- A Consellería asinou cadanseu convenio con SILVANUS, AFRIFOGA, ASEFOGA e a Asociación Forestal de Galicia
- A achega da Consellería do Medio Rural ascende a 140 mil euros en tódolos casos menos con AFRIFOGA que será de 90 mil euros
O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, asinou esta mañá catro convenios de colaboración coa Asociación Profesional de Silvicultores de Galicia (SILVANUS), a Asociación para o Fomento da Riqueza Forestal de Galicia (AFRIFOGA), a Asociación Forestal de Galicia e a Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA). No acto estiveron tamén presentes o director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, e representantes de cada un dos diferentes colectivos.
O obxectivo desta firma entre a Consellería do Medio Rural e as asociacións é promover sesións de información e divulgación da xestión forestal sostible dirixidas, fundamentalmente, a propietarios forestais privados.
Silvanus
A Consellería do Medio Rural achegará a esta entidade a cantidade de 140.000 euros, dos que 50.000 serán para actuacións de formación e actualización aos profesionais do sector, mentres que a cantidade restante, 90.000 euros, irá destinada ao fomento da ordenación de pequenas parcelas para a comercialización dos produtos forestais.
Afrifoga
No convenio asinado coa Asociación para o Fomento da Riqueza Forestal de Galicia, Medio Rural achega a cifra de 90.000 euros e Afrifoga a cantidade de 36.000 euros. A finalidade será a participación da asociación no desenvolvemento de diversas actuacións de interese para a Consellería entre os que se inclúen cursos e eventos de difusión e de formación dirixidas a silvicultores e aos profesionais do sector en aspectos tales como a planificación e xestión forestal sostible.
Asociación Forestal de Galicia
A aportación da Consellería do Medio Rural ao convenio coa Asociación Forestal de Galicia ascende á cantidade de 140.000 euros, destinados á edición de material de sensibilización; sesións de información; cursos e seminarios de formación para técnicos e persoal cualificado de redacción de plans de xestión para a ordenación de montes e documentación complementaria; cursos e seminarios de formación teórica e sobre aspectos concretos da actividade forestal como silvicultura, podas, temas fitosanitarios, seguridade e saúde, manexo de ferramentas e maquinaria forestal.
Asefoga
A este convenio coa Asociación Sectorial Forestal Galega, Medio Rural achega un total de 140.000 euros, mentres que o colectivo aporta 70.000 euros. As actividades a desenvolver pola Asociación están dirixidas a sesións de información e divulgación e a realizar a planificación e ordenación dos terreos forestais para acadar o compromiso, por parte dos propietarios, da súa xestión consonte con criterios de sostibilidade.
Fonte: http://mediorural.xunta.es/
Comentarios
Publicar un comentario