O comercio do CO2 desde o punto de vista da xestión forestal

 Daniel Rodríguez Cebreiro

Responsable da unidade de proxectos de carbono da Asociación Forestal de Galicia

 

Aínda que sexa probable que, nun prazo non moi afastado, se poidan abrir outras vías alternativas para a comercialización de dereitos de absorción de CO2, de momento a única forma operativa de facelo en España é a través do Rexistro da Oficina do Cambio Climático, adscrita ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITERD). Para poder inscribir un determinado proxecto como proxecto de absorción, é necesario que as superficies onde se vaian realizar as actuacións de restauración ou reforestación conten cunha extensión mínima de 1 hectárea en coto redondo e respondan a un destes dous requisitos:

  • Que esas superficies se atopen rasas, fracción de cabida cuberta en madurez inferior ao 20 %, desde o 1 de xaneiro de 1990 no momento en que se inicia o proxecto de restauración ou reforestación; ou ben
  • Que esas superficies estivesen arborizadas e se viran afectadas por un incendio forestal, facendo necesario a corta da masa.

Se compren un deses requisitos, unha vez se realicen os traballos de restauración (plantación, apertura de rúas en rexenerado ou selección de rebentos), poderase elaborar un proxecto de absorción e presentalo no Rexistro para a súa inscrición.

Tamén se poden inscribir proxectos con traballos xa realizados en anos anteriores, sempre que se iniciaran con posterioridade ao mes de outubro de 2012 (os proxectos iniciados antes dese mes non poden inscribirse no Rexistro do MITERD).

Os proxectos de absorción

Unha vez realizados os traballos, para seguir co proceso de inscrición corresponde elaborar un documento (proxecto de absorción) onde se achegue diversa información sobre as masas instaladas nesa superficie: especie, densidade inicial, densidade final, modelo silvícola a utilizar, entre outra información. Ademais, é necesario que se realice unha cuantificación das absorcións de CO2 previstas durante o período no que a parcela permaneza inscrita no Rexistro.

Para ese cálculo emprégase unha calculadora desenvolvida pola Oficina do Cambio Climático, que só ten en conta a especie, o período de permanencia e a densidade final por especie. Ao non ter en conta a produtividade da parcela, o resultado obtido en canto a absorcións previstas non ten por que coincidir cos dereitos de absorción que realmente se vaian xerar no futuro, pero permitirá calcular os dereitos de absorción que se poderán comercializar no momento no que se realice a inscrición do proxecto no Rexistro.

Á hora de elaborar os proxectos de absorción que se pretendan presentar para inscribir, que poden ser varios por monte, débense considerar os períodos de permanencia que se queiran asumir para cada unha das masas, tendo en conta que, durante ese número de anos elixido, non se poderá realizar o seu aproveitamento final. Entre tanto non chegue ese momento, poderanse levar a cabo as cortas de mellora (claras) que se estimen oportunas, sempre que non se baixe da densidade de pés que se indicaron no momento de inscrición do proxecto de absorción.

É importante elixir de forma meditada ese período de permanencia xa que só será posible vender dereitos de cesión durante eses anos. Unha vez finalice, aínda que a masa non se corte e siga absorbendo carbono, non se poderán seguir comercializando dereitos de absorción. Ademais, como o Rexistro permite vender un 20 % das absorcións previstas no momento da inscrición, a maior período de permanencia, máis vai medrar a masa e por tanto maior será a capacidade de venda no momento inicial, que é onde máis fondos económicos se necesitan para afrontar os traballos establecidos no modelo silvícola. Por todo o anterior, interesa que o período de permanencia elixido sexa o máis prolongado posible, sempre que iso non supoña romper o equilibro de idades da ordenación, non incremente o risco sanitario para a masa e non poña en perigo a viabilidade económica da explotación. Este período de permanencia debería ser acordado cos técnicos forestais responsables de elaborar o instrumento de ordenación do monte.

Beneficios e vantaxes derivados da inscrición dos proxectos de absorción

Supoñendo que se restaurou unha superficie “rasa” ou afectada por un incendio forestal e se inscribiu no Rexistro de Proxectos de Absorción de CO2 da Oficina do Cambio Climático, xa se poderán establecer nunha balanza os posibles beneficios e prexuízos desa decisión.

En canto aos posibles beneficios ou vantaxes derivados desa inscrición, o primeiro que destaca é que permite financiar parte dos traballos desde o momento inicial, obtendo recursos desde que se realiza a primeira actuación. Isto permitirá reducir a cantidade de diñeiro que se necesita para afrontar a restauración nunha determinada área e, como consecuencia dese menor desembolso inicial, permite incrementar a taxa interna de retorno. Para facerse unha idea desa mellora, un prezo do dereito de 12,70 €/tCO2eq durante todo o período de permanencia equivalería, desde o punto de vista financeiro, a que nos pagasen o dobre pola madeira no momento da corta final. Este feito evidencia que é moi importante canto se ingresa, pero con quendas de produción tan prolongadas como as forestais, en ocasións o cando resulta un aspecto aínda máis crítico.

Todos os que pacientemente se dedican á silvicultura saben que a restauración non acaba na plantación, senón que comeza con ela. A un monte con tanta presión social coma o galego resúltalle moi difícil evolucionar de forma natural sen a intervención das persoas, porque o risco de incendio increméntase substancialmente. Esta esixencia obriga a que sexa necesario executar algunha roza que permita que a plantación ou a rexeneración natural acabe impoñéndose, ademais da conveniencia de realizar unha ou máis podas para ir configurando a árbore e así lograr dous beneficios principais: reducir o risco de incendio e facilitar a saída comercial da madeira no caso de que se realice un aproveitamento comercial da mesma.

Nunha explotación forestal de certo tamaño, requírense constantemente fondos para afrontar eses traballos de mantemento da masa. E en caso de tratarse de montes desordenados como consecuencia dun incendio, por exemplo, o desequilibrio de idades pode ser tal que, en ocasións, sen ser o momento óptimo para levala a cabo, podería ser necesario afrontar a corta final das masas sen que estean completamente maduras para así poder facer fronte aos pagos do día a día da explotación. Nestas circunstancias é onde reloce o segundo beneficio da comercialización do CO2: a capacidade de xerar fondos de maneira constante o que evita adiantar a corta final (sacrificio de corta). Isto facilitará a elección da quenda óptima das masas forestais tanto desde o punto de vista forestal como de rendibilidade económica.

Ademais, e como unha vantaxe adicional, en caso de montes moi degradados, esta capacidade de xerar fluxos constantes tamén permite afrontar a restauración en fases sucesivas, onde unha fase pode ser financiada parcialmente cos ingresos derivados da comercialización dos dereitos de absorción xerados na fase anterior.

Compromisos e riscos derivados da inscrición dos proxectos de absorción

En primeiro lugar, debe indicarse que o feito de que un determinado proxecto sexa inscrito no Rexistro non ten ningunha influencia no modelo silvícola a aplicar, que seguirá sendo o elixido pola persoa propietaria ou redactora do instrumento de ordenación non sendo necesario realizar, por tanto, traballos adicionais aos que conviría realizar en caso de non estar rexistrado. En segundo lugar, débese ter en conta que o feito de que o proxecto estea inscrito tampouco limita o acceso a todo tipo de axudas ou subvencións xa que, o titular dun determinado proxecto de absorción, non está recibindo unha subvención senón que está prestando un servizo que consiste no “filtrado” do carbono do aire, para eliminar CO2 da atmosfera.

O único compromiso que se asume coa inscrición no Rexistro é o de non realizar a corta final da masa ata que non se complete o período de permanencia. Para especies con quendas de corta longas, as frondosas caducifolias por exemplo, o período mínimo establecido (30 anos) non sería inconveniente, sempre se necesitarán máis anos de quenda que eses 30 para proceder á corta final do arborado, se é que está previsto o seu aproveitamento comercial. En principio tampouco o sería para o piñeiro do país, que como mínimo necesita 35 anos para desenvolverse de xeito adecuado. No caso do piñeiro insigne podería significar certo alongamento da quenda pero, aos prezos actuais do dereito de absorción, “estirar” cinco anos a quenda de corta máis habitual sería compensado con importantes ingresos económicos: ao redor de 2.500 euros no momento inicial e ata 7.000 euros adicionais durante o resto do período de permanencia cos prezos que se manexan na actualidade.

Para especies de quendas menores a 30 anos, o eucalipto por exemplo, con carácter xeral interesa optar pola opción de facer cortas intermedias durante o período de permanencia. Estas cortas intermedias están permitidas polas normas do Rexistro, non obrigando a modificar a silvicultura habitual que se aplica no monte. Con todo, é necesario ter en conta que, canto menor sexa a quenda, menor será a posibilidade de comercializar carbono, polo que a duración da quenda convén analizala de forma detida, buscando optimizar o ingreso na medida do posible. Mesmo podería resultar interesante para certas masas ir a quendas extra longas para o eucalipto (30 anos ou máis), o que faría reducir a produción de madeira de eucalipto pero optimizaría os ingresos derivados da comercialización dos dereitos de absorción. Para cada monte, segundo a súa produtividade e nivel de mecanización, as quendas ideais poderán ser moi diferentes.

Os custos técnicos

Por último, todo o proceso implica asumir uns custos técnicos. En relación coa comercialización de dereitos no momento inicial, e tendo en conta o seu prezo actual, eses custos poden situarse en torno ao 10 % do ingreso, mentres que para o resto de operacións de comercialización futuras debería situarse entre o 1 % e o 3 % do ingreso, en función do custo que sería necesario asumir para realizar as parcelas de inventario. Por tanto, aos prezos actuais, os custos técnicos poderían situarse nun máximo do 5 % do total de ingresos totais previstos pola comercialización dos dereitos dun determinado proxecto de absorción, porcentaxe que dependerá, sobre todo, da extensión da superficie restaurada ou reforestada, sendo maior a porcentaxe canto menor sexa a extensión da mesma, polo que non parece adecuado ceder unha porcentaxe elevada dos ingresos para compensar os traballos técnicos vinculados coa inscrición e mantemento do proxecto no Rexistro.

Conclusións

Tendo en conta todo o anterior, unido á existencia de bolsas de garantía que funcionan a modo de seguro cubrindo a perda de dereitos en caso de incendio forestal ou outras causas de forza maior, a conclusión á que se chega é que inscribir un proxecto de restauración ou reforestación no Rexistro do MITERD xera múltiples vantaxes desde o punto de vista financeiro, sen que iso supoña crear distorsións na ordenación do monte no caso de elixir quendas de corta adaptadas ás características físicas das parcelas forestais que se xestionan.

Dado o forte ingreso inicial, así como o carácter recorrente dos ingresos no futuro, non parece adecuado ceder eses dereitos a cambio dun ingreso puntual ou a cambio de que un terceiro faga unha actuación silvícola puntual. Pola contra, parece máis conveniente que a persoa propietaria ou xestora encargue a elaboración do proxecto de absorción que lle permita comercializar os dereitos xerados cando queira, a quen queira e ao prezo que lle pareza axeitado, sen delegar esas decisións nun terceiro. Aínda que o futuro deste mercado non se pode coñecer con exactitude, ter a capacidade de decisión sobre esas cuestión nas futuras comercializacións fará que o ingreso derivado desas transaccións teña o mellor impacto posible na viabilidade económica da explotación forestal.

 

Evolución das necesidades financeiras por hectárea dunha masa de piñeiro do país, con produtividade media e nivel de mecanización máximo, a unha quenda de 40 anos

Considerado un prezo de 24€/tCO2eq




Comentarios

Entradas populares de este blog

LA FRACCIÓN DE CABIDA CUBIERTA

Tablas de precios orientativos de la madera