Galicia, unha potencia forestal en reconstrución





Os profesionais chaman á cooperación nun sector que liga unha gran capacidade económica con problemas endémicos


A industria forestal aporta o 3% do PIB de Galicia, pero unha xestión axeitada en toda a cadea de produción, desde a ordenación da propiedade ata a comercialización do produto, podería duplicar a súa capacidade. Este convencemento foi o punto de partida dun dos estudos emprendidos no marco de Diálogos 03, un debate interdisciplinar organizado pola Asociación de Becarios da Fundación Barrié. A celebración do diálogo, este sábado na sede da fundación, congregou a un amplo número de expertos e profesionais do sector, que emprenderon unha análise das carencias e fortalezas do aproveitamento forestal en Galicia, onde a industria da madeira e o moble mantén 20.000 empregos directos e 50.000 indirectos, segundo o último estudo de Confemadera.

A partir da sesión de debate e os estudos presentados, a Asociación de Becarios da Fundación Barrié, en colaboración con The Boston Consulting Group, trasladará á Xunta de Galicia as conclusións --a fundación recorda que foi o presidente Alberto Núñez Feijóo quen solicitou esta investigación--. 

Algunha delas podería facer referencia ás palabras de Elier Ojea, presidente de Confemadera, que fixo un chamamento para que todos os actores, administración incluída, se senten a dialogar para buscar unha mellor cooperación. Ou ás do economista Emilio Santos, coordinador do estudo relativo á industria, que asegurou que as empresas están preparadas para asumir e comercializar un aumento da produción. "Estamos fallando como sociedade se podemos aportar o dobre e non o facemos", espetou. A tenor do transmitido en Diálogos 03, a capacidade do monte galego non é o problema, se non a forma de aproveitalo.


O minifundio


Efectivamente, os problemas son outros, e van alén do contexto económico. O máis coñecido é a estrutura da propiedade do monte galego, concentrada en minifundios privados. O propietario galego medio ten dúas hectáreas repartidas en oito parcelas, e só un 3% participa en fórmulas de cooperación con outros propietarios. Precisamente, a proposta xurdida do grupo de traballo de Diálogos 03 é camiñar cara a unha cooperación na xestión das parcelas, que derive nunha planificación conxunta na explotación dos terreos para aumentar a competitividade. 

Xa existen modelos en Galicia, como a Asociación de Productores de Madeira de Foz ou a Sociedade Agraria de Transformación Montes de Trabada --presidida por Daniel Villapol, conselleiro delegado de Madeiras Villapol--, pero non bastan.


O papel da Xunta


Xunto ao fomento das fórmulas de cooperación, formuláronse un amplo abano de propostas. Entre elas, a eliminación de barreiras fiscais para as sociedades de propietarios ou incentivar a movilidade de terreos forestais cara ao Banco de Terras de Galicia, un instrumento artellado pola consellería de Medio Rural para dar saída ás parcelas abandonadas.

Pero os profesionais non desexan un papel intervencionista da Xunta. Emplazan á administración como mediadora para tecer pontes entre os distintos actores, por exemplo, á hora de priorizar liñas de investigación eficientes que repercutan na competitividade do produto e das empresas.


As empresas


O papel da industria forestal, terceiro punto na orde do debate, recibiu máis gabanzas que críticas. Emilio Santos insistiu en que as empresas galegas dedicadas ao taboleiro, "que está ao 50% da súa capacidade de produción", e á pasta "están á altura das mellores do mundo" e volveu mirar cara á estrutura da propiedade en Galicia. "Tal e como está, non podemos facer nada", afirmou.

Pese a iso, marcou importantes retos de cara ao futuro, como alcanzar os 115.000 empregos no sector. "O monte galego ten pontencial para xerar riqueza e emprego sen apenas investimento, sen contraer un gran déficit", concluíu.

Unha afirmación esperanzadora nun contexto complicado para o sector. A facturación da industria da madeira e o moble en Galicia descendeu un 4,56% en 2012, alcanzando os 1.625 millóns de euros. O informe anual de Confemadera reflectía tamén que a industria de transformación galega perdeu 794 millóns de euros en facturación e 6.800 empregos desde o ano 2007. 


A 'fórmula Losán' 


Alfonso López Pena, presidente da Asociación Nacional de Fabricantes de Taboleiro Aglomerado e director xeral de Losán, grupo madereiro de alto calibre con instalacións repartidas en dez países, debullou tres puntos craves para mellorar estes datos, transversais a toda a xornada de debate.

Estes pasarían por dignificar o produto, aumentar a produción de madeira e estimular o seu consumo. "A madeira é sostible, podémola producir e cortar aquí. A súa demanda enerxética é moi baixa comparada con outros produtos. É necesario axilizar os trámites burocráticos e eliminar o conflito de competencias. Non pode ser que tantas administracións teñan responsabilidades sobre o monte", aseverou.


A teoría


Estas foron algunhas das ideas que brotaron de Diálogos 03, nun ambiente de debate, por momentos intenso, co obxectivo de asomar a cabeza cara ao futuro. As fórmulas para combater o minifundio, o papel da administración e as necesidades das empresas asentaron o boceto dun novo ordenamento do sector, pero, polo de agora, só na teoría.



Comentarios

Entradas populares de este blog

LA FRACCIÓN DE CABIDA CUBIERTA

Tablas de precios orientativos de la madera