A Asociación Forestal de Galicia propón que a reforma da Lei de montes veciñais en man común reforce a imprescriptibilidade dos terreos veciñais
A Asociación Forestal de Galicia presentou este mes ante o Consello Forestal as súas achegas ao Borrador do Libro Branco sobre a reforma da regulación dos montes veciñais en man común (MVMC) de Galicia, que pretende servir de guía para enmarcar a realidade dos montes veciñais antes de lexislar sobre el.
No documento entregado, recóllense as inquedanzas transmitidas polas comunidades de montes veciñais en man común asociadas á Asociación Forestal de Galicia ao longo do xa longo percorrido de traballo con elas e, concretamente, as recollidas logo das reunións celebradas no Valadouro (Lugo), Dodro (A Coruña) e Ponteareas (Pontevedra), con motivo do inicio dos traballos para a modificación da Lei 13/1989 de montes veciñais en man común.
Imprescritibilidade dos montes veciñais en man común
Considérase necesario reforzar a imprescritibilidade dos montes veciñais en man común, logo dos posicionamentos públicos a raíz dos litixios por ocupacións de terreos veciñais por casas, naves industriais e outras infraestruturas. Parece necesario que a novo texto estableza con claridade que a posesión inmemorial dos veciños sobre un monte común, debidamente acreditada, non se perde por ocupacións ou usurpacións ilegais, “e isto debe ser así aínda que esas ocupación interrompan o aproveitamento consuetudinario pro indiviso do monte polo grupo social veciñal”, remarca José Luis Campos, vicepresidente de montes veciñais da Asociación Forestal de Galicia.
“E por iso convén que o Libro Branco recoñeza, como así facía a Lei 52/1968 no seu preámbulo, que aínda subsisten situacións de abusos e usurpacións que cernan a extensión das propiedades en común, sendo un deber da Administración autonómica velar e defender este patrimonio referente de Galicia”, conclúe.
Expropiación forzosa
Un dos obxectivos da modificación da Lei 13/1989 de montes veciñais en man común debe ser o de reforzar a función social da propiedade en común. E para preservar esta figura, a posibilidade de acudir a expropiación forzosa para ocupar monte veciñal ou impoñer servidumes debe ser restrinxida e condicionada, xustificando a necesidade de acudir a esa vía sen optar a un acordo amigable.
Comentarios
Publicar un comentario