Medio Rural remitirá este luns á xustiza o informe interno sobre o incendio de Fornelos de Montes

 
O documento indica, entre outros aspectos, que o lume prendeu en tres focos distintos e cunha ignición simple, o que apunta a súa intencionalidade

A Consellería do Medio Rural remitirá este mesmo luns o informe interno sobre o lume forestal de Fornelos de Montes no que faleceron dous operarios de Seaga ao xulgado encargado da súa investigación. O informe foi redactado ao longo das últimas horas por técnicos do propio SDCIF (Servizo de Defensa contra Incendios Forestais de Galicia), en base ás investigacións dos propios técnicos e das testemuñas dos compañeiros dos falecidos.

O anuncio da remisión do informe ao xulgado realizouna esta tarde na Delegación da Xunta en Pontevedra o conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, quen compareceu en rolda de prensa acompañado polo titular de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto. Canda eles atopábanse tamén os delegados territoriais da Xunta en Vigo, Lucía Molares, e en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, así como o xefe territorial do Medio Rural en Pontevedra, Gerardo Zugasti.

Intencionalidade

Segundo explicou o conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, entre as principais conclusións do informe cómpre salientar que as chamas do incendio que resultou mortal para os dous operarios de Seaga se iniciaron en tres puntos distintos, moi próximos o un doutro, e que comezaron á vez, e por tanto a unha clara intencionalidade na acción.

Ademais, o documento lembra que no concello de Fornelos de Montes se produciron un total de 12 lumes entre o 23 de xullo e o 13 de agosto, dos que dous se rexistraban na parroquia de Oitavén os días 11 e 12. Estes datos, sumados á presumible intencionalidade da acción, e á hora en que se comezou o lume (en torno ás dez e media da noite), fan pensar a acción dun incendiario como responsable último do lume que acabou coas vidas de Julio Martínez e Rodrigo Amo.

O informe sinala que todo parece indicar que no momento en que os operarios comezaban os primeiros labores de ataque ás chamas e a extinción do incendio, un refacho de vento anormalmente intenso fixo que as chamas os rodeasen, sen que tivesen tempo de recuperar a posición do resto da brigada.

Pola súa banda, o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, lembrou a relevancia da unión de tódolos galegos contra o lume e contra os incendiarios, na tarefa común e inaprazable de arrinconar socialmente a aqueles que prenden lume no monte e que, máis aló da súa responsabilidade ambiental, se converten en potenciais asasinos, como no caso do lume de Fornelo de Montes.

 
Informe_medios_RP_Pontevedra.doc

Comentarios

Entradas populares de este blog

LA FRACCIÓN DE CABIDA CUBIERTA

Tablas de precios orientativos de la madera