A Xunta non vai privatizar o servizo de loita contra o lume forestal


Diante do aluvión de consultas dos medios de comunicación a partir da información publicada hoxe por Faro de Vigo, Medio Rural aclara que se contrata unha mínima parte do servizo, para reforzar o labor da propia Xunta

Usar unha asistencia técnica para estes traballos é unha práctica habitual, que ata o de agora se encomendaba a Seaga, e esta, á súa vez, encargaba a unha empresa privada especializada e solvente parte dos labores

Diante do aluvión de consultas de diferentes medios de comunicación sobre a información publicada por Faro de Vigo en relación coa loita contra os incendios forestais, e tendo en conta que a interpretación maioritaria foi a de que a “a Xunta vai privatizar este servizo”, a Consellería do Medio Rural quere aclarar e puntualizar o seguinte:


1º.- A Xunta NON vai privatizar o servizo de loita contra os lumes forestais.

2º.- O Goberno Galego ven de facer pública unha resolución pola que se anuncia a contratación, por procedemento aberto e transparente, do servizo de optimización da prevención de incendios forestais mediante a planificación estratéxica e a coordinación operativa.

3º.- Usar unha asistencia técnica para estes traballos é unha práctica habitual, que ata o de agora se encomendaba a Seaga, e que esta, á súa vez, encargaba en parte –no que atinxe aos traballos que requiren dunha maior cualificación técnica– directamente a unha empresa privada especializada e solvente. A diferenza é que agora este proceso se fai coas máximas garantías de transparencia e libre concorrencia, cunha convocatoria aberta a través da Plataforma de contratación pública de Galicia.

4º.- Esta contratación ten por obxecto reforzar e apoiar (nunca substituír) o labor que desenvolve a Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Montes, en materia de prevención e extinción de incendios forestais. Trátase –de maneira resumida– de que a empresa adxudicataria chegue a onde non pode chegar a Administración cos seus medios, en particular nos seguintes aspectos:

a) A planificación estratéxica da loita contra os incendios forestais que leva a cabo a Dirección Xeral de Montes necesita da análise e da xustificación realizada por enxeñeiros e por asesores especialistas que se encarguen de plasmar documentalmente a organización, protocolos e distribución dos recursos do plan de incendios autonómico, e de realizar todos aqueles informes técnicos relativos á prevención, investigación, e extinción de incendios no ámbito de traballo da prevención e defensa contra os incendios forestais da dirección xeral de Montes.

b) Dada a magnitude económica que supón o dispositivo de prevención e defensa, cun amplo despregamento de brigadas terrestres e vehículos dedicados á loita contra os incendios, a actuación deste medios terrestres debe avaliarse por enxeñeiros co obxecto de optimizar a metodoloxía de traballo, co estudo da evolución de determinados incendios, dende o seu inicio ata a súa finalización total, para detectar os posibles erros cometidos e evitar que en incendios sucesivos volvan a repetirse.

c) Canto á vixilancia preventiva e coordinación dos medios aéreos, resulta imprescindible recorrer á colaboración de enxeñeiros que unifiquen e organicen uns procedementos e protocolos de traballo e actuación dos medios aéreos na Comunidade Autónoma de Galicia, tanto dos helicópteros como dos avións, sempre tendo como obxectivo principal garantir a seguridade, a eficacia e a eficiencia das aeronaves que participan nas operacións.

Todos estes labores son, en definitiva, un traballo en detalle, polo miúdo, que non tería sentido desenvolver directamente por parte da Administración Pública, xa que esta tería que dotarse duns medios desproporcionados para o fin perseguido.

5º.- O orzamento total de licitación deste contrato supera lixeiramente os 450.000 euros (a cifra de 900.000 euros incorpórase no anuncio de contratación en previsión de posibles prórrogas que non teñen por qué realizarse inicialmente), o que supón tan só o 0,45% do total dos fondos destinados pola Xunta a prevención e extinción de incendios forestais na presente campaña, que se sitúan en torno aos 100 millóns de euros. Resulta evidente, pois, que non se pode falar de privatizar cando se está a contratar unha asistencia técnica por un importe que corresponde a unha minimísima parte do total do orzamento destinado á loita contra incendios.

Fonte:ww.mediorural.xunta.es

Comentarios

  1. Después de buscar, a mi manera, si existía alguna página web o Blog de tema forestal, y no encontrar ninguno; me decidí a crear uno hace menos de un mes. Hoy, buscando noticias que comentar, encontré el tuyo. Me llamo Roberto Taracido Peiteado, soy forestal también, aunque ya estoy jubilado, y como te puedes imaginar tengo poca idea de informática por lo que este lío en el que me he metido me esta costando mucho trabajo.
    Tu Blog me parece muy completo, ofrece muchas posibilidades y veo que dominas el tema. Te deseo mucha suerte con él.
    Mi Blog es http://resenaforestal.blogspot.com
    Seguiré en contacto. Un saludo, RTP.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

LA FRACCIÓN DE CABIDA CUBIERTA

Tablas de precios orientativos de la madera