A Fundación Arume e a cooperativa Clun asinan un convenio para proxectos de restauración forestal
O acordo permitirá que a cooperativa compense emisións de CO2 mediante a recuperación de montes afectados por incendios. Pechouse un primeiro proxecto que inclúe a rexeneración de máis de 60 hectáreas.
A Fundación Arume e a cooperativa Clun veñen de asinar un convenio de colaboración polo que se comprometen a impulsar de xeito conxunto proxectos forestais. A alianza entre o sector forestal e o lácteo abre ademais o camiño para que as empresas da comunidade compensen as súas emisións de CO2 con investimentos no monte galego.
O convenio de colaboración foi asinado polo presidente da Fundación Arume, José Carballo, e polo presidente de Clun, José Ángel Blanco. Trala sinatura, abordaranse uns primeiros proxectos de restauración, nos que a Fundación Arume colabora coa propiedade, en máis de 60 hectáreas de monte queimado. Son proxectos que ademais contribuirán a que a marca Únicla de Clun teña no 2021 tódalas súas emisións de carbono compensadas.
Trala sinatura do convenio, o presidente da Fundación Arume, José Carballo, destacou que o acordo abre un camiño para que as empresas invistan na rexeneración dos montes galegos como vía para compensar as súas emisións de CO2. “En lugar de acudir aos mercados internacionais de dereitos de emisión, con proxectos que se fan non se sabe onde nin como, é posible para as empresas investir na rexeneración ambiental de montes galegos afectados por incendios ou que estaban en estado de abandono”, subliñou.
“En lugar de acudir ós mercados intenacionais de dereitos de emisións, é posible para as empresas galegas investir na rexeneración de montes da comunidade” (José Carballo, presidente da Fundación Arume)
“A Fundación Arume, unha entidade sen ánimo de lucro e declarada de interese público, constitúe unha canle axeitada para a descarbonización da economía galega” -valora José Carballo-. “Na Fundación Arume está representada toda a cadea forestal de Galicia, desde propietarios forestais a viveiros, aserradoiros, empresas de servizos ou industrias, e tamén a entidade financieira galega Abanca. Temos a capacidade e os coñecementos técnicos para conectar os investimentos das empresas na compensación de emisións coa recuperación de montes galegos”, incidiu Carballo.
Desde a Fundación Arume, o seu vicepresidente, Francisco Dans, lembrou asimesmo a importancia de avanzar na restauración ambiental de montes afectados por incendios forestais, pois por exemplo, só en outubro do 2017, arderon 50.000 hectáreas na comunidade, das que boa parte continúan sen recuperar.
“Estamos ante unha alianza histórica entre o sector lácteo e o forestal que supón un primeiro paso para lograr que Galicia sexa neutra en emisións de carbono” (José Ángel Blanco, presidente de Clun)
Por parte de Clun, a súa directora de Calidade e Innovación, Sabela Oca, explicou que o convenio coa Fundación Arume supuña un paso máis no proceso de descarbonización da cooperativa. “O noso leite Únicla será o primeiro leite neutro en carbono. Desde un principio marcámonos o obxectivo de que Únicla fora un referente en calidade alimentaria e ambiental, e os proxectos de restauración forestal axudaránnos a logralo”, valorou.
“Trátase dunha alianza histórica entre o sector agrogandeiro e forestal que nos enorgullece liderar desde Clun a través da nosa marca Únicla. Facémolo cun obxectivo claro: contribuír a lograr cero emisións no noso país. O primeiro paso está dado”, sinalou pola súa banda o presidente de Clun, José Ángel Blanco.
Fonte: Campogalego
Comentarios
Publicar un comentario