Romper a perversa espiral que rodea aos incendios está nas nosas mans
Na última década arderon no país 285.000 hectáreas, segundo a Xunta de Galicia
“Esta é unha batalla a longo prazo na que non debemos dar
nin un só paso atrás”. Así de contundentes se amosan os profesores da Escola de
Enxeñaría Forestal, Juan Picos e Daniel Vega, ao referirse á loita contra os
incendios, ao tempo que avogan pola mellora na xestión dos montes galegos como
medida de prevención.
Aínda que recoñecen que este é un problema “de difícil
solución”, ambos os dous coinciden na necesidade de romper esta “espiral
perversa” que rodea a todas as vagas de incendios que nas últimas semanas teñen
en xaque ao país.
O mellor xeito de acabar con esta dinámica “pasaría pola
mellora substancial da xestión do monte e a posta en valor dun espazo natural
que lle reporta moitos beneficios económicos ao home”, salienta Picos.
A situación de abandono que está a sufrir o monte en Galicia por parte dos seus
propietarios unido ao amparo que unha parte da sociedade dá ao lume, dificulta
moito as tarefas de extinción no caso de producirse un incendio forestal. A
posibilidade de aproveitar os beneficios destes montes son limitadas en moitos
casos “xa que son os propios veciños e veciñas da zona os que aseguran que o
monte xa non lles serve para nada, que xa non lles é produtivo”, explica Picos.
Cómpre pois, concienciar á sociedade “da valía dun monte adulto e ben
xestionado, evitando caer en prexuízos insostibles como o de pensar que despois
dun incendio o monte xa queda inutilizado”, engade Daniel Vega.
Segundo os datos provisionais facilitados no mes de agosto pola Consellería de
Medio Rural e do Mar, nos últimos dez anos arderon en Galicia 285.000 hectáreas
e producíronse 55.000 incendios repartidos entre as catro provincias. Do total
de hectáreas queimadas, 115.000 corresponden a bosques adultos e de gran tamaño
e a parte restante ao denominado monte baixo. Manexando tamén datos
provisionais, a Xunta de Galicia cifrou en máis de 2000 o número de incendios
producidos nos últimos nove meses.
Urbanismo irregular moi preto dos montes
Outro asunto que engrandece aínda máis esta “espiral
perversa” é o que Juan Picos define de xeito coloquial como “urbanismo
irregular” e que no eido profesional se coñece como interface urbano forestal.
Tal e como explica o docente, é habitual atopar casas e alpendres nos bosques
que hai ás aforas de vilas e cidades, aínda que ese non sexa o lugar máis
axeitado para este tipo edificacións nin ningunha outra. Así, no caso dun
incendio, obviamente a prioridade será salvagardar as vidas das persoas que residan
nesa zona e as súas vivendas. “Para os efectivos que se destinan ao lugar ese é
o seu principal labor. Entrementres, na maioría dos casos, o incendio avanza a
pasos axigantados, ampliando o seu perímetro e incluso aparecendo máis
frontes”, explica Picos.
Outro dos aspectos sobre os que inciden os profesores da Escola de Enxeñaría
Forestal é que cando se produce un lume nunha determinada zona as posibilidades
de que este se repita nun período de tempo reducido é moi elevada. Como se
rompe entón esa dinámica? “Traballando localmente, para quitar eses sitios
recorrentes desa lista”, explican os docentes.
Intencionado ou accidental?
Ao falar da persoa ou persoas que provocan un lume, Juan
Picos e Daniel Vega determinan un perfil tipo do incendiario ou indenciaria, un
individuo cun “comportamento asocial que a mala fe provoca o incendio na
procura de obter, nalgún dos casos, algún beneficio, ben sexa material ou non”,
indica Picos. Tanto é así que no eido rural, o monte pasou de ser visto coma un
elemento produtivo a “un espazo hostil que se pode combater, un feito que
provoca que determinadas persoas se sentan lexitimadas á hora de prenderlle
lume”. Novamente a situación de abandono que sofren os montes galegos dificulta
a extinción dun posible incendio.
Con todo, hai persoas que provocan un incendio de xeito accidental ao estaren
realizando normalmente unha queima nas súas leiras, sen permiso e nun período
no que esta actividade está prohibida. Se durante todo o ano é necesario pedir
un permiso especial para realizar queimas, a partires do 1 de xullo esta
práctica está prohibida. No que vai de 2013, a Xunta de Galicia tramitou
400.000 solicitudes con este fin, sen embargo a pesares disto, hai individuos
que as realizan de xeito alegal e sen “intención de provocar un incendio e
rematan por facelo”, destaca Juan Picos.
Consecuencias a medio e longo prazo
A recuperación dun monte logo dun incendio é moi lenta, ata
o punto que a vexetación e as árbores poden tardar máis de tres ou catro anos
en rexenerarse. “Curiosamente, ese novo bosque baixo é moito máis susceptible
que o anterior ante un novo incendio”, asegura Juan Picos. Tamén a capacidade
de retención de auga do chan se ve reducida considerablemente condenando a
algúns terreos á seca. “A desmoralización e o abandono do propietario tamén é
unha consecuencia directa” comenta o profesor da escola, poñendo fincapé
precisamente na necesidade de xestionar ben o monte para poder obter del
beneficios económicos. No eido máis social “é preocupante ver como as persoas
nos acostumamos a ver incendios e case nin nos inmutamos”, unha reacción que
segundo Picos se explicaría polo desapego da sociedade co monte.
Fonte: http://duvi.uvigo.es
Comentarios
Publicar un comentario