Calvo; de Castela-A Mancha, Darío Francisco Dolz; e de Castela-León, José Ángel Arranz. Na xornada, desenvolvida no Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino, interviñeron tamén representantes europeos, como Virginia Cram-Martos, da Comisión Económica para Europa Naciones Unidas; Roland Beck, da Dirección General Desarrollo Agricultura y Medio Rural; e José María Solano, da Copresidencia da Conferencia Ministerial de Protección de Bosques para Europa. Estes expertos abordaron o posicionamento europeo para a mobilización da madeira.
O obxectivo do encontro foi a presentación da “Guía de prácticas adecuadas para la movilización sostenible de la madera en Europa”. A publicación, promovida polos organismos europeos presentes na xornada, nace como instrumento de apoio para as administración e entidades con competencias forestais. Trátase de proporcionar directrices claras e operativas, así como exemplos e medidas concretas para garantir a mobilidade sustentable da madeira en Europa.
Fonte: http://mediorural.xunta.es/
Comentarios
Publicar un comentario