Luz verde a Lei de Montes de Galicia

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


A Lei de Montes fomenta a xestión forestal a partir dun aproveitamento sostible e integral da súa riqueza 

  • Dado que o 97% da propiedade forestal é privada, particular ou veciñal en man común, establécese un marco claro que aporta seguridade xurídica aos propietarios forestais, auténticos protagonistas no marco da xestión forestal sostible
  • A norma, analizada hoxe no Consello da Xunta, regula de xeito amplo e pormenorizado todo o relativo á ordenación, planificación, defensa e aproveitamento do monte galego e busca reducir o tradicional minifundio da propiedade forestal
  • Ordena os aproveitamentos forestais optimizando as diversas actividades e usos que permite o monte (madeira, pastoreo, caza, biomasa, froitos, etc)
  • Por primeira vez regúlanse de maneira clara e simple, nunha única disposición, as distancias mínimas que teñen que cumprir as novas repoboacións forestais respecto doutros cultivos e de fincas, edificacións e instalacións, entre outros

A Lei de Montes elaborada pola Consellería do Medio Rural e analizada hoxe polo Consello da Xunta ten por obxecto establecer un réxime xurídico estable que se adecúa á realidade galega e dá resposta ás continuas demandas que formulan os distintos axentes vinculados ao sector forestal. Define polo miúdo as competencias das administracións públicas; clarifica o réxime xurídico dos montes e refire as distintas tipoloxías de propiedade forestal; impulsa instrumentos de planificación forestal, a través de plans de ordenación dos recursos forestais (PORF); define os distintos tipos de aproveitamentos do monte e regula as infraestruturas forestais e a cadea monte-industria.


O texto legal, cuxos detalles foron explicados polo presidente da Xunta e o conselleiro do Medio Rural na rolda de prensa posterior ao Consello, contempla tamén o relativo ás accións e instrumentos de fomento forestal (SOFOR); aborda ademais os recursos xenéticos forestais, a defensa fitosanitaria e a educación, divulgación, formación e investigación e introduce modificacións na Lei de prevención de incendios que favorecen o seu cumprimento e aplicación.

Importancia forestal de Galicia

A Lei de Montes quere contribuír a poñer en valor a importancia do sector forestal para a nosa Comunidade e o lugar esencial que ocupa Galicia nesta materia, como indiscutible primeira potencia forestal de España e unha das máis importantes de Europa.

Neste sentido, na exposición de motivos lémbrase que dúas terceiras partes do territorio galego son forestais, e que a superficie forestal arborada representa o 48% do total do territorio galego, superando os 1,4 millóns de hectáreas e producindo anualmente máis de 7 millóns de metros cúbicos de madeira, a mesma cantidade que todo o Reino Unido ou que Italia e Bélxica xuntas.

No inicio do texto lexislativo ponse o acento, ademais, na importancia ambiental do noso monte, insistindo en que unha parte significativa da Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos (polo tanto en Rede Natura) se atopa en terreos forestais, e recórdase que o monte é un espazo que determina en gran medida a paisaxe e a identidade da nosa Comunidade.

Propiedade privada

Por outra banda, signifícase que a gran maioría dos montes e terreos forestais galegos son de propiedade privada, incluíndo os chamados de varas, abertais, de voces ou de fabeo (propiedade de varias persoas, consonte ao costume), entre os que cabe incluír a figura tipicamente galega dos montes veciñais en man común, como propiedade privada de natureza xermánica especial colectiva. Con respecto a esta última, advírtese que esta lei non desenvolve o seu réxime xurídico ao considerarse que debe manter, como ata agora, unha singularidade normativa específica acorde co seu réxime xurídico, no marco definido polo Estatuto de Autonomía de Galicia.

Estrutura da lei

A Lei de Montes estrutúrase nun título preliminar; doce títulos (con 146 artigos en total); cinco disposicións adicionais; nove transitorias; unha derrogatoria e catro derradeiras, incorporando dous anexos nos que se relacionan as especies forestais de crecemento lento e, por primeira vez nunha única disposición, as distancias mínimas que teñen que cumprir as novas repoboacións forestais.

En  primeiro lugar, establécense os dereitos dos propietarios dos montes recoñecendo a súa función social. No apartado das competencias das administracións públicas inclúese o Consello Forestal de Galicia.

Reducir minifundismo

Defínese tamén a clasificación dos montes en función da súa titularidade e do seu réxime xurídico, diferenciando os montes públicos dos privados e detallando as distintas tipoloxías, cunha mención especial dos públicos e da figura do deslinde (delimitación dos perímetros dos montes), importante para afondar no obxectivo de reducir o minifundismo forestal.

Na Lei dise que o deslinde poderá ser promovido pola Administración ou a instancia dos propietarios ou titulares de dereitos sobre as parcelas. Detállase o procedemento e establécese que o deslinde aprobado e firme supón a delimitación do monte e declara con carácter definitivo o seu estado posesorio, a reserva do que puidera resultar dun xuízo declarativo de propiedade.

Parcelacións

En relación coa organización da propiedade, o artigo 69 establece límites ás parcelacións, divisións ou segregacións, de tal xeito que non se poderán realizar nin autorizar cando o resultado sexan parcelas de superficie inferior a 15 hectáreas. Do mesmo xeito, a efectos de obter axudas públicas, esixirase que os procesos de concentración parcelaria en terreos forestais cumpran, entre outros requisitos, o de dispoñer dunha superficie mínima, no ámbito a concentrar, de polo menos 15 hectáreas.

Actividade forestal
Concrétase tamén o concepto de “actividade forestal” como aquela relativa á conservación, mellora e aproveitamento dos montes (madeira, biomasa, pastos, caza, cogomelos, aromáticos, froitos). As modificacións entre os usos forestais e agrícolas son consideradas como cambios de actividade por esta Lei. Ademais, establecese que en terreos afectados por incendios forestais, non se poderá producir un cambio de uso nun período de 30 anos.

Os cambios de actividade forestal a agrícola, para a mellora da viabilidade das explotacións agrarias, e viceversa (da actividade agrícola á forestal), poderanse realizar cunha serie de cautelas que se establecen na propia norma. Así, por exemplo, no primeiro caso regúlase que o cambio en superficies maiores de cinco hectáreas será necesaria a autorización da Administración forestal e, naquelas poboadas de matogueiras ou especies do xénero Acacia poderase facer previa comunicación en terreos de ata quince hectáreas, sendo precisa a autorización para superficies maiores. Nas modificacións de actividade agrícola a forestal, só poderán forestarse os terreos agrícolas que non formen parte dun banco de terras ou instrumento semellante, e cando cumpran algún dos seguintes supostos: Que linden con terreos forestais, cando se utilicen frondosas caducifolias; que constitúan enclaves agrícolas de ata cinco hectáreas utilizando as especies das superficies limítrofes ou frondosas caducifolias ou que se destinen a plantacións forestais para determinados froitos (noces, cereixas, castañas ou similares).

Tamén se contemplan supostos especiais para os montes veciñais en man común, cuxos cambios de actividades estarán condicionados á modificación e aprobación do seu proxecto de ordenación; para espazos naturais, nos que existe a obriga de contar coa autorización da Dirección Xeral de Conservación da Natureza; para zonas de concentración parcelaria que deberán ter en conta o plan de ordenación de cultivos ou forestal.

Regúlanse tamén as repoboacións forestais e as súas condicións, prohibindo expresamente aquelas realizadas co xénero Eucaliptus naquelas superficies poboadas por determinadas especies de crecemento lento (un total de 23 diferentes coníferas e frondosas que se especifican no anexo I), incluso con posterioridade ao seu aproveitamento ou afectación por un lume forestal.

As novas repoboacións a partir da entrada en vigor desta norma deberán cumprir unhas distancias respecto doutros cultivos, así como de fincas, instalacións, etc., que se recollen no anexo II da Lei [Xúntanse ambos anexos].

Ordenación dos montes

O texto lexislativo dedica un capítulo á planificación e ordenación forestal, articulándose os instrumentos da mesma en torno a plans de ordenación de recursos forestais (PORF). Contémplase a redacción das instrucións xerais para a ordenación dos montes e os instrumentos de ordenación e xestión forestal, cuxo contido e estrutura axústanse ás necesidades dos propietarios, simplificándose ao máximo.

O instrumento de ordenación é obrigatorio para todos os montes, a partir de determinadas superficies, concretándose distintos prazos para o seu desenvolvemento. Neste sentido, o Plan Forestal de Galicia terá carácter vinculante e determinará o marco no que se elaborarán estes plans, que deben coordinarse cos correspondentes plans de prevención e defensa contra incendios forestais. As axudas e subvencións da Administración condicionaranse a que, no momento da solicitude, exista un instrumento de ordenación ou xestión aprobado e vixente, contemplando os prazos da normativa básica.

Aproveitamentos forestais
O título cuarto da nova lei regula os aproveitamentos forestais, distinguindo os madeirables dos non madeirables, entre os que destacan, pola súa incidencia social, económica e ambiental, o cinexético e o pastoreo, prestándose unha especial atención a este último. Establécese que o dereito de pastoreo no monte corresponde ao seu propietario e que o aproveitamento de pastos realizarase de xeito compatible e respectuoso coa conservación do potencial produtivo do monte e as actuacións de rexeneración do arborado. Ademais, o gando que deambule nas zonas forestais sen identificación nos casos nos que exista esta obriga legal, sen dono coñecido, terá a condición de mostrenco.

A xestión e administración destes animais será competencia dos concellos onde deambulen, podendo dispor deles. Os propietarios dos terreos forestais afectados poderán retirar polos seus propios medios dito gando e poñelo a dispor do concello. Dicir ademais que, no caso de montes con contratos de xestión pública e nos montes titularidade da Xunta de Galicia xestionados pola Administración forestal, a retirada do gando será da súa competencial. A Consellería competente en materia de montes establecerá canles de colaboración cos municipios para a realización destes labores, buscando un abaratamento dos custos e unha simplificación dos trámites.

Formulación integral do ámbito forestal

A norma presentada hoxe tamén dedica títulos ás infraestruturas forestais, á cadea monte-industria (creándose unha Mesa da Madeira e o Rexistro de empresas do sector) e á certificación forestal, ferramenta clave para garantir a trazabilidade dos produtos forestais galegos. A educación, divulgación e investigación, así coma os recursos xenéticos forestais e as enfermidades forestais e a defensa fitosanitaria, tamén se recollen no texto legal con títulos propios. O título sobre o fomento forestal, inclúe na súa regulación as sociedades de fomento forestal (SOFOR), que se configuran como entidades mercantís que agrupan dereitos de uso e aproveitamento de parcelas e que se estiman como piares fundamentais para o futuro desenvolvemento forestal da Comunidade Autónoma.

Por último, na Lei especifícase o réxime sancionador, desde a filosofía de conxugar a súa regulación, o rigor co infractor e a proporcionalidade debida entre a infracción cometida e a sanción imputada. A lei regula a cualificación dun terreo como forestal, as cotas mínimas de reinvestimentos en mellora e protección do monte, a consolidación legal da figura das SOFOR, o réxime de mecenado, os bosques como sumidoiros de carbono e a modificación da lei de incendios para mellorar a súa eficacia na loita contra os lumes forestais. En canto aos reinvestimentos, establécese que, nos montes públicos patrimoniais protectores e veciñais en man común, as contías (cotas) mínimas para mellora e protección forestal serán do 40% de todos os ingresos xerados e do 100% dos xerados a partir dos produtos resultantes de incendios forestais, considerándose ademais incluídos entre os fins de interese xeral, a efectos de incentivos fiscais, os orientados á xestión forestal sostible.

Melloras na normativa sobre incendios forestais

En relación coa norma sobre prevención de incendios, simplifícanse e incardínanse de xeito máis adecuado os distintos niveis de planeamento; recóllense uns contidos mínimos dos Plans Municipais de prevención e defensa contra incendios forestais; intégranse nos plans de distrito os de prevención e defensa das zonas de alto risco e redefínense os diferentes niveis de redes de faixas de xestión de biomasa, clarificando responsabilidades directas e subsidiarias, e integrándoas nos correspondentes plans de distrito ou municipais. Ademais, modifícanse as distancias de seguridade en torno ás vivendas e instalacións. Algúns dos cambios concretos máis salientables na lei sobre incendios son os seguintes: Establécese a obriga de xestionar biomasa arredor de 50 metros dos núcleos de poboación (antes eran100 metros), edificación, urbanización, depósito de lixo, cámpings, obras, parques e instalacións industriais situadas a menos de 400 metros do monte. Ademais, nos 30 metros (antes eran 50) desde o extremo da propiedade non poderá haber especies sinaladas na propia norma anti-lumes [piñeiro do país, piñeiro silvestre, piñeiro de Monterrey, piñeiro de Oregón, mimosa, acacia negra, eucalipto, queiruga, carqueixa, xesta, uz (carpaza), fento, silva e toxo].

Nas edificacións e instalacións construídas sen licenza, a xestión da biomasa dará dereito a unha indemnización polos danos e perdas que poidan ocasionar, así como polo lucro cesante, a cargo das persoas propietarias dos terreos edificados a favor do dono das especies afectadas. As novas edificacións en zonas forestais e de influencia forestal deberán asegurar a existencia dunha faixa perimetral de protección de 30 metros dentro da mesma propiedade arredor da edificación ou instalación, libre de vexetación seca e coa masa arbórea aclarada.

Comentarios

Entradas populares de este blog

LA FRACCIÓN DE CABIDA CUBIERTA

Tablas de precios orientativos de la madera