Os montes galegos precisan do selo de calidade FSC para non quedar fóra do mercado europeo

O minifundio, a propiedade privada e a idade dos produtores, 
principais atrancos para conseguir a acreditación

Galicia representa o 50% da produción forestal de toda España o que a converte nunha das principais potencias mundiais en produción de madeira. A diferenza de outros territorios europeos provedores de masa forestal, os montes galegos aínda non contan cun selo de calidade internacional, o certificado FSC, que acredite oficialmente unha boa xestión forestal. Para facer fronte a esta realidade, a Escola de Enxeñaría Forestal acolle o 3rd Annual Meeting of the FSC Network of European Smallholders, un encontro organizado pola FSC Internacional (Consello de Administración Forestal) en colaboración co grupo de investigación AF4 da Universidade de Vigo na procura de solucións que permitan adaptar os requirimentos do certificado FSC á realidade do monte galego “para poder volver a competir coas principais potencias e non continuar perdendo cota de mercado”, segundo explicou o profesor Juan Picos no acto de inauguración.

A FSC Internacional, unha organización sen ánimo de lucro fundada para promover o manexo responsable dos bosques, reúne por primeira vez en España a expertos procedentes de Portugal, Reino, Unido, Finlandia ou Suecia para afondar nas particularidades e complexidades da masa forestal en Galicia. Por unha banda, nos montes galegos abunda o minifundismo, “que representa un 80% dos montes galegos e cunha superficie media de 0,5 hectáreas, algo minúsculo en comparación co que entenden por monte pequeno na organización”, apuntou Isabel Puentes, técnica do Grupo Galego de Certificación Forestal e Cadea de Custodia, CFCCGA. Por outro lado, hai unha maior xestión privada, que representa un 25% do total, “e implica tratar con miles de interlocutores” e finalmente, a idade avanzada dos propietarios, “un gran problema á hora de tentar formalos na correcta administración da masa forestal”, sinalou Juan Picos. Shoana Humphries, xerente de política social de FSC Internacional, explicou na súa intervención algunhas das medidas que a organización xa está levando a cabo para simplificar o proceso aos pequenos propietarios tanto en relación cos custes como de esforzos. “Nos minifundios o auditor non visita tanto o campo, o que xa implica un aforro ", exemplificou Humphries que tamén confirmou que aos pequenos propietarios achégaselles documentación máis simplificada.

A pesar destas complexidades, os montes deben loitar polo selo de calidade FSC para garantir ao consumidor que a xestión forestal foi realizada baixo criterios de sustentabilidade e cun seguimento fiable dende a orixe dos produtos forestais, pois “cada vez máis, os compradores esixen que a mesa ou o papel que mercan proveñen de fontes coñecidas, xustas e sustentables”, explicou Puentes.


Experiencias de éxito no norte de Galicia

Durante a xornada foron varios os profesionais que explicaron casos prácticos que se están levando a cabo para conseguir o selo de calidade FSC. Isabel Puentes, técnica do CFCCGA, compartiu a experiencia de conseguir o certificado PEFC, similar ao FSC, para máis de 3000 hectáreas do norte de Galicia, “mediante a creación dun plan de xestión conxunto compartido por moitos propietarios”. Ese plan xestor recolle as principais indicacións a longo prazo, “especificando canto hai que cortar, cando hai que facelo...”. Tal foi o éxito da práctica que o CFCCGA está a deseñar unha estratexia semellante para a costa atlántica “ademais de seguir traballando para conseguir que os terreos que xa teñen o selo PEFC consigan o FSC, adaptándose aos seus requirimentos, que son algo máis estritos”, explicou Puentes.

As xornadas continuarán este martes a porta pechada nunha sesión na que os membros de FSC Internacional definirán as principais liñas de acción que se levarán a cabo no vindeiro ano. O encontro rematará o xoves 6 de outubro cunha visita aos montes veciñais e pequenas propiedades do sur de Galicia e norte de Portugal.

Comentarios

Entradas populares de este blog

LA FRACCIÓN DE CABIDA CUBIERTA

Tablas de precios orientativos de la madera