A Xunta regulará por primeira vez a recollida de cogomelos e cortiza nun decreto sobre aproveitamentos forestais, que tamén inclúe un sistema de certificación para avalar a orixe e legalidade da madeira

                                                              O presidente da Xunta, na rolda de prensa tras o Consello

Santiago, 9 de xaneiro de 2014.- O presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, en rolda de prensa, que a Xunta regulará por primeira vez a recollida de cogomelos e cortiza nun decreto sobre aproveitamentos forestais, que tamén inclúe un sistema de certificación para avalar a orixe e legalidade da madeira.
O texto, que foi analizado no Consello da Xunta e que será remitido de forma inmediata ao Consello Consultivo, desenvolve parte da Lei de Montes e establece tres obxectivos fundamentais: dar maior seguridade xurídica aos aproveitamentos forestais en Galicia; fomentar a multifuncionalidade do monte, coa regulación dos múltiples aproveitamentos que o monte ten; e ordenar o sector forestal, cun rexistro, o primeiro, de todo o conxunto de cooperativas, empresas e industrias que compoñen o sector forestal de Galicia.
Con este triplo propósito, o decreto establece, en primeiro lugar, un principio fundamental: que o dono do monte é o propietario dos recursos forestais que nel se producen e, por tanto, ten dereito ao seu aproveitamento. Así, baixo esta filosofía, regúlanse 4 tipos de aproveitamentos forestais: aproveitamentos madeirables, aproveitamento de pastos, aproveitamento de cortiza de sobreiras e aproveitamento de cogomelos.
Aproveitamentos madeirables 
No tocante aos aproveitamentos madeirables, Feijóo explicou que os que se destinen a uso doméstico, en ningún caso, poderán superar os 10 metros cúbicos/anuais por persoa propietaria e enténdense que non poden ser obxecto de comercialización, polo que tan só precisarían de comunicación á Administración forestal. O límite para as comunidades de montes establécese en 150 metros cúbicos anuais.
Unha vez executado un aproveitamento de madeira, en casos de corta, o dono do monte deberá desenvolver as actuacións necesarias para a rexeneración da superficie afectada nun período de tempo non superior a dous anos. As cortas de obrigada execución (preventivas), de acordo coa normativa sobre incendios forestais, só precisarán dunha comunicación previa.
No caso da madeira queimada, a Xunta poderá requirir ao titular do aproveitamento, cando o considere oportuno, que inicie a extracción nun prazo máximo de seis meses da madeira queimada no monte, previo informe do servizo competente en materia de incendios forestais; e naqueles casos nos que, para unha axeitada restauración dos danos causados nos montes ou por razóns de sanidade vexetal, política forestal ou seguridade, deba ser extraída a madeira queimada.
Cómpre salientar que, con este decreto, Galicia se converte na primeira comunidade en desenvolver o regulamento comunitario de dilixencia debida que afecta aos operadores que comercializan madeira e produtos derivados da madeira ao tratarse dun sistema de certificación da madeira que avala a súa orixe e a súa legalidade na corta.
Aproveitamento de pastos
En relación ao aproveitamento de pastos polo gando en montes e terreos forestais, Feijóo destacou que o dereito de pastoreo corresponde ao dono do monte, que poderá autorizalo ou prohibilo.
Con carácter xeral, prohíbese o pastoreo en todos os montes e terreos forestais afectados por incendios forestais, nun prazo de dous anos desde o incendio. No caso de que o terreo estivera arborado, non poderá haber aproveitamento de pastos ata que as adecuadas condicións de restauración da masa arborada, se é o caso, o permitan. En casos excepcionais, con condicións, poderá autorizarse o aproveitamento de pastos antes de dito prazo e sempre que concorran: perdas de difícil ou imposible reparación ou inexistencia de alternativas ao pastoreo nas áreas afectadas.
Aproveitamento de cortiza e de cogomelos, regulados por primeira vez
En terceiro lugar, e sobre o aproveitamento de cortiza de sobreiras, o titular da Xunta explicou que naqueles montes que conten cun instrumento de ordenación ou de xestión aprobado pola Administración forestal, requirirán unicamente notificación previa. E se non teñen instrumento de ordenación, requirirán solicitude de autorización.
Feijóo incidiu, durante a súa intervención, en que tanto a recollida de cortiza como de cogomelos no monte regúlanse por primeira vez a través deste decreto.
No caso do aproveitamento de cogomelos, consensuado coa Federación Micolóxica de Galicia, establécense tres tipos de aproveitamentos: para consumo propio –ata un máximo de 2 quilos por persoa e día, sempre que non sexan produto de plantación-; comerciais –requiren autorización do propietario do monte e estarán sometidos á autorización explícita e por escrito do propietario-; e con fins científicos –limitado a 5 unidades representativas enteiras por especie-.
En todo caso, sinalou Feijóo, o dono do monte poderá coutar unha parte ou a totalidade do seu terreo forestal para prohibir a entrada de persoas sen a súa autorización para a recollida de cogomelos ou froitos. Deberá comunicalo e sinalizalo claramente empregando sinais con lendas similares a: ‘Aproveitamento micolóxico restrinxido. Prohibida a recolleita de cogomelos sen autorización da persoa propietaria ou xestora’.
A recollida de cogomelos para consumo propio ou con fins científicos ou didácticos poderá efectuarse sen necesidade de autorización do propietario e sempre fóra da superficie coutada.
Rexistro de empresas do sector forestal
Por último, cómpre salientar que o documento regula, tamén, o rexistro de empresas do sector forestal (RESTOFOR): as entidades inscritas deberán comunicar anualmente á Administración Forestal a información relativa a súa actividade, para a elaboración de estatísticas do sector. O presidente da Xunta indicou que se trata de 3.000 empresas que representan unha facturación de 1.700 millóns de euros ao ano e que xeran un importante emprego no rural, máis de 20.000 postos de traballo directos.
“En definitiva, presentamos un proxecto de decreto que entendemos ten unha importante repercusión; importante –explicou Feijóo-, porque os aproveitamentos de madeira ascenden en Galicia a 7 millóns de metros cúbicos anuais, supoñen o 60% do total dos aproveitamentos forestais de España, xeran uns ingresos anuais estimados de 240 millóns de euros e supoñen a tramitación administrativa de 50.000 solicitudes ao ano; importante –engadiu-, polo aproveitamento de pastos en montes, fundamentalmente, na aplicación de políticas de prevención contra incendios forestais; e importante –concluíu-, porque por primeira vez en Galicia se regula a recolleita de cortiza (que aínda que non é un aproveitamento típico de Galicia cada vez son máis as persoas, sobre todo nas provincias de Ourense e de Pontevedra, que se interesan por el) e por primeira vez en Galicia se regula para clarificar exactamente como se pode facer a recollida de cogomelos en montes e se establecen condicións específicas para efectuar ou prohibir a dita recollida”. 


Fonte: http://www.xunta.es/

Comentarios

  1. deberías poñer de onde o sacaches, xa que foi un copia/pega. por outro lado, moi bo traballo compañeiro co teu blog, dalle!!!

    ResponderEliminar
  2. Puxera o enlace a fonte da nova o final do post, pero igual non se ollaba correctamente, no meu navegador si se ollaba, en todo caso espero que agora si se mire correctamente.

    Un saúdo

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

LA FRACCIÓN DE CABIDA CUBIERTA

Tablas de precios orientativos de la madera