Axencia Galega da Industria Forestal - Xera
A Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) é unha axencia pública autonómica adscrita á Consellería de Economía, Emprego e Industria. Ten como obxectivo o impulso da actividade económica neste ámbito, para mellorar a competitividade das empresas e coordinar os centros de investigación en materia forestal.
Trátase de lograr unha convivencia saudable e sustentable entre o aproveitamento e industrialización forestal e a conservación dos bosques autóctonos, promovendo ao mesmo tempo a investigación en biotecnoloxía forestal.
Actuará como interlocutora cualificada na elaboración dos instrumentos de planificación, ordenación e mellora da xestión e aproveitamento dos recursos forestais que regula a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
Xera asumirá os medios persoais e materiais e as competencias do centro de investigación e innovación autonómico CIS Madeira e establecerá, así mesmo, mecanismos de colaboración con outros centros de investigación públicos nas diferentes materias que o sector traslade á Administración por consideralas do seu interese.
Obxectivos:
- Procurar a diversificación dos produtos do monte destinados á industria forestal, promovendo as sinerxías entre os distintos sectores da cadea monte-industria.
- Mellorar a competitividade e a innovación das empresas do forestal desde a primeira fase de transformación do recurso, e con especial incidencia na segunda e seguintes fases.
- Ser o centro de servizos ao que acuda o sector da industria forestal, madeireira e non madeireira, para analizar e implantar medidas que contribúan ao seu desenvolvemento, actuando como interlocutor da Administración fronte á totalidade de axentes económicos vinculados á industria forestal.
- Definir e promover estratexias para lograr unha convivencia saudable e sustentable entre o aproveitamento e a industrialización dos recursos naturais, e que deberá realizarse tendo en conta a conservación do patrimonio natural e a biodiversidade, baseándose no uso sustentable dos ditos recursos naturais.
- Participar na planificación, ordenación e mellora da xestión e aproveitamento dos recursos forestais, sen menoscabo do seu valor ambiental e social e da conservación do patrimonio natural, evitando a fragmentación de hábitos naturais, tendo en conta a súa integridade.
- Coordinar os centros de investigación e tecnolóxicos vinculados á industria forestal, adscritos á Axencia.
- Promover a utilización da biotecnoloxía como técnica na mellora dos produtos forestais.
- Incentivar o deseño de produtos derivados do forestal na procura de solucións estruturais verdes que contribúan co ambiente.
- Impulsar a creación de emprego de calidade no medio rural.
- Favorecer a transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre os diferentes axentes vinculados á industria forestal, particularmente entre as empresas e os centros públicos de investigación forestal.
- Incentivar a certificación de procesos e produtos asociados ao monte, e destinados á industria forestal, para acreditar a calidade e sustentabilidade das actividades, e por esta vía aumentar a competitividade das empresas do sector.
- Apoiar a transformación, diferenciación e diversificación de uso dos aproveitamentos forestais.
- Incentivar a mellora da formación e a cualificación do persoal empregado no forestal, favorecendo a capacitación profesional e contribuíndo á mellora da produtividade e competitividade das empresas.
- Asesorar aos axentes e ás empresas do forestal nas distintas liñas de financiamento nacional e internacional que lles poidan beneficiar.
- DECRETO 81/2017, del 3 de agosto, por el que se crea la Agencia Gallega de la Industria Forestal y se aprueban sus estatutos.
- RESOLUCIÓN del 28 de diciembre de 2017 por la que se ordena la publicación del Acuerdo del Consejo de la Xunta de Galicia del 28 de decembro de 2017 por el que que se aprueba la relación de puestos de trabajo da Agencia Gallega de la Industria Forestal
Comentarios
Publicar un comentario