Como funciona o mercado de carbono no monte galego: luces e sombras

 

Monte restaurado e inscrito no Rexistro de Absorcións de CO2.


Comunidades de montes e propietarios están a captar fondos para a xestión forestal a partir dos servizos ambientais que prestan as súas masas, pero o sector advirte da detección de malas prácticas, con “contratos abusivos” de determinadas empresas, como Foresga


A loita contra o cambio climático deparou nos últimos anos unha oportunidade para o monte, coa creación dun mercado para o carbono atmosférico que absorben determinados proxectos forestais. Para comunidades de montes e propietarios particulares, a aparición de empresas interesadas na compra do carbono almacenado nas masas forestais constitúe unha nova vía de ingresos. O problema é que con ese mercado de carbono, chegaron tamén empresas intermediarias que, nalgúns casos, están a ofrecerlle “contratos abusivos e de especulación” ós propietarios forestais, segundo se apunta desde o sector.

 

A posta en marcha do mercado de carbono remóntase ó 2014, cando o Goberno impulsou o Decreto de Huella de Carbono, que estableceu dúas vías para proxectos de absorción e compensación de emisións nos montes: a forestación de superficies que estiveran desarboradas desde o 1989 ou a restauración de montes afectados por incendios forestais.

 

O Decreto de Huella de Carbono foi ben recibido tanto polas empresas como polos propietarios forestais. Para as empresas, abriu vías para compensar, de xeito voluntario, a súa pegada de carbono a través de proxectos forestais. Para os propietarios, o Decreto supuxo un vello anceio, o cobro polos servizos ambientais que presta o arborado, un cobro que lles xera fondos para o coidado dos seus montes.

 

“O mercado de carbono representa unha segunda oportunidade para xestionar montes que se pode dicir que estaban desahuciados” -valora Daniel Rodríguez, economista da Asociación Forestal de Galicia-. “Os ingresos que xa están a recibir os propietarios polo carbono permítenlles acometer a restauración de montes que ou ben se viran afectados por serios lumes ou ben estaban abandonados desde hai décadas”.

 

Trala aprobación do Decreto de Huella de Carbono no 2014, pasaron uns anos con escasos proxectos de compensación inscritos no Rexistro de Absorcións de CO2 do Ministerio, pero nos últimos anos as inscripcións disparáronse. Só en Galicia rexistráronse arredor de 60 proxectos forestais de compensación no 2021.

 

Proceso

Co rexistro dun proxecto no Ministerio de Transición Ecolóxica, os propietarios están ofrecendo no mercado o carbono que captan os seus montes. A documentación de cada forestación inscrita concreta o número de hectáreas plantadas, o tempo de permanencia da masa (normalmente entre 30 e 50 anos) e os pés de corta final. Con eses datos, o Ministerio determina cantas toneladas de carbono captará a plantación, que serán as que poderán ofrecer os propietarios no mercado.

Nun inicio, os propietarios poden anticipar a venda de ata un 20% das toneladas inscritas, en tanto as restantes só as poderán vender unha vez que, efectivamente, esas toneladas de carbono estean capturadas pola plantación.

 

Prezos

No caso do piñeiro, unha das especies máis habituais nos proxectos de absorción, os prezos no mercado por tonelada de carbono rondan na actualidade o arco entre os 20 e os 30 euros. Se se ten en conta que cada hectárea inscrita pode absorber arredor de 250 – 350 toneladas, en función do tempo de permanencia da masa e da densidade de plantación, o mercado de carbono preséntase como un recurso de gran interese para o propietario.

 

“Estamos falando dun novo recurso dos montes, a maiores da madeira e doutros, que non se pode regalar ás primeiras de cambio”, valora Daniel Rodríguez, técnico da Asociación Forestal de Galicia. “É unha marabilla -completa Jacobo Feijoo, responsable da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga)-. Estáselle pagando actualmente polo carbono ó propietario case a metade do valor da madeira a final de quenda”.

 

Analizamos a continuación como se está a mover o mercado de carbono en Galicia.

 

Modelo de contratos: do pago de servizos a comisións do 50%

As alternativas de mercado que teñen comunidades de montes e propietarios particulares para comercializar o carbono dos seus montes pódense dividir en tres.

 

1) Pagar os servizos técnicos do proxecto e asumir a venda do carbono

Técnicos e asociacións do sector consultadas coinciden en que a opción máis beneficiosa para as comunidades é comercializar directamente o seu carbono. É dicir, pagar os servizos dun técnico, empresa de enxeñería forestal ou asociación para que elabore o proxecto e o inscriba no Rexistro de Absorcións de CO2. Unha vez inscrito o proxecto, serían os propietarios os que comercializarían directamente o seu carbono.

 

É, por exemplo, a vía pola que se aposta nos proxectos de absorción que elabora para comunidades de montes e propietarios a Asociación Forestal de Galicia (AFG), unha entidade que tamén colabora na mesma liña coa Fundación Arume.

 

“A Asociación Forestal de Galicia cobra polos seus servizos técnicos, pero é o propietario o que vende o carbono dos seus montes a quen quere e cando así o decide” (Daniel Rodríguez, AFG)

 

“A Asociación Forestal elabora o proxecto de forestación e inscríbeo no Rexistro do Ministerio, cobrando loxicamente por ese servizo, pero son os propietarios os que venden o carbono dos seus montes. Nós podemos conseguir ofertas para ese carbono e trasladarllas ás comunidades de montes e propietarios, pero é a comunidade a que decide se quere aceptar esa oferta ou esperar por outras”, explica Daniel Rodríguez, economista da AFG.

 

Desde a Asociación Forestal de Galicia subliñan tamén a importancia de facer un acompañamento técnico das plantacións: “A forestación debe facerse cuns criterios técnicos que garantan a obtención de madeira de calidade a final de quenda. É fundamental planificar cuestións como a calidade xenética da planta, as claras e os tratamentos silvícolas a aplicar. O propietario debe esixir rigurosidade e seriedade”, conclúen.

 

“Desde Asefoga recomendámoslles ós propietarios que inscriban os seus proxectos e que sexan eles os que xestionen cando e a qué prezo vender o carbono” (Jacobo Feijoo, Asefoga)

 

Outro colectivo, a Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), ligada a Unións Agrarias, aposta tamén por unha vía similar para que os propietarios desenvolvan os seus proxectos. “Desde Asefoga o que lle recomendamos ós nosos asociados é que inscriban os seus proxectos e que non teñan présa por vender o carbono. Hai e haberá empresas interesadas no carbono que contactarán con eles para presentarlles ofertas. Non se pode regalar”, valora o secretario xeral de Asefoga, Jacobo Feijoo.

 

“É importante que ninguén se quede co que é dos propietarios. A mellor opción é que comunidades de montes e propietarios se encarguen de vender o seu carbono” (BioeCO2)

 

O mesmo camiño apunta a asociación BioeCO2, un novo colectivo que agrupa a empresas de enxeñería forestal de Galicia. “O obxectivo das nosas empresas socias é aportarlle valor ós seus clientes, os propietarios forestais. A mellor vía para iso é que as comunidades de montes e propietarios inscriban os seus proxectos no Ministerio, a través do servizo técnico co que queiran traballar, e que as propias comunidades e propietarios se encarguen da posterior venda do carbono. Que ninguén se quede co que é deles”, conclúen.

 

2) Ceder o carbono a cambio da forestación do monte e do seu mantemento durante 6 anos

Este segundo sistema consiste en que unha empresa asume un proxecto de forestación, sen custo para o propietario, a cambio de que se lle cedan tódolos dereitos sobre o carbono. A empresa poderá vender eses dereitos cando e como queira, quedándose con todos os ingresos que logre.

 

É o modelo que emprega en Galicia o Grupo Sylvestris, que estase a comprometer cos propietarios á plantación e ó mantemento da plantación durante 6 anos, con rozas bianuais. Desde o sector forestal vense advertindo desde o verán pasado contra este tipo de sistema.

 

A Organización Galega de Comunidades de Montes pediulle incluso á Consellería do Medio Rural que intervise para frear a especulación que entenden que se está a dar no mercado de carbono. “As empresas pretenden acaparar as compensacións monetarias pola captura de CO2 que ben poderían xestionar directamente os propietarios”, defenden.

 

A Organización Galega de Comunidades de Montes advirte contra as prácticas especulativas que buscan “acaparar as compensacións monetarias pola captura de CO2 que ben poderían xestionar directamente os propietarios”

 

Outra cuestión a ter en conta, segundo apuntan técnicos do sector, é que algúns dos modelos silvícolas que se promoven dificultan a obtención de madeira de calidade a fin de quenda, polo que se lle recomenda ós propietarios que en caso de decantarse por este sistema, atendan ás cuestións técnicas da plantación.

 

Desde Campo Galego contactouse co Grupo Sylvestris para coñecer a súa versión, pero polo de agora renunciou a contestar.

 

3) Pagarlle unha comisión de ata o 50% do carbono a unha empresa intermediaria

Unha terceira vía que se popularizou en Galicia é o de entregarlle ata o 50% do carbono do monte a unha empresa intermediaria, que simplemente inscribe no Ministerio un proxecto de forestación xa executado polos propietarios. Esa empresa, a cambio da inscripción do proxecto, quédase co dereito a vender o carbono, cando e como queira, e cunha comisión de ata o 50% dos ingresos que esa venda xenere.

 

É o modelo que emprega Forestación de Galicia (Foresga), unha empresa que acumula arredor da metade de tódolos proxectos de absorción inscritos o pasado ano en Galicia. Desde a óptica das asociacións e técnicos do sector, é o sistema máis prexudicial para o propietario. “É como se eu fago un proxecto de ordenación dun monte e a cambio quédome co 50% da madeira que produza ese monte. É simplemente quedarse co que é do propietario”, compara un enxeñeiro técnico forestal consultado.

 

Desde Campo Galego contactouse con Foresga para coñecer a súa versión, pero polo de agora non contestaron á petición.

 

O Grupo Sylvestris, a parte de acometer forestacións a cambio dos dereitos de carbono, tamén está a adquirir en Galicia os dereitos de carbono de plantacións xa feitas. Ese pago, segundo se interpreta desde o sector, representa para a comunidade unha parte menor dos ingresos por carbono que podería chegar a percibir no mercado ao longo de toda a quenda da masa.

 

Valoracións

As asociacións de propietarios, pola súa banda, sen entrar a analizar casos concretos, apuntan que consideran prexudicial este tipo de sistemas. “Para que unha comunidade de montes valorice o recurso ó mellor prezo posible, o razonable é que pague só os custos técnicos que teña pola elaboración e inscripción do proxecto, pero non que entregue unha alta porcentaxe do carbono que vai producir”, aconsella Daniel Rodríguez, da Asociación Forestal de Galicia.

En similar liña exprésase Jacobo Feijoo, de Asefoga: “A cuestión principal e positiva é que hai unha serie de externalidades ambientais que se lle están pagando ós propietarios. Se existe unha certa especulación sobre os dereitos de carbono, un sistema para evitar iso sería establecer algún tipo de cláusula para que unha parte importante dos dereitos de carbono percibidos polo propietario se tivesen que reinvestir nos traballos forestais, de cara a cumprir co plan de ordenación”, propón.


Fonte: Campogalego

Comentarios

Entradas populares de este blog

LA FRACCIÓN DE CABIDA CUBIERTA

Tablas de precios orientativos de la madera