A Xunta aumenta en un millón de euros o investimento a prol do fomento da silvicultura en bosques do medio rural
- A Dirección Xeral de Montes vén de aprobar a ampliación das axudas para a execución de diversas accións silvícolas
- Medio Rural facilitará así a mellora dun total de 6.714 hectáreas forestais de Galicia no período 2010-2011, 1.211 máis da previstas inicialmente
O director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto
A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Montes, vén de aprobar a ampliación en 1.183.820 euros do investimento para o fomento da silvicultura en bosques do medio rural.
Deste xeito, concédense 78 axudas máis para a execución de diversas accións silvícolas que mellorarán, no período 2010-2011, 1.211 hectáreas forestais de Galicia ao abeiro da Orde do 28 de decembro de 2009 pola que se establecen as bases e se convocan para o ano 2010 as axudas para o fomento da silvicultura en bosques do medio rural.
A meirande parte das axudas aprobadas destinaranse á realización de podas en masas de coníferas e de tratamentos silvícolas de consolidación en masas de frondosas caducifolias. Así, das 78 novas axudas concedidas, 48 serán para podas en 661 hectáreas de masas de coníferas, cun investimento de 705.599 euros, e 20 para tratamentos silvícolas de consolidación en 242 hectáreas de masas de frondosas caducifolias, cun investimento de 232.851 euros.
Medio Rural destinará outros 152.981 euros a clareos en 206 hectáreas rexeneradas de coníferas, con 5 axudas aprobadas, e 92.389 euros á rexeneración e mellora de 102 hectáreas de soutos de castiñeiro, con outras 5 solicitudes aprobadas.
Con esta ampliación, no periodo 2010-211, Medio Rural investirá en total máis de 7 millóns de euros en 538 axudas para a mellora de 6.714 hectáreas forestais de Galicia.
Datos por provincias
Segundo os datos da Dirección Xeral de Montes, a provincia que máis novas axudas recibe coa ampliación é Lugo, con 32 expedientes aprobados e un investimento de 525.045 euros para actuar en 457,65 hectáreas, seguida da Coruña, con 24 expedientes aprobados, que suman un orzamento de 207.471 euros para a actuar en 253,53 hectáreas.
En Ourense concedéronse 12 novas axudas, cun investimento de 303.020 euros para a mellora de 316,57 hectáreas e en Pontevedra, os novos expedientes ascenden a 10, nos que se investirán 148.284 euros para a mellora de 183,66 hectáreas.
Mellora silvícola
A través desta iniciativa, o departamento que dirixe Samuel Juárez promove a mellora silvícola das masas forestais, con especial atención á consolidación dos bosques de frondosas; o aumento da superficie forestal arborizada e a diminución do risco de incendios.
Trátase tamén de obter montes arborizados con producións elevadas e de calidade, a prol industria da transformación da madeira e de aproveitamentos complementarios. Ademais, a iniciativa busca promocionar a silvicultura como fonte de emprego para as persoas que viven no medio rural.
As persoas e entidades beneficiarias das axudas comprometeranse a manter a masa conforme as condicións de comprobación e a conservala durante cinco anos. Ademais, deberán facilitárselle as tarefas de inspección ao persoal adscrito á Consellería do Medio Rural.
Fonte: http://www.xunta.es/
Comentarios
Publicar un comentario