O prezo do piñeiro continúa á alza, mentres o eucalipto mantense alto


Operacións de carga de madeira de piñeiro. / Arquivo.

A subida de prezos da madeira de coníferas iniciada a mediados deste ano prevese que continúe, polo menos, entre 3 e 6 meses máis. O aumento crecente da demanda, xunto ao aumento das limitacións loxísticas e de produción en determinados países, fan que o mercado continúe nuns prezos históricos

A burbulla que se comezou a xestar a mediados deste ano no mercado da madeira de piñeiro continuou crecendo. A época COVID alterou todos os mercados, aumentando a demanda, e outras causas estruturais, como a limitación loxística e de transporte actual, favoreceron un incremento dos prezos da madeira, principalmente de piñeiro. En menor medida, os prezos do eucalipto experimentaron pequenas melloras polo aumento do prezo internacional da pasta de papel.

Este outono arrancou coa pasta de papel por riba dos 900 euros / tonelada, o que representa unha suba de preto de 400 euros nun ano. Esa situación propiciou unha mellora progresiva dos prezos pagados polas industrias do papel. No caso de Ence, as súas tarifas contemplan primas de ata 3 euros / tonelada en escenarios de bos prezos da pasta de papel.

En piñeiro, “o prezo da madeira depende da calidade do lote, da accesibilidade e en xeral das características que teña”, tal e como explica Xosé Covelo, da Asociación Forestal de Galicia. Na zona sur de Galicia, tendo en conta eses factores, o prezo “pasou duns 32-36 euros de media na madeira en quenda (prezo da madeira en pé sen Ive) a uns 35-42 euros, polo que se evidencia unha alza nestes pasados meses”.

No caso do eucalipto, Covelo fai alusión a “unha mellora progresiva dos prezos, que non é nin con moito tan marcada coma no caso do piñeiro”, e que oscila pouco na súa “rutina anual de subidas e baixadas dos prezos, quedando nunha media de 32-34 euros no caso da madeira de eucalipto certificada”.

“O eucalipto está seguindo os ciclos habituais de subas e baixas, con pequenos aumentos, mentres que os prezos do piñeiro están pasando pola mellor etapa dos últimos 30 anos” (Xosé Covelo)

“As causas do bo momento de mercado son multifactoriais e alcanzan desde as limitacións loxísticas ao aumento da demanda de grandes consumidores, como Estados Unidos e China” explica Xosé Covelo. Ademais, existen trabas internacionais na produción desta clase de madeira: “Portugal non consegue satisfacer as necesidades demandadas, e grandes países exportadores, coma Rusia, van restrinxir as exportacións porque teñen necesidade interna”.

O mercado marca os prezos. Así o afirma Manuel Ángel Fernández, madeireiro do Deza (Pontevedra), quen a pesar de destacar un aumento dos prezos do piñeiro e da súa demanda, concibe o mercado coma “algo cíclico” no que “estamos pasando por unha fase de expansión dos prezos das coníferas que non se producían desde fai anos”. Entre as causas que poden xustificar isto, Manuel Ángel salienta o feito de “estar construíndo con máis madeira, que trae consigo unha demanda cada vez maior desta materia prima como material principal”.

“Cada vez hai máis demanda de madeira porque se está utilizando para moitas máis funcións, o que vai xerando equilibrios no mercado entre oferta e demanda” (Manuel Freire)

As súas aplicacións son cada vez máis plurais, e as pretensións de buscar produtos sostibles fai colocar a madeira coma un ben altamente solicitado. “Cada vez vai ter máis demanda debido á substitución de materias primas derivadas do petróleo e o plástico” apunta Manuel Freire, madeireiro do Morrazo.

A tendencia de mercado é positiva, pero Xosé Covelo explica que é posible que nun futuro os prezos estean influenciados por unha “situación cambiante do mercado”. Así mesmo, sobre a evolución de prezos, Covelo pronostica unha continuidade indefinida da situación actual para o eucalipto -debido á regularidade na súa demanda-, mentres que o piñeiro, e en xeral as coníferas, manteranse un tempo máis nesta expansión, e despois pasando por un axuste do mercado que, “cun pouco de sorte deixará os prezos máis altos aos previos rexistrados a este ‘boom’ das coníferas”, segundo Covelo.

Os prezos dos mercados de futuro de papel e de madeira de China e de Estados Unidos xa se moderaron, o que apunta a que o mercado se tranquilizará ó longo do 2022.

“Nunha predición moi atrevida, poida que a tendencia nas coníferas se estire 3 meses máis ou incluso 6, e despois quizais se relaxe un pouco o prezo” (Xosé Covelo)

Aumento de custos
O aumento nos prezos vai da man dun aumento dos custos de produción. Manuel Ángel comenta que “os prezos son máis altos pero en paralelo tamén existen unha alza nos custos”. O incremento destes custos vencellado, entre outras cuestións, ao aumento dos carburantes para o transporte son cuestións “propias do sistema” que, nun futuro, tamén poden influenciar os prezos da madeira.

Organización do mercado
Da mesma maneira, Manuel Freire fai fincapé na necesidade de organización dos propietarios para “evitar o baixo rendemento, facerlle fronte ás necesidades de produción e evitar riscos, posto que se non se planta, reprodúcese a vexetación e a maleza do solo, facilitando a propagación de incendios”. As palabras de Manuel forman parte da súas experiencias como madeireiro en moitas pequenas parcelas que “despois de ser cortadas, quedan sen plantar, simplemente con rebrotes ou practicamente abandonadas”.

A influencia da COVID na situación actual dos prezos da madeira

Segundo o artigo “Perspectivas do comercio electrónico e os hábitos de consumo tras a COVID-19”, publicado polo ESI -Instituto Científico Europeo-, as tendencias de compra en liña aumentaron ata ao punto de condicionar a loxística internacional. O eCommerce pasou a formar parte dos novos hábitos de consumo mundiais; como xa comentaba Covelo: “a era COVID alterou todos os mercados”.

Estes cambios nos hábitos estiveron vinculados a un aumento da demanda de madeira para todo aquilo que as empresas de trasporte necesitan: paquetes, embalaxes, palés, e en xeral, derivados da celulosa. Isto, ao tratarse dun incremento a nivel mundial, tivo un efecto directamente proporcional sobre a demanda madeireira en todos os mercados, incluído o galego.

O ecosistema da construción tamén supuxo un factor de forza sobre o incremento da demanda de madeira a nivel internacional. A preocupación pola sostibilidade das construcións leva á introdución da madeira como un dos materiais principais nos sistemas estruturais de casas pasivas.

As tendencias xeradas pola pandemia, segundo inciden consultoras do sector da construción, como ‘Apliqa’, levaron a un aumento da demanda no sector das reformas, unha cuestión que tamén se percibe no sector forestal en Galicia.


Fonte: Campogalego

Comentarios

Entradas populares de este blog

LA FRACCIÓN DE CABIDA CUBIERTA

Tablas de precios orientativos de la madera