Feijóo anuncia que o Goberno galego ten ultimado o anteproxecto de Lei de Montes, que encherá un baleiro legal e cumprirá o triplo obxectivo da concienciación social, a loita contra o minifundismo e a regulación do uso do monte



  • Destaca que o monte galego “é unha riqueza de todos” e avoga por preservalo “como un dos grandes viveiros da Península Ibérica”
  • Defende a agrupación voluntaria de parcelas xa que o 80% das que existen en Galicia teñen menos dunha hectárea
  • Adianta que certificar a calidade da madeira é outro dos obxectivos da Lei, que impulsará o aproveitamento da investigación xenética forestal como a que se desenvolve en Lourizán
  • Explica que a norma regulará o uso do monte tanto para pastos como para usos forestais




O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que o Goberno galego ten ultimado o anteproxecto da primeira Lei de Montes que terá Galicia, unha norma que encherá un baleiro legal e cumprirá o triplo obxectivo da concienciación social, a loita contra o minifundismo e a regulación do uso do monte. Así o dixo o xefe do Executivo autonómico na súa visita ao Centro de Investigación Forestal de Lourizán, na que estivo acompañado do conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez e na que lembrou que, na actualidade, o monte galego se rexe por unha lei estatal “que non está pensada en sentido completo para a nosa comunidade autónoma”.

Nas súas declaracións, informou de que o anteproxecto de Lei se remitirá en maio ao Consello Forestal de Galicia e a continuación iniciará o seu trámite parlamentario. Entre os obxectivos da norma, Feijóo resaltou o de concienciar a sociedade de que o monte “é unha riqueza de todos” con independencia da súa propiedade, e de que “sen monte, sen recursos forestais, non hai medio ambiente nin hai produción de oxíxeno”. Por ese motivo avogou por “preservar o monte galego como un dos grandes viveiros da Península Ibérica”.
Alberto Núñez Feijóo salientou que a Lei de Montes contribuirá a loitar contra o minifundismo forestal, tendo en conta que o 80% das parcelas de Galicia teñen menos dunha hectárea: “Iso acredita a dificultade do aproveitamento económico e da optimización económica do monte, polo que loitar contra o minifundismo forestal é un dos principios básicos”.

Nesa liña, o presidente da Xunta defendeu a aposta da Lei pola agrupación voluntaria de parcelas forestais, pola inxección de capital na explotación do monte e por conseguir parcelas con máis hectáreas. Isto, asegurou, “significa apostar polo futuro, apostar pola economía, apostar polo medio rural e por una Galicia verde”.

Certificar a calidade da madeira do monte galego é, segundo sinalou Feijóo, outro dos obxectivos da Lei, que impulsará o aproveitamento da investigación xenética forestal como a que se desenvolve no centro de Lourizán.

Por último, o presidente galego subliñou que a Lei regulará o uso do monte tanto do pasto como dos distintos usos forestais. En definitiva concluíu que “esta será unha lexislatura en que teñamos unha Lei de Montes, en que iniciemos unha agrupación dos montes que non teña marcha atrás, en que deixemos para o pasado o minifundismo forestal e en que apostemos claramente pola certificación da madeira e polo aproveitamento dunha riqueza que non estamos aproveitando en todo o que deberíamos que é a riqueza do monte galego”.

Feijóo resaltou a importancia do centro de Lourizán no eido da investigación forestal e salientou que o Goberno galego aposta por que esta institución se siga dedicando a recuperar o tempo perdido en investigación forestal.

Fonte: http://www.xunta.es/ 

Comentarios

Entradas populares de este blog

LA FRACCIÓN DE CABIDA CUBIERTA

Tablas de precios orientativos de la madera