Que cambia na normativa forestal para o 2019?
O Parlamento vén de aprobar a lei de acompañamento dos presupostos, que establece unha serie de modificacións no medio rural en cuestións como distancias do arborado, plantacións de eucaliptos ou xestión dos montes veciñais queimados
A lei de acompañamento dos presupostos da Xunta, que é utilizada cada ano para variar un sinfín de lexislacións, introducirá para o 2019 unha serie de novidades no ámbito forestal, con modificacións da Lei de Prevención de Incendios, da Lei de Montes e doutras. Resumimos a continuación algúns dos principais cambios, que entrarán en vigor o 1 de xaneiro do 2019, segundo o acordado no Parlamento.
Distancias do arborado e xestión da biomasa
Modifícanse, entre outras, as seguintes distancias:
– Con solo urbano, solo de núcleo rural e solo urbanizable: 2 metros cando se
empreguen especies frondosas caducifolias e 50 metros no resto de especies. Na lei de acompañamento dos presupostos do pasado ano establecérase a distancia das frondosas a núcleo en 15 metros, pero agora redúcese a 2 metros. (Modificación do Anexo II da Lei de Montes de Galicia).
– En parques eólicos, establécese unha franxa de xestión da biomasa de 200 metros de diámetro arredor de cada aeroxenerador. (Modificación da Lei de Prevención de Incendios)
Nun principio estaba previsto tamén que se reduciran as distancias das frondosas a solo de especial protección agropecuaria, pero finalmente, dadas as críticas que xurdiran do sector agrario, acordouse manter as actuais distancias, establecidas en 10 metros para tódalas especies; en tanto nos labradíos que non sexan de especial protección agraria, as frondosas poderán estar a 4 metros, tal e como xa aparecía recollido na Lei de Montes.
Desde Unións Agrarias felicítanse polo feito de que se manteñan as distancias do arborado a prados e terras de cultivo, pois representan unha fonte de sombra e de captación de nutrientes en solo agrario.
Unións, non obstante, critica os cambios de distancias que si se fixeron efectivos, pois cuestiona que se lle esixa ós propietarios o mantemento da biomasa arredor dun parque eólico, en lugar de proceder ás correspondentes expropiacións. O mesmo sucede -sinala a organización-, co mantemento das liñas eléctricas, para as que se lle esixe ós propietarios que manteñan limpos 5 metros arredor das instalacións.
Plans de Ordenación de Recursos Forestais
A Xunta ten previsto iniciar no 2019 a elaboración de Plans de Ordenación de Recursos Forestais en cada un dos 19 distritos forestais da comunidade. Eses Plans, segundo queda fixado a partir de agora na Lei de Montes, poderán “establecer limitacións ou prohibicións de plantación de determinadas especies forestais”.
Novas restriccións para o eucalipto
Outro dos cambios da Lei de Montes prohíbe as plantacións con eucaliptos en montes de xestión pública ou en montes de utilidade pública. Deste xeito, queda vetada a plantación da especie en tódolas superficies de montes veciñais que estean manexados pola Administración por medio dun convenio. Tamén queda o eucalipto fóra dos montes de propiedade pública.
Na práctica, a Administración xa viña evitando o uso do eucalipto nos montes con convenio, pero esta situación queda agora oficializada a través da lexislación.
Creación da figura do silvicultor activo
A Xunta crea a figura do silvicultor activo e un rexistro voluntario dos mesmos, ó que poderán acceder os silvicultores que cumpran os seguintes requisitos: que os terreos propios ou xestionados polo silvicultor dispoñan dun instrumento de ordenación ou xestión forestal aprobado ou estean adheridos a referentes de boas prácticas e modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos, que dispoñan de certificación forestal por algún dos sistemas recoñecidos, que poidan xustificar a propiedade ou a dispoñibilidade dos terreos e que acrediten que realizan unha actividade económica ligada á explotación do monte.
A posta en marcha da figura do silvicultor activo era unha reivindicación da Asociación Forestal de Galicia, que aspira a que a Administración lle preste maiores apoios e incentivos fiscais ós silvicultores activos.
Aproveitamentos en montes veciñais queimados
En montes veciñais que teñan un convenio coa Administración, os propietarios poderán proceder de xeito directo á venda da madeira afectada por un incendio ou catástrofe natural, pois en tales casos é preciso cortar altos volumes de madeira nun curto periodo, o que é incompatible cos prazos necesarios para a súa subasta por parte da Administración.
A xefatura territorial correspondente deberá autorizar esas cortas en base a riscos como a perda de valor da madeira ou a posible aparición de problemas fitosanitarios. A resolución da xefatura territorial especificará tamén as porcentaxes de reinvestimento no monte que correspondan, que poden chegar a ser do 100%.
Contas da Xunta cos montes veciñais conveniados
En tanto estean en vigor os actuais convenios públicos cos montes veciñais, e en tanto non se activen os novos contratos de xestión pública, que deberán estar en vigor a máis tardar no 2021, os importes das actuacións de prevención de incendios ou de recuperación dun monte afectado por un incendio non computarán na contabilidade dos convenios ou consorcios.
Instrumentos de ordenación de montes
Tal e como xa se anunciara, os montes con superficie maior a 15 hectáreas terán ata o 2028 para dotarse dun instrumento de ordenación. Os que teñan menos de 15 hectáreas, terán de prazo ata o 31 de decembro do 2020 para dotarse dun plan ou para adherirse a un dos modelos silvícolas aprobados pola Administración. Pasado ese periodo, non poderán facer cortas.
Cambio de actividade agrícola a forestal
A lei de acompañamento dos presupostos modifica o artigo 61 da Lei de Montes, de xeito que só poderán cambiar de uso os terreos rústicos de uso agrícola que leven máis de dez anos en estado de manifesto abandono e que posteriormente se adscribisen ao Banco de Terras de Galicia, consonte os prezos de arrendamento de referencia oficiais, por un período de polo menos dous anos. Pasado ese prazo, poderanse forestar sempre que estean nun destes supostos:
– Que estremen con terreos forestais, cando se utilicen frondosas caducifolias.
– Que constitúan enclaves de ata 5 hectáreas en superficie arborada, utilizando frondosas caducifolias.
Fonte: http://www.campogalego.com/
Comentarios
Publicar un comentario