- Agrupar aos propietarios e titulares de predios forestais en Galicia.
- Representar aos seus membros ante as administracións, entidades, corporacións e institucións nacionais e internacionais, do ámbito forestal.
- Contribuír á elaboración de políticas forestais acordes cos intereses dos silvicultores galegos.
- Mellorar en Galicia a produción forestal en cantidade e calidade, incrementando a rendibilidade dos montes.
- Asegurarlles aos seus socios información, asesoramento e asistencia técnica no ámbito silvícola.
- Informar á Administración sobre a lexislación que puidera afectar á propiedade forestal, á práctica da silvicultura e, en xeral, aos montes galegos e aos produtos forestais.
- Apoiar e impulsar a investigación forestal e proponer liñas e proxectos de investigación que respondan ás necesidades dos silvicultoresgalegos.
- Fomentar as iniciativas e suxerir propostas que melloren a estrutura da propiedade forestal en Galicia dirixidas a conseguir unidades de explotación tecnicamente axeitadas.
- Divulgar e fomentar os coñecementos e as técnicas dirixidas a conseguir unha xestión sostible dos recursos forestais en Galicia.
- Desenvolver labores de formación que contribúan a incrementar os coñecementos e a capacidade de xestión no ámbito forestal.
- Promover iniciativas que contribúan a aumentar o valor engadido dos bens, produtos e recursos xerados nos montes galegos.
- Desevolver todas aquelas actividades compatibles cos fins mencionados, os estatutos e a lexislación vixente.
Os beneficios que obteña a AFG por calquera concepto destinaranse exclusivamente ao cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre os socios nin outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativa.
Actividades da AFG
Ao longo do ano, a AFG organiza numerosas actividades relacionadas coa silvicultura e a xestión de montes; entre elas destacan a realización de viaxes técnicas, a asistencia a feiras forestais, a organización de congresos, simposios e seminarios de carácter forestal. No ámbito da formación, a AFG imparte cursos aos seus socios sobre os principais aspectos da
silvicultura e da xestión de montes.
Por outra parte, todos os socios da AFG benefícianse tamén de:
A revista O Monte de periodicidade trimestral e gratuíta para os socios, cunha tirada de 2.500 exemplares. Con información actualizada sobre prezos da madeira, axudas e subvencións, técnicas silvícolas, sanidade forestal, normativas…
A publicación de libros e manuais sobre silvicultura, fiscalidade forestal e xestión de montes.
Biblioteca técnica cun amplo fondo bibliográfico que inclúe os principais libros e revistas do eido forestal.
Descontos en viveiros forestais para compra de planta.
Liñas estratéxicas de traballo
Certificación forestal
A certificación forestal, é un proceso voluntario polo que unha terceira parte (independente á xestión forestal) certifica, a través dun proceso de auditoría, que a xestión dunha determinada superficie forestal se axusta aos requisitos establecidos na norma de certificación que corresponda.
Na actualidade existen varios sistemas de certificación aínda que, en España, os dous máis representativos son o PEFC e o FSC.
No ano 2010, a empresa da AFG SELGA, COMPAÑÍA GALEGA DE SILVICULTORES S.L. creou o Grupo SELGA, Xestión Forestal Sostible co fin de posibilitar a certificación forestal nas superficies que pertencían aos socios da Asociación Forestal de Galicia e aos membros da Mancomunidade de Produtores de Biomasa do Sur de Galicia.
Os principios nos que se asenta o Grupo son o de compromiso coa certificación forestal, tanto PEFC (seguindo o establecido na Norma UNE 162.002 de Xestión Forestal) como FSC (cumprindo co establecido nos Estándares Españoles de Gestión Forestal para la Certificación FSC e nos Principios e Criterios FSC tanto a corto, medio como longo prazo) co fin de promover o uso sostible dos produtos e servizos do monte.
Minifundio
O pequeno tamaño dos montes galegos supón unha grave dificultade para coidalos e melloralos. Moitos propietarios forestais desenténdense da xestión por inviable e moitos dos novos propietarios xa non saben onde se atopan as súas propiedades herdadas.
A AFG traballa en varias direccións: ensaiando e perfeccionando modelos de xestión de montes, a través da agrupación dos seus propietarios, e promovendo unha concentración parcelaria, axustada ás necesidades forestais, que poida aplicarse ás zonas onde resulte viable e ofrecendo un servizo profesional para identificar e cartografar os terreos dos membros da AFG.
Os propietarios e as comunidades de montes
O coñecemento das características dos propietarios forestais, particulares e comunidades de montes veciñais, das súas demandas, así como o seguimento da evolución da propiedade forestal foron obxecto de varios estudos e de constante preocupación por parte da AFG.
Esta liña de traballo vai ser ampliada e intensificada na AFG formando parte dun observatorio internacional da propiedade forestal impulsado pola Unión de Silvicultores do Sur de Europa (USSE).
Mercado da madeira
A análise dos prezos da madeira e a información sobre a evolución dos mercados son aspectos determinantes para comercializar ben os nosos produtos e para conseguir rendibilidade no monte.
Os propietarios forestais membros da AFG, dispoñerán dunha ampla información actualizada e de canles propias de comercialización que lles van permitir vender a súa madeira nas mellores condicións no mercado do sur de Europa.
Fiscalidade
A reforma da fiscalidade que afecta aos montes constitúe unha actividade na que a AFG foi pioneira e da que se levan obtido moi bos resultados para todos os silvicultores. Sen embargo, aínda restan moitos aspectos por mellorar.
O equipo de expertos da AFG está elaborando un novo conxunto de reformas fiscais para mellorar o réxime fiscal das comunidades de montes veciñais e tamén das sociedades con propiedades forestais.
Mellora xenética
A mellora xenética das principais especies forestais galegas é un reto ineludible para mellorar os nosos produtos forestais e para dispoñer dunha planta forestal de calidade e resistente ás enfermidades e pragas.
A AFG participa na promoción de liñas de investigación que respondan ás verdadeiras necesidades dos silvicultores galegos e vai incrementar a transferencia de tecnoloxías aos produtores forestais neste ámbito. A creación do Instituto Europeo do Bosque Cultivado (IEBC) vai desempeñar un importante papel dinamizador da investigación forestal no sur de Europa.
Sanidade forestal
Os nosos bosques, ao igual cós dos países temperados, padecen un elevado risco de ataques de elementos patóxenos que poñen en perigo a sostibilidade dos nosos recursos. Por isto requiren investimentos permanentes para asegurar a súa conservación e diminuír o risco de incendios forestais e de pragas e enfermidades.
Un dos obxectivos prioritarios da AFG é conseguir que Galicia dispoña dunha estrutura permanente e dun dispositivo integral de control sanitario nos montes no que poidan participar activamente os silvicultores. Trabállase tamén para conseguir a implantación de seguros contra catástrofes forestais.
Normativas
Contando co apoio de socios e colaboradores expertos na materia, así como cos seus propios recursos, a AFG dispón dun equipo multidisciplinar que traballa pola mellora das normativa sectorial e non sectorial que lle afecta aos montes, formulando propostas de mellora e fomento da actividade silvícola, así como do recoñecemento dos dereitos e do labor dos propietarios forestais.
Incentivos a investimentos forestais
Ante un horizonte europeo no que as axudas públicas aos montes mostran unha tendencia á diminución, faise necesario dispoñer dun sistema financeiro axustado ás necesidades forestais.
A AFG traballa desde hai tempo no deseño de instrumentos e produtos financeiros adaptados ás características dos investimentos forestais. Un sector ata agora inexplorado e que comeza a interesar á banca galega.
Comentarios
Publicar un comentario