Ábrese o prazo das axudas para tratamentos silvícolas





















A Consellería do Medio Rural vén de convocar as axudas para tratamentos silvícolas, para o que destina un orzamento de 13 millóns de euros. As subvencións oriéntanse á creación de descontinuidades verticais e horizontais da cuberta vexetal, o que contribúe ó desenvolvemento das masas forestais e tamén á prevención de lumes.
Os apoios divídense en dúas liñas, unha orientada a piñeirais e outra a frondosas caducifolias. En piñeirais, fináncianse rareos, rozas e podas. Os rareos poderanse executar naquelas masas de menos de 15 centímetros de diámetro e con alomenos 2.000 pés por hectárea. Respecto das podas, deberán acadar como mínimo 2 metros de alto e un máximo de 4 metros, non podendo haber máis de 1.200 pés por hectárea tras o remate do traballo.
Frondosas, soutos e sobreirais
No apartado das frondosas caducifolias, que tamén atinxe a sobreirais e aciñeirais, poderán executarse podas, formación de guías ou rareos en masas que teñan menos de 20 centímetros de diámetro medio.
Nos soutos de castiñeiros, que deberán ter un mínimo de 100 pés por hectárea, tamén se subvencionarán tratamentos fitosanitarios e a rexeneración do souto coa plantación de novos pés resistentes á tinta.
Os destinatarios das axudas son, entre outras entidades, montes veciñais, Sociedades de fomento forestal (Sofor), montes de varas e propietarios particulares. Para montes veciñais, pídese un mínimo de 3 hectáreas en couto redondo, en tanto que para propietarios particulares o mínimo será dunha hectárea en couto redondo.
A Xunta prevé chegar a uns 500 beneficiarios e actuar en 7.000 hectáreas. O prazo de solicitude remata o 4 de marzo.

Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, en réxime de concorrencia competitiva (procedemento MR605A), e se convocan para o ano 2019, a través de dúas liñas de axuda.
2. As dúas liñas de axuda obxecto de subvención son as seguintes:
a) Liña I (medida Feader 8.3): axudas para realizar tratamentos silvícolas (prácticas preventivas, de carácter local e a pequena escala, que permitan crear descontinuidades verticais e horizontais da cuberta vexetal e o control selectivo de combustible, como son rozas, desmestas, rareos e podas) coa finalidade de prevención de incendios.
b) Liña II (medida Feader 8.5): axudas para realizar tratamentos silvícolas (rareos, desmestas, podas, cortas de formación, rozas, etc.) e plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculadas ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques que non teñan carácter produtivo.
3. Estas axudas ampáranse nos artigos 21.1.c), 21.1.d), 24 e 25 do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello (DOUE do 20.12.2013, L347), e tramítanse ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, aprobado por Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro, e modificado mediante Decisión de execución da Comisión C (2017) 5420 final, do 26 de xullo, e por Decisión de execución da Comisión C (2018) 5236 final, do 30 de xullo.

Ámbito de aplicación .

1. O disposto nesta orde será de aplicación para todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con exclusión:
a) Dos bosques ou outras superficies forestais que sexan propiedade da Administración central, autonómica ou local.
b) Dos bosques e outras superficies forestais propiedade da Coroa.
c) Dos bosques que pertenzan a empresas públicas.
d) Dos bosques propiedade de persoas xurídicas, cando polo menos o 50 % do seu capital pertenza a algunha das institucións anteriormente citadas.
e) Dos terreos cun proceso iniciado de expropiación forzosa.
f) Dos hábitats definidos como prioritarios pola Directiva 92/43/CEE, do 21 de maio, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.
2. No caso de montes propiedade do Estado, da Comunidade Autónoma de Galicia ou das entidades locais, a axuda poderá ser concedida se o órgano que xestiona esas terras é un organismo privado.
3. Tamén serán elixibles as actuacións en montes que teñan subscrito un convenio coa Xunta de Galicia ou en montes que teñan solicitado o cambio de consorcio a convenio, nos cales non estea prevista ningunha actuación con cargo ao convenio, e o proxecto de ordenación o permita, logo de informe favorable do servizos provinciais responsables dos recursos forestais correspondentes. Os montes consorciados coa Administración non poden solicitar as axudas dentro da superficie consorciada.

A quen vai dirixido?

1. Os beneficiarios serán persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores, sen que se admita a cesión por parte do propietario do terreo a un terceiro.
2. Das axudas previstas nesta orde serán persoas beneficiarias as sociedades de fomento forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual, as asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC), que cumpran o establecido no punto 1.
Requisitos
- Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
- As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, para poder acceder a estas subvencións e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, como moi tarde o día en que remate o prazo de solicitude da axuda. Así mesmo, deberán ter presentadas as comunicacións dos ingresos e reinvestimentos do ano 2017, de acordo co establecido no capítulo III do Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal.
- As Sofor deberán ter a inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal como moi tarde o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.
- Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Unha empresa está en crise cando concorre, polo menos, unha das seguintes circunstancias:
a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.
b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.
c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.
As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise, salvo que cumpran a condición establecida na letra c).
Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se encontran en situación de crise conforme a normativa comunitaria.
- Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
- Non poderán ser beneficiarias as entidades locais.

Prazo









Prazo de presentación: ABERTO
05/02/2019 - 18/03/2019
1. O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. / 2. Os traballos solicitados na solicitude de axuda non poderán iniciarse antes da inspección previa a que se refire o artigo 18 desta orde e estarán condicionados á aprobación da axuda.




Comentarios

Entradas populares de este blog

LA FRACCIÓN DE CABIDA CUBIERTA

Tablas de precios orientativos de la madera