Este domingo comeza en Galicia a tempada de pesca 2010

O director xeral de Conservación da Natureza
 visitará dous coutos preto de Santiago, para supervisar o inicio da campaña

Medio Rural editou unha completa guía informativa,
dispoñible on line, coas principais novidades deste ano

Pasado mañá domingo comeza oficialmente a tempada de pesca 2010, de acordo coa normativa que regula esta actividade e cuxas competencias corresponden á Consellería do Medio Rural. Con este motivo, o director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón, visitará os coutos de Chaián, no río Tambre (no límite entre os concellos de Santiago e Trazo), e de Sigüeiro, no tamén coruñés municipio de Oroso, para supervisar este inicio da campaña.

Como é tradicional, antes do inicio formal da campaña a Xunta editou unha completa guía informativa coas principais novidades deste ano, así como con diferentes datos sobre tipos e prezos das licencias, períodos hábiles, modalidades, horarios, tramos, etc.

Este folleto está dispoñible en internet (en formato pdf), na web de Medio Rural, dentro do apartado de Conservación da Natureza - Pesca fluvial - A pesca fluvial en Galicia.

Novidades

As principais novidades desta tempada son o establecemento de novos tramos libres de pesca sen morte nos ríos Avia, Belelle, Iso, Ladroíl, Lor, Navea-Queixa e Támega; a apertura dos coutos de Caldas de Reis e Ponte Arnelas; un novo tramo de pesca sen morte no couto de Caldas de Reis e outro de iguais características no río Castro, afluente do Xuvia. Tamén se permitirá a pesca se morte no couto de San Tirso (nos lotes dous –Estreitos– e tres –Louredal–) e parcialmente no lote catro do couto da Pontenova (O Cairo).

En Galicia expedíronse en 2009 un total de 90.198 licencias de pesca, nas súas diferentes modalidades (para españois, estranxeiros residentes ou cidadáns da UE; segundo as especies; para pesca a flote, etc.). Foron case catro mil menos que na tempada de 2008, na que se emitiron un total de 94.187 licencias.

Normativa

As normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada 2010 están recollidas na Orde do 3 de febreiro de 2010, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 9 de febreiro.

Esta norma manterase vixente ata a publicación da correspondente á tempada do ano 2011 e nela especifícanse as normas xerais de pesca fluvial de distintas especies ictícolas (de peixes) e dos demais seres vivos que habitan as augas continentais de Galicia.

Así, establécense as épocas hábiles, tamaños mínimos das especies, cotas de captura, tipos de engado que se empregarán en cada caso e modalidades de pesca permitidas.

As especies ás que se fai referencia son: salmón, reo, troita, perca negra, saboga, anguía e lamprea, así como as especies de esteiro (robaliza, muxo, solla, etc.), para as que se fixa un réxime especial. Na devandita orde menciónanse tamén as especies vedadas en tódalas masas de auga (cangrexo de río, reñosa, espiñento e sábalo). Engádese que está vedada a anguía no río Eo.

Sobre as xornadas hábiles para a práctica da pesca, con carácter xeral decláranse os luns como inhábiles, agás festivos nacionais ou autonómicos. Nos coutos de pesca e nos tramos do río Navia compartidos con Asturias serán tamén inhábiles os xoves, agás festivos. Tamén se establece que nas zonas de desembocadura e nos encoros nos que se autoriza a pesca de ciprínidos (carpas) e perca negra durante todo o ano serán hábiles tódolos días da semana para a captura de especies distintas dos salmónidos.

Modalidades de pesca

Canto ás modalidades de pesca, como regra xeral e para tódalas especies, só se autoriza a pesca con cana, sen prexuízo da regulamentación específica da anguía, angula ou meixón, a lamprea e o cangrexo vermello americano. En tramos de río, só se permite o emprego dunha cana por persoa, a unha distancia máxima do pescador ou pescadora de tres metros e dunha sacadeira ou un lazo como elemento auxiliar.

No que atinxe á pesca sen morte, autorízase unicamente a mosca artificial nas súas distintas modalidades e a culleriña cun só anzol e sen arponciño, quedando prohibido para tódolos efectos o engado natural. Ademais, especifícase que tódalas capturas deberán ser devoltas á auga inmediatamente despois da súa extracción.

Fuente: http://mediorural.xunta.es

Comentarios

Entradas populares de este blog

Un monte viable económicamente, eje de las propuestas de la cadena de valor de la madera para el futuro forestal

Tablas de precios orientativos de la madera