Galicia conta co seu primeiro anuario de estatística forestal con datos sobre este sector actualizados a 2018
Trátase do primeiro compendio publicado na nosa comunidade que contén exclusivamente datos estatísticos forestais. A elaboración deste anuario responde ao establecido pola normativa, xa que a propia Lei de montes de Galicia dedica un artigo enteiramente á estatística forestal. O grupo de traballo para a revisión do Plan Forestal de Galicia, creado no seo do Consello Forestal, estableceu unhas directrices ao respecto da importancia de dispor de estatísticas e información fiable e actualizada sobre a realidade do monte galego. O Anuario inclúe información completa e detallada sobre a estrutura da propiedade forestal, así como sobre a ordenación e xestión forestal, repoboacións, tratamentos silvícolas, loita biolóxica contra diferentes doenzas e pragas e producións forestais.
Galicia conta xa co seu primeiro Anuario de Estatística Forestal, con datos actualizados a 2018, editado pola Xunta a través da Consellería do Medio Rural. O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan, compareceu hoxe a petición propia na Comisión 7ª do Parlamento para dar conta deste documento. Trátase do primeiro compendio publicado na nosa comunidade que contén exclusivamente datos estatísticos forestais. O director xeral explicou que a elaboración deste anuario responde ao establecido pola normativa e concretou que a propia Lei de montes de Galicia dedica un artigo enteiramente á estatística forestal. En parecidos termos, José Luis Chan indicou que o grupo de traballo para a revisión do Plan Forestal de Galicia, creado no seo do Consello Forestal, estableceu unhas directrices ao respecto da importancia de dispor de estatísticas e información fiable e actualizada sobre a realidade do monte galego.
Así mesmo, o director xeral advertiu que a comisión parlamentaria creada tras a vaga de lumes de 2017 incorporou no seu ditame definitivo medidas concretas neste sentido. Entre elas, a creación dun sistema de información estatística forestal de Galicia, como mecanismo que permita facer diagnoses adecuadas e que facilite a toma de decisións de políticas públicas ou empresariais relacionadas co sector. Asemade, outra das actuacións demandadas no devandito ditame consistía en diferenciar, dentro da consellería, as competencias sobre ordenación e planificación forestal, por un lado, e sobre prevención e defensa contra incendios, por outro. Neste contexto levouse a cabo a separación de ditas funcións en dúas direccións xerais distintas. Unha delas, a de Planificación e Ordenación Forestal, ten entre as súas funcións, precisamente, a de velar polo coñecemento do medio forestal baseado nunha información estatística actualizada.
O Anuario presentado hoxe inclúe información completa e detallada en relación coa estrutura da propiedade forestal en Galicia, así como sobre a ordenación e xestión forestal, repoboacións, tratamentos silvícolas, loita biolóxica contra diferentes doenzas e pragas e producións forestais. En relación con estes últimos, o estudo incorpora datos sobre aproveitamentos madeireiros, de pastos ou micolóxicos. Por último, a publicación de Medio Rural compendia as empresas do sector, tanto aquelas provedoras de material forestal de reprodución como de servizos forestais e de aproveitamento e transformación de madeira.
Comentarios
Publicar un comentario