Juárez inaugura en Lugo o congreso Forestsat 2010, que reúne a especialistas en silvicultura de máis de trinta países
No foro, organizado polo Forest Research Center e que se prolonga ata este xoves, participan os máis recoñecidos expertos en materia forestal de todo o mundo
Tamén estará presente o cosmonauta español Pedro Duque nesta cuarta edición, na que Lugo toma o relevo de Edimburgo, Estocolmo e Montepelier
Os participantes presentarán máis de cen traballos de contrastada calidade científica, baseados no emprego de sensores remotos e outras novas tecnoloxías aplicadas ao mundo da silvicultura, dirixidos a mellorar a xestión forestal e a planificación territorial. Entre as aplicacións concretas destas novas ferramentas cómpre salientar a determinación do risco de incendios ou de inundacións, a estimación da biomasa existente, o inventario forestal, a redución de emisións á atmosfera provocadas por deforestación e degradación forestal, etc.
As sesións se desenvolven desde hoxe martes e ata este xoves día 9 na Aula Magna do Campus Universitario de Lugo, sita na Facultade de Veterinaria, así como no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior. Este Congreso, que acada en Lugo a súa cuarta edición, tense celebrado con anterioridade nas cidades europeas de Edimburgo, Estocolmo e Montpelier.
Pedro Duque
Entre o centenar longo de especialistas en diversas disciplinas vinculadas á silvicultura e a prevención por control remoto, cabe salientar a presenza do cosmonauta español Pedro Duque, actual director xeral de Deimos Imaging S.L., que tamén participa nesta primeira xornada.
O Congreso, no que se presentarán técnicas e métodos de teledetección aplicados á xestión forestal, está organizado polo Forest Research Center (Centro de Investigación Forestal) do Reino Unido, en compañía do grupo de investigación do Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da propia USC.
Comentarios
Publicar un comentario