Medio Rural recuperará unhas 30.000 hectáreas de soutos tradicionais para potenciar a produción de castaña

 O conselleiro José González visitou o luns Folgoso do Courel e coñeceu, xunto coa alcaldesa,
 os terreos nos que xa actuou a Xunta cunha achega de medio millón de euros


























Levarase a cabo a través dun plan de recuperación que permitirá identificar e caracterizar as plantacións para optimizar  o aproveitamento da castaña de forma que repercuta na riqueza do rural


A Consellería do Medio Rural desenvolverá un Plan de recuperación dos soutos tradicionais de Galicia para poñer en valor a produción de castaña na nosa comunidade. Farao en diferentes fases, que contemplarán dende a identificación e a caracterización dos soutos ata a implantación dun modelo de aproveitamento da castaña, de forma que a súa transformación se faga nas propias zonas produtoras, mantendo sempre a propiedade dos terreos nos habitantes das aldeas e procurando fórmulas de tipo cooperativo ou asociativo para a súa xestión conxunta. Esta iniciativa impulsará, ademais, a especialización do turismo arredor da actividade económica de explotación da castaña.
Así o anunciou o conselleiro José González en Folgoso do Courel, que será o concello piloto para a posta en marcha desta iniciativa. De feito, tal e como destacou o titular de Medio Rural, este municipio da montaña luguesa estase a beneficiar dunha actuación de recuperación e posta en valor dos seus soutos tradicionais, na que a Xunta investiu máis de medio millón de euros.
O conselleiro puido comprobar, xunto coa alcaldesa, Dolores Castro, o avance dos traballos e explicou que xa están rematadas as dúas primeiras fases do plan, que consistían na diagnose, na elaboración dos traballos topográficos e na redacción dos proxectos de obra e, en segundo lugar, na execución das obras principais que incluían a roza das parcelas e a execución dos camiños de acceso e interiores. Segundo explicou o conselleiro, a terceira das fases, que xa comezou, consiste na posta en cultivo dos castiñeiros. Inclúense aquí a poda sanitaria e loita biolóxica, a mellora dos camiños de acceso e a roza dos soutos.
Estas intervencións servirán de modelo para actuar nos soutos repartidos por toda Galicia que, segundo sinalou José González, abranguen entre 25.000 e 30.000 hectáreas, das cales case 2.700 se sitúan en Folgoso do Courel, con arredor de 45 soutos. Deste xeito, remarcou o conselleiro, “queremos que o rural sexa o motor do crecemento da Galicia que vén”, cunha aposta polo rural competitivo, promocionando a súa actividade económica e facendo da cadea produtiva un éxito para todos os seus compoñentes. Trátase, dixo José González, de procurar un rural “forte”, “con futuro” e no que “non só se poida seguir vivindo, senón que ademais se desexe vivir”.
Ademais, o titular do Medio Rural aproveitou a presenza de produtores de castaña no concello de Folgoso para anunciar que este mesmo mes se reunirá por primeira vez dende a súa constitución a Mesa da Castaña. Trátase do órgano asesor de carácter consultivo que se creou para favorecer a produción deste froito e defender o sector e que está integrado polos principais axentes sociais relacionados coa castaña.

Defensa do monte

Nesta visita, o conselleiro salientou que estas producións non só teñen importancia económica, senón tamén ambiental, xa que favorecen a defensa do monte fronte os incendios forestais. Neste contexto, José González puxo en valor os esforzos da Xunta na materia e lembrou que hoxe, precisamente, o Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria de oposicións para cubrir 269 prazas no Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF).
Deste xeito, destacou, dáse un paso máis na liña de remarcar o carácter público do operativo, así como para reforzar os seus efectivos, unha tarefa prioritaria para o Goberno galego e coa que se dá tamén resposta ás recomendacións da comisión parlamentaria de reforma forestal.

Mobilización de terras

Ademais, aproveitando a súa visita á provincia de Lugo, José González ten previsto achegarse esta tarde ao concello de Sober, para coñecer o resultado doutro proxecto executado pola Consellería do Medio Rural. Neste caso, a iniciativa consistiu na recuperación de preto de 30 hectáreas de terreo na parroquia de Santa María de Proendos. Unha das prioridades deste departamento é crear actividade económica rendible no rural e este proxecto contribuíu a lograr este obxectivo. En concreto, cun investimento de 65.000 euros e en torno a un ano e medio de traballo, lográronse recuperar 23,4 ha de superficie, que se incorporaron ao Banco de Terras de Galicia e que agora se destinarán a dúas explotacións, unha de gando vacún e outra de cereal e horta. Deste xeito, conseguiuse ao mesmo tempo outro reto, mellorar a base territorial destas empresas rurais.
Cómpre destacar o laborioso traballo desenvolvido, que empezou coa identificación dos titulares das parcelas e dos axentes produtivos interesados para despois iniciar a negociación entre ambas partes. Así, das 191 parcelas localizadas acabáronse incorporando ao proxecto 155. En todas elas leváronse a cabo labores de roza e acondicionáronse os camiños de acceso.


Comentarios

Entradas populares de este blog

LA FRACCIÓN DE CABIDA CUBIERTA

Tablas de precios orientativos de la madera