Axudas para o control selectivo de combustible en montes veciñais en man común e Sofor
Fuente: LaVozDeGalicia |
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión de subvencións que os titulares de montes veciñais en man común (en diante, MVMC), as súas agrupacións e as sociedades de fomento forestal (en diante, Sofor) poderán percibir para a posta en marcha de actuacións preventivas recollidas na lexislación galega sobre incendios forestais e a súa convocatoria para o ano 2020 en réxime de concorrencia competitiva.
Esta incentivación na colaboración dos titulares de montes veciñais en man común e as Sofor na realización de traballos de silvicultura preventiva contribuirá a minorar as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poidan provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción destes montes, de grande importancia na nosa comunidade, e, en conxunto, sobre a fauna, a flora e a paisaxe de Galicia.
a) Liña I: subvencións para o control selectivo de combustible (código de procedemento MR651A).
Actividades subvencionables
1. A prevención engloba todas aquelas accións encamiñadas a eliminar ou reducir os riscos que poden ser causa da ocorrencia de incendios forestais e da súa propagación.
2. As actuacións que se subvencionarán nesta liña consistirán no control selectivo do combustible en áreas devasa, faixas auxiliares de pista, rexenerado forestal natural, así como na roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais, coa finalidade de reducir a carga de combustible presente no monte e crear zonas con descontinuidade horizontal e vertical, contribuíndo así a diminuír o risco de propagación de incendios forestais e a minimizar os danos causados por estes sinistros, en caso de se produciren. Estes traballos realizaranse sempre dentro do ámbito territorial do monte ou montes para os que o beneficiario solicite a subvención.
3. Os plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito conteñen as accións necesarias para a defensa contra incendios forestais e, máis alá das accións de prevención e outras medidas previstas en materia de emerxencias, inclúen a previsión e a programación integrada das intervencións das diferentes entidades implicadas no operativo contra incendios forestais.
4. Todas as iniciativas particulares de prevención e defensa deben estar articuladas e encadradas nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito, polo tanto as actividades que se subvencionen incluídas nesta liña deben estar sempre de acordo co previsto no devandito plan de prevención.
5. Dentro desta liña subvencionaranse as seguintes accións:
a) Áreas devasa:
1º. Consistirá na roza mecanizada do mato a feito. Non se inclúen nesta actuación as rozas en rexenerado forestal natural nin en montes cunha fracción de cabida cuberta arborizada igual ou superior ao 20 %. Son traballos que se encamiñan especificamente a romper a continuidade horizontal e vertical do combustible forestal cunha anchura tal que en condicións normais deteña o lume e sirva de apoio aos medios terrestres para que nos labores de extinción realicen o ataque directo ou indirecto desde estas áreas, creando zonas estratéxicas co fin de dificultar o inicio e a propagación do lume e facilitar a defensa dos montes contra os incendios forestais.
2º. Estas faixas terán un ancho mínimo de 16 metros e a altura do mato tras a roza non deberá superar, en xeral, os 10 cm.
3º. No seguinte artigo descríbense as actuacións que se poderán incluír dentro das áreas devasa.
b) Faixas auxiliares de pista:
1º. Consistirá na eliminación nas marxes de vías e camiños forestais, do estrato arbustivo e subarbustivo, ata os 2,50 metros en cada marxe, incluíndo a roza de gabias e noiros sempre que sexa tecnicamente viable. Tamén se poderá incluír a plataforma do camiño se for necesario, conforme o artigo 33 desta orde.
2º. A altura do mato tras a roza non deberá superar, en xeral, os 10 cm.
3º. No seguinte artigo descríbense as actuacións que se poderán incluír dentro das faixas auxiliares de pista.
c) Roza en rexenerado forestal natural:
1º. Consistirá na roza mecanizada por faixas do mato con árbores, co obxecto de defender a masa forestal, diminuír a densidade de pés e facela viable. Esta actuación estímase nuns 2/3 da superficie do rexenerado.
2º. A masa forestal procederá da rexeneración natural e terá un diámetro medio que non superará os 6 cm e unha densidade superior aos 3.000 pés/ha.
3º. A altura do mato tras a roza non deberá superar, en xeral, os 10 cm.
4º. No seguinte artigo descríbense as actuacións que se poderán incluír dentro da roza en rexenerado forestal natural. Os prezos refírense a hectáreas de actuación.
d) Roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais:
1º. Consistirá nunha roza superficial de penetración, o rareo e a posterior eliminación dos restos acordoados en masas forestais coas características recollidas no punto c) anterior e nas cales en anos anteriores se realizasen as actuacións recollidas nese punto. A roza superficial de penetración e o rareo aplicaranse nas entrefaixas, que se estima nun terzo da superficie, mentres que no resto da superficie, aproximadamente dous terzos, se eliminarán os restos mediante trituración.
2º. A densidade final que se acadará será de entre 1.000 e 2.000 pés/ha.
3º. A altura do mato tras a trituración non deberá superar, en xeral, os 10 cm.
4º. No seguinte artigo descríbense as actuacións que se poderán incluír dentro da roza e clareo nas entrefaixas de masas forestais. Os prezos refírense a hectáreas de actuación.
6. As actuacións poderanse desenvolver de xeito manual, con rozadoras ou apeiros manuais similares, se for necesario, mantendo sempre os importes e porcentaxes máximos de subvención previstos no artigo 33.
7. A superficie mínima que se solicitará para as devanditas actuacións será de 5 ha e a máxima de 30 ha, para expedientes con CMVMC, mancomunidades ou agrupacións de CMVMC de menos de 1.000 ha clasificadas como MVMC e de 40 ha como máximo, para expedientes en que a devandita superficie sexa maior o igual a 1.000 ha e as Sofor. Estes máximos poderán incrementarse ata 50 ha no primeiro caso, sempre que polo menos se soliciten 10 ha para roza mecanizada en rexenerado forestal natural e ata 60 ha, e para o segundo caso, sempre que, polo menos, se soliciten 20 ha para roza mecanizada en rexenerado forestal natural.
8. A superficie mínima viable de execución para o conxunto de todas as actuacións, tras a inspección sinalada no artigo 16, deberá chegar cando menos ás 5 hectáreas. Se non for así implicará a revogación no caso de que xa estivese concedida.
9. Non serán subvencionables os gastos anteriores á solicitude de axuda ou á acta de non inicio, se esta é anterior a aquela.
A quen vai dirixido?
1. O disposto nesta orde será de aplicación aos montes veciñais en man común e as Sofor da Comunidade Autónoma de Galicia, excepto aqueles montes veciñais en man común que estean consorciados coa Administración, salvo que solicitasen a rescisión ou transformación do dito consorcio. No caso de montes veciñais en man común consorciados coa Xunta de Galicia poderá solicitarse subvención naquela superficie non consorciada.
2. Poderán ser beneficiarios destas subvencións os titulares de montes veciñais en man común, as súas agrupacións e mancomunidades, e as Sofor, sempre que non incorran en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
3. Serán elixibles as actuacións localizadas en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a excepción das parroquias densamente poboadas dos grandes concellos de Galicia, de acordo co establecido no número 8.1 do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.
4. As actuacións localizaranse en zonas de alto ou medio risco de incendios, ou sexa, que poderá abranguer todo o territorio de Galicia, conforme o disposto na Orde do 18 de abril de 2007 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal.
5. No caso de agrupacións de montes veciñais en man común, deberán facerse constar os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación.
6. Cando se trate de agrupacións sen personalidade, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como a porcentaxe de subvención que percibirá cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios.
7. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007.
Obrigas dos beneficiarios
1. Son obrigas do beneficiario:
a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.
b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o desfrute da subvención.
c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Segundo o Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, establécese no artigo 71 que o beneficiario se compromete a proporcionar á autoridade de xestión, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade delegase a realización deste tipo de tarefas toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades.
d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
e) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.
Deberase levar un sistema de contabilidade específica Feader ou ben un código contable axeitado onde se rexistren as transaccións relativas á operación, tal e como exixe o artigo 66.1.c) do Regulamento (UE) nº 1305/2013.
g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
h) Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
j) De acordo co disposto na Estratexia de información e publicidade do PDR 2014-2020 de Galicia, cumprir co disposto no punto 2 da parte 1 do anexo III do Regulamento de execución (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), en relación coa información e publicidade, en particular, no caso de investimentos subvencionados cun custo total superior a 50.000 € deberase colocar unha placa explicativa, e cando o custo supere os 500.000 € deberase colocar un panel publicitario. En ambos os casos figurará a descrición do proxecto, así como a bandeira europea e o lema Feader «Europa inviste no rural».
Requisitos
1. A superficie forestal mínima por expediente en comunidades de montes veciñais en man común será de cen hectáreas (100 ha).
2. Para acadar a superficie as comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) poderán formar unha agrupación, sempre que as CMVMC se localicen nunha mesma provincia e, ademais, cumpran con algún destes requisitos:
a) Localización nun mesmo concello.
b) Localización en concellos limítrofes sempre que sexan estremeiras.
3. Nas Sofor e excepcionalmente, no caso de que a CMVMC, mancomunidade ou algunha das CMVMC que integren a agrupación estivese localizada nalgún concello incluído en espazos protexidos Rede Natura 2000, a superficie mínima a que fai referencia o primeiro parágrafo sería de 50 ha.
Condicións xerais
Con carácter xeral, deberase ter en conta o seguinte:
a) As Sofor e as CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no rexistro correspondente.
b) As cotas mínimas de reinvestimento dos montes veciñais serán do 40 % de todos os ingresos xerados, segundo o disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
c) Non se poderán solicitar subvencións para actuacións en:
1º. Zonas de protección lateral do Camiño de Santiago.
2º. Zonas en que existen obxectos ou restos materiais que formen parte do Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.
3º. Zonas incluídas en hábitats prioritarios.
d) En zonas cun procedemento de concentración parcelaria en execución soamente serán aprobables as subvencións solicitadas en terreos en que o acordo de concentración parcelaria sexa firme.
e) Os terreos cun proceso iniciado de expropiación forzosa non poderán beneficiarse destas subvencións.
f) Non se concederán subvencións para o control selectivo de combustible nas mesmas superficies en que se subvencionou nos tres anos anteriores, excepto para a acción de roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais (artigo 32.5.d) da presente orde).
g) Non se poderán solicitar simultaneamente subvencións para as actuacións de roza en rexenerado forestal natural e de roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas na mesma superficie. No caso de solicitarse, queda anulada esta última actuación.
h) Cando as subvencións consistan nunha porcentaxe do orzamento das actuacións preventivas, o total da subvención calcularase segundo o orzamento apreciado e aprobado pola Consellería do Medio Rural, segundo o disposto para cada liña de subvencións nos capítulos II e III desta orde. O IVE non será subvencionable salvo que non sexa recuperable conforme a lexislación nacional sobre o IVE.
i) Cada beneficiario só poderá obter unha subvención para cada unha das liñas, independentemente de que o solicite individualmente ou agrupado, xa que en caso de agrupacións de CMVMC hai que atender o disposto no artigo 8, punto 3, da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, que recolle que todos os integrantes da agrupación terán a consideración de beneficiarios. Se un solicitante presenta solicitude individual e agrupadamente, comportará o arquivamento da solicitude presentada individualmente. Se presenta máis dunha solicitude para a mesma liña arquivaranse todas as solicitudes presentadas.
j) Non se concederán axudas a empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C 249/01). Conforme estas, considerarase que unha empresa está en crise se concorre polo menos unha das seguintes circunstancias.
i) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando teña desaparecido máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.
ii) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando teña desaparecido polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.
iii) Cando a empresa se atope inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores.
iv) Tratándose dunha empresa que non sexa unha peme, cando durante os dous anos anteriores:
– A ratio débeda/capital da empresa fose superior a 7,5.
– A ratio de cobertura de intereses da empresa, calculada sobre a base do EBITDA, fose inferior a 1,0.
– As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida na epígrafe iii) do parágrafo anterior.
– En todo caso, para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas presentarán coa solicitude de axuda unha declaración de non atoparse en situación de crise conforme a normativa comunitaria, así como, no caso de sociedades, fotocopia dos balances e contas de explotación dos tres últimos anos.
Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.
k) Os montes con superficies superiores a 25 hectáreas en couto redondo deben contar cun plan técnico, proxecto de ordenación, plan de xestión en que se considere a realización dos traballos solicitados ao abeiro da presente orde, ou presentar xunto coa solicitude de axuda unha copia da súa adhesión aos modelos silvícolas, de acordo co establecido na disposición transitoria segunda do Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia, e segundo a Orde de 19 de maio de 2014 pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia.
Prazo
Prazo de presentación: ABERTO
20/02/2020 - 20/03/2020
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último do mes.
Comentarios
Publicar un comentario