La Xunta realizará mejoras en los ríos Castro y Ventoxo de Cerdedo y Forcarei para evitar situaciones de riesgo
Estas actuacións comprenden o acondicionamento e a limpeza do leito dos ríos e das súas marxes, así como a retirada e transporte de residuos, movemento de terras e a reposición de estruturas.
O Consello da Xunta na súa reunión desta mañá aprobou, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, un investimento de 150.000 euros para actuacións de emerxencia de inmediata execución nos ríos Castro e Ventoxo, nos concellos pontevedreses de Cerdedo e Forcarei. A finalidade esta actuación é realizar obras de restauración e reposición dos leitos co obxectivo de solventar situacións de perigo como a derivada do temporal sucedido en Galicia na semana do 22 ao 28 de febreiro.
Graves consecuencias
Este suceso provocou o desbordamento destes ríos e as consecuentes inundacións, polo que se fixo preciso adoptar medidas extraordinarias e de urxente necesidade, que consistiron na execución de actuacións hidráulicas con carácter de emerxencia.
Estas actuacións comprenden o acondicionamento e a limpeza do leito dos ríos e das súas marxes; retirada e transporte de residuos; reparación dos problemas estruturais,especialmente a erosión en muros e as seccións a pontes e camiños (estribos, pías, varandas); corta de árbores que invaden o leito dos ríos e revisión xeneralizada dos leitos co obxecto de solucionar os problemas xurdidos.
Estas obras fanse necesarias non só para darlle unha solución inmediata á problemática xurdida, senón tamén para impedir que esta situación se agrave ou se repita nun futuro inmediato.
O temporal acaecido en Galicia nos últimos días do mes de febreiro provocou diversos danos nas bacías destes ríos, tanto en bens de titularidade pública como privada.
O elevado incremento de caudal e o arrastre de materiais procedentes das riadas e dos desprendementos causados polo forte temporal obstacularizaron o fluxo da auga a través da obra de drenaxe. Produciuse un incremento da intensidade das puntas de avenidas e unha erosión e sedimentación que descontrolaron a morfoloxía dos leitos.
Como consecuencia de todo isto, os ríos desbordados anegaron inmobles e núcleos de poboación enteiros e importantes danos e perdas aos intereses públicos.
Esta situación provocou un progresivo encoramento do contorno que o día 26 de febreiro fixo que a estrutura de drenaxe cedese, aliviando unha gran cantidade de auga.Esta auga arrastrou camiños, pontes de formigón, pontes medievais, muíños e outrasinfraestruturas, ata a praia fluvial de Cerdedo.
Así mesmo, provocou cúmulos de sedimentos nos leitos formados por grandes pedras,árbores, restos das pontes, dos muíños e outros elementos, co que a capacidade hidráulica dos ríos se viu moi reducida, aumentando o risco de novas inundacións.
PRINCIPAIS ACTUACIÓNS
- Cruzamento N-541: limpeza do leito ao seu paso polo cruzamento da N-541
- Esbarrela: reposición da pasarela de lousa de formigón armado e da ponte de fábrica de cachotaría.
- Folgoso: reposición do pasal de formigón.
- Zona minicentral: rehabilitación das tres pontes de pedra
- Ponte Piñoa: reposicición de materiais e acondicionamento de explanada.
- Praia fluvial: retirada de material e reposición de material
- Limpeza dos leitos
Fonte: www.xunta.es
Comentarios
Publicar un comentario