Galicia e Portugal únense a prol da ordenación forestal da Eurorrexión
O director xeral de Montes e o presidente da Autoridade Forestal Nacional portuguesa reuníronse hoxe en Santiago para crear unha Rede de Cooperación
O obxectivo é facilitar o aproveitamento integral e sostible do patrimonio natural ao tempo que se avanza na prevención de incendios
Galicia e Portugal avanzan na constitución da Rede de Cooperación para a Ordenación dos Territorios Forestais da Eurorrexión, tal e como se estableceu na xuntanza mantida hoxe en Santiago entre o director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, e o presidente da Autoridade Florestal Nacional portuguesa, Amândio Torres, e co director rexional das Florestas do Norte, Rogério Rodrigues. A iniciativa, enmarcada no proxecto europeo Xes-Silvae, representa un orzamento superior aos dous millóns de euros, dos que máis de 1,7 millóns serán achegados polo Goberno galego e cofinanciados polo fondo da Unión Europea FEDER.
Segundo sinalaron Tomás Fernández-Couto e Amândio Torres, o obxectivo básico do proxecto Xes-Silvae é a ordenación integrada dos recursos forestais da Eurorrexión, incluíndo a elaboración de instrumentos para a promoción das agrupacións forestais de propietarios particulares. Trátase de facilitar o aproveitamento integral e sostible do patrimonio natural ao tempo que se avanza na prevención e loita contra os incendios forestais.
Agrupacións de propietarios
No decurso da xuntanza, o director xeral de Montes trasladoulle aos responsables da política forestal lusa a aposta do Goberno galego polas Sociedades de Fomento Forestal como o modelo máis axeitado de agrupación de propietarios forestais. Segundo sinalou Tomás Fernández-Couto, esta figura, permitiralles aos propietarios forestais unir os seus terreos de xeito voluntario a prol dunha xestión sostible, unha maior rendibilidade e competitividade do sector.
Cómpre salientar que a promoción de agrupacións de propietarios forestais é un dos principais obxectivos do proxecto Xes-Silvae. Así, inclúense diversas accións entre as que figuran a divulgación e a posta en marcha dun proxecto piloto.
Mesas de traballo
Na xuntanza de hoxe acordouse a organización das mesas de traballo transfronteirizas, nas que participarán os representantes das administracións lusa e galega en materia forestal e os axentes implicados no sector. O obxectivo destas mesas de traballo é avanzar na consecución de obxectivos conxuntos para a ordenación sostible dos espazos e mellora dos recursos forestais.
Ademais, esta medida permitirá o intercambio de boas prácticas e a posta en común de experiencias innovadoras no marco da xestión forestal. Cos resultados deste labor realizarase un Plan conxunto de xestión e protección forestal sostible, tal e como establece o proxecto Xes-Silvae nas súas liñas de acción, que presente estratexias para a explotación sostible dos recursos forestais e a defensa do patrimonio forestal.
Cursos
O proxecto Xes-Silvae inclúe tamén o deseño de instrumentos conxuntos de apoio para a valorización e a xestión sostible dos montes. Nesta liña de acción, cómpre salientar o desenvolvemento de cursos de formación especializada no ámbito da xestión forestal. Trátase de formar, en primeiro lugar, os técnicos para que eles poidan logo trasladarlles estes coñecementos aos propietarios forestais.
Comentarios
Publicar un comentario