O Pladiga 2011 mantén os medios humanos e materiais e incorpora melloras organizativas e técnicas na loita contra o lume
MEMORIA
ANEXOS
MAPAS
O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia de 2011 foi presentado polo conselleiro do Medio Rural e o director xeral de Montes, e será avaliado o vindeiro luns polo Consello Forestal, antes de ser sometido ao Consello da Xunta.
O seu obxectivo xeral é reducir ao mínimo posible os danos ecolóxicos, económicos e sociais producidos polos lumes forestais na nosa Comunidade.Está prevista a mobilización de 6.052 persoas en tempada de máximo risco e o emprego de preto de 40 medios aéreos e uns 300 en terra.
Como novidades deste ano salientan o emprego de avións lixeiros para tarefas de coordinación, a mellora do Índice de Risco Diario de Incendio (Irdi), o levantamento con GPS do perímetro de todos os lumes e a utilización, en probas, dun novo aditivo para mellorar a eficacia da auga na extinción.
O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, e o director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, presentaron hoxe en rolda de prensa o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2011), que o vindeiro luns será analizado no seo do Consello Forestal de Galicia –órgano consultivo e asesor da Administración Forestal– e que a vindeira semana será sometido ao Consello da Xunta.
Na presentación, Samuel Juárez explicou que o Pladiga 2011 presenta unha continuidade, nas súas liñas fundamentais, con respecto ás últimas campañas. Así, tanto os medios humanos como materiais son semellantes aos empregados o pasado ano 2010 e tan so se introduciron algúns axustes para mellorar o operativo.
O obxectivo xeral deste plan é reducir ao mínimo posible os danos ecolóxicos, económicos e sociais producidos polos lumes forestais na nosa Comunidade Autónoma. Ademais, mantéñense practicamente os obxectivos complementarios establecidos o pasado ano, no sentido de non superar a media de 3 hectáreas de superficie afectada por lume e, en canto ao tamaño dos incendios, manter o número dos maiores de 25 hectáreas por baixo do 2% do total e a porcentaxe daqueles menores de 1 hectárea por riba do 70% do total.
Todo isto mantendo tamén o obxectivo de reducir o número de lumes e a superficie queimada total con respecto da media dos últimos dez.
Dispositivo humano e material
No Pladiga 2011 está prevista a mobilización de 6.052 persoas en tempada de máximo risco (en 2010 foron 6.085). Estes seis milleiros amplos de profesionais contra os lumes forestais terán ao seu dispor este verán, na temporada de máximo risco, 39 medios aéreos, entre os propios da Xunta e os que aporta o Estado e os diferentes Corpos e Forzas de Seguridade, aos que cómpre engadir outros medios do Exército de dispoñibilidade compartida con outras comunidades autónomas.
En terra, o Pladiga 2011 recolle uns 300 medios de loita contra o lume, entre os que cabe salientar as 156 motobombas do SPDCIF (Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais) da Xunta.
Novidades
O titular de Medio Rural explicou as principais novidades do Pladiga 2011, salientando o emprego de avións lixeiros para tarefas de coordinación, a mellora do Índice de Risco Diario de Incendio (Irdi), o levantamento con GPS do perímetro de todos os lumes e a utilización, en probas, dun novo aditivo para mellorar a eficacia da auga na extinción.
Avións lixeiros
En relación co uso de avións lixeiros, segundo explicou Juárez, a súa incorporación ten como principais vantaxes un dobre rendemento e autonomía de voo (2 horas helicópteros / 4 horas avións) e a metade de custo, o que permite ao tempo unha xestión eficaz e eficiente en materia orzamentaria, Ademais, multiplícase por tres o seu servizo de coordinación, ao non precisar tempo de espera en terra tras repostar (poden volver ao servizo de maneira inmediata tras repoñer combustible, porque non precisan agardar, como ocorre cos helicópteros, para refrixerarse).
Como consecuencia das dúas vantaxes anteriores, presentan unha terceira, que sería o incremento da súa operatividade nas labores de coordinación na prevención e extinción o que proporciona maior eficacia e seguridade para todo o operativo.
Índice de Risco Diario
Outra das melloras introducidas no Pladiga atinxe ao Índice de Risco Diario de Incendio (Irdi). O titular de Medio Rural sinalou que este indicador fíxose máis sensible á hora de considerar o vento como factor de risco non só para a ignición, senón tamén para a propagación do lume. Deste xeito, refórzase o seu papel como instrumento de prevención.
O Irdi, cuxa actualización é diaria, ten en conta variables coma as condicións de seca dos últimos meses, semanas e días –e de xeito particular o estado das matogueiras, o pasto e os chamados combustibles mortos (tanto os grosos coma os medios ou mesmo os finos)–, así como as condicións do vento (e o efecto da súa propagación), de tal xeito que se formula en 5 rangos, que miden o risco desde o nivel “baixo” ata o “extremo”, gradación que se expresa, tamén, nun código de cores.
Localización e perímetro dos lumes
Na súa comparecencia, Samuel Juárez avanzou tamén que Medio Rural dispón xa de información xeo-referenciada de todos os lumes rexistrados en Galicia durante o ano 2010, e estanse incorporando os de 2011, feito no que a nosa Comunidade é pioneira dentro de España.
Tódolos técnicos e axentes da Consellería dispoñen de cadanseu dispositivo GPS, para realizar este labor.
Engadiu o conselleiro que neste mesmo ano se comezará a distribuír esta inxente información (a máis precisa, dispoñible tecnicamente, para determinar a localización e os perímetros afectados polo lume) a tódolos organismos e administracións encargadas de controlar o uso dos solos queimados.
Deste xeito será posible que os incendios permanezan delimitados e visibles (tanto a súa localización xeográfica precisa como a superficie afectada), malia que os solos se rexeneren e a cuberta vexetal se recupere e será posible un control máis eficaz da utilización dos solos queimados, tal e como establece a normativa.
Maior eficacia na extinción
Samuel Juárez deu a coñecer tamén que nesta campaña de alto risco de lumes a Consellería vai probar como se desenvolve no operativo de extinción un novo aditivo que mellora sensiblemente a eficacia da auga na loita contra os incendios.
O conselleiro explicou que este produto compórtase como axente retardante e extintor da combustión e que ten dúas formas posibles de acción. Unha a curto prazo, disolto en auga, aplicada directamente ás lapas no ataque ao lume e outra, como retardante a longo prazo, xa que aplicado sobre a vexetación mantén durante varios días a capacidade de inhibir a combustión. Neste sentido, pode ser utilizado como cortalumes dentro das operación de extinción.O aditivo xa foi probado con éxito noutras latitudes e en Galicia de maneira experimental.Outra vantaxe que ofrece é que permite economizar ata en un 30% o consumo de auga.
Comentarios
Publicar un comentario