Axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais.
Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais (código de procedemento IN500A) e proceder á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.
2. Estas axudas ampáranse nos artigos 21.1 e 26 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello (DOUE do 20 de decembro de 2013, L347), e no establecido para as axudas para investimentos en tecnoloxías forestais e na transformación, mobilización e comercialización de produtos forestais, do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (DOUE do 1 de xullo de 2014, L193).
3. Estas axudas convócanse de acordo coa Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, pola que se aproba o Programa de desenvolvemento rural de Galicia e modificado mediante a Decisión de execución da Comisión C (2017) 5420 final, do 26 de xullo de 2017, e por Decisión de execución da Comisión C (2018) 5236 final, do 30 de xullo do 2018, e correspóndense coa submedida 8.6 (axuda para os investimentos en tecnoloxías forestais e na transformación, mobilización e comercialización de produtos forestais) do programa.
A quen vai dirixido?
Poderán ser beneficiarias as microempresas, pequenas e medianas empresas (peme) do sector forestal radicadas en Galicia en relación cos investimentos realizados en zonas rurais de acordo cos criterios de localización establecidos no ámbito territorial do PDR 2014-2020 e descritos no anexo XIII. Tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014. Segundo esta definición, pemes son aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.
Obrigas dos beneficiarios.
1. Son obrigas dos beneficiarios:
a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto ou realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.
b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención.
c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para comprobar a aplicación das axudas á finalidade que determinou a súa concesión, o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión e o pagamento da axuda e o mantemento das condicións establecidas nas bases reguladoras, a convocatoria e a resolución de concesión, para o cal achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
d) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo o que fai referencia o artigo 5.2 desta resolución.
e) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable adecuado para todas as transaccións relativas ás axudas solicitadas ao abeiro desta resolución, onde se constatará o investimento efectivamente pagado antes do remate do prazo de execución.
g) O beneficiario non poderá substituír os equipamentos subvencionados anteriormente polos equipamentos obxecto de axuda e deberá manter os investimentos subvencionados e os requisitos que condicionaron a obtención da axuda durante un período mínimo de 5 anos, contados desde a data do último pagamento da axuda.
h) En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
i) Os beneficiarios de axudas comprométense a proporcionar á autoridade de xestión do Programa de desenvolvemento rural, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade delegase a realización de tarefas, toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e a avaliación do programa.
2. O incumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as indicadas na resolución de concesión de axuda, así como encontrarse nas circunstancias previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ocasionará a perda de dereito á axuda.
Requisitos
1. Os solicitantes da axuda para acadar a condición de beneficiarios deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Acreditar a súa viabilidade económica mediante algunha das seguintes circunstancias:
1º. Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento, dun mínimo do 70 % do seu importe, ou comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento.
2º. Certificación bancaria de dispoñibilidade líquida en conta por importe do investimento.
3º. Vendas por importe superior ao triplo do investimento (na declaración do IVE do último exercicio pechado á data de publicación da convocatoria, modelo 390 ou modelo 303 do último mes do ano, segundo proceda).
4º. Estudio de viabilidade asinado por un profesional independente cualificado, que contará, como mínimo, cun plan económico financeiro que inclúa conta de resultados previsional en que se analice o impacto dos novos investimentos, plan de tesouraría previsional e balances previsionais, incluíndo unha descrición das hipóteses que sustenten as previsións.
b) Deberán ter un seguro en vigor de responsabilidade civil para a actividade obxecto de axuda e, no suposto de ser exixible, un contrato de prevención de riscos laborais, en vigor na data de publicación da convocatoria.
c) Deberán estar inscritos no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor) e cos datos actualizados, de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, de conformidade co Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal.
2. Así mesmo, os solicitantes con persoal contratado por conta allea nun número igual ou superior a tres traballadores, deberán ter, polo menos, na data de publicación da convocatoria o 33 % do cadro de persoal da empresa con contratos por conta allea e tempo indefinido. Para as empresas de nova creación, entendendo como tales as creadas dentro dos 12 meses anteriores á data publicación da convocatoria, bastará o compromiso de acadar, como mínimo, o 33 % de estabilidade laboral ao remate do prazo concedido para xustificar o investimento. As empresas xa existentes deberán comprometerse, igualmente, a acadar a mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, se for o caso, deriven do proxecto de investimento que se subvencione. O persoal en réxime de autónomos non se computará para os efectos do cálculo das porcentaxes de estabilidade de emprego recollidas nesta resolución.
3. Non poderán acadar a condición de beneficiarios:
a) Aqueles solicitantes nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2, número 18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 y 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria.
c) Aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
Prazo
Prazo de presentación: ABERTO
14/02/2019 - 13/03/2019
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta resolución.
Fonte: https://sede.xunta.gal
Comentarios
Publicar un comentario