O Monte Aloia, primeiro Parque Natural de Galicia, celebra hoxe 75 anos como Sitio Natural de Interese Nacional






  • Os actos conmemorativos estiveron presididos polo director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón, entre outras autoridades


  • O Parque conta cun Centro de Interpretación da Natureza, a “Casa Forestal Enxeñeiro Areses”, no que se expoñen desde hoxe diferentes fotografías sobre o pasado e o presente deste espazo natural


O director xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural, Ricardo García-Borregón, presidiu esta mañá os actos conmemorativos do 75º Aniversario da declaración do Monte Aloia, primeiro parque natural de Galicia, como Sitio Natural de Interese Nacional. Na recepción oficial, que tivo lugar na “Casa Forestal Enxeñeiro Areses”, no propio parque, tamén estiveron presentes outras autoridades, entre elas o alcalde de Tui, Antonio Fernández, e o presidente de Honra de EUROPARC-España, Antonio López Lillo.

Na súa intervención neste acto, Ricardo García-Borregón, tras facer un breve percorrido pola historia deste parque natural, subliñou os obxectivos principais que a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza asume en materia de conservación da biodiversidade, uso público, educación ambiental e desenvolvemento sostible en espazos naturais protexidos como o Monte Aloia. Ademais, destacou a importancia deste parque en particular na conservación da biodiversidade do Baixo Miño e polo beneficio social e económico que supón para a poboación que se asenta no seu contorno.

Centro de Interpretación

O Monte Aloia conta cun bo equipamento turístico, con sinalizacións e carteis explicativos, aparcadoiros, camiños en boas condicións, unha zona de acampada, fontes de auga potable, mesas e outros elementos que facilitan a estancia e o percorrido dos visitantes.

Ademais, dispón dun Centro de Interpretación da Natureza, a “Casa Forestal Enxeñeiro Areses”, que acolle desde hoxe unha exposición fotográfica baixo o título “Monte Aloia: 75 anos de protección”, con imaxes retrospectivas do parque dos anos vinte e trinta e da actualidade. Neste edificio consérvanse tamén varios obxectos persoais do enxeñeiro de montes Rafael Areses e ofrece ademais toda a información necesaria para realizar diferentes rutas adaptadas as condicións de cada visitante.

Situación

Encravado no concello de Tui, no suroeste da provincia de Pontevedra, o Monte Aloia foi declarado Sitio Natural de Interés Nacional en 1935 nunha superficie de 200 hectáreas, protección que se ampliaría máis tarde coa declaración de Parque Natural o 4 de decembro de 1978, converténdose deste xeito no primeiro espazo con esta categoría de protección en Galicia. Ademais, tamén está catalogado como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) e como Lugar de importancia Comunitaria (LIC).
Actualmente este parque conta con máis de 746 hectáreas. Atópase no extremo sur da serra do Galiñeiro e ten cotas comprendidas entre os 80 e os 631 metros de altitude. Pertencente á rexión eurosiberiana, presenta unha temperatura media anual de 14 ºC, cunha amplitude térmica moderada de 7,5 a 20,2 ºC. A pesar de sufrir un período de seca estival, o Monte Aloia rexistra unha media anual de precipitacións de 1.930 mm.

Este espazo ofrece ademais unhas fermosas vistas aos vales do Baixo Miño e do Louro. Os restos arqueolóxicos e etnográficos, como a muralla de pedra que contorna o cumio de San Xiao, ou os petroglifos, mámoas, e muíños nos ríos Tripes e Deique, confírenlle un valor engadido, así coma os miradoiros e a rede de camiños, que permiten ao viaxeiro descubrir comodamente cada currunhco deste parque natural.

Flora

No parque predominan as áreas arboradas, mentres que a superficie restante ocúpana matogueiras, rochedos e prados. No ano 1910 iniciouse a repoboación forestal a grande escala con diferentes especies de piñeiros e con outras exóticas, o que deu lugar a un arboredo de grande interese.

Existe, ademais, unha “senda botánica” que amosa ao visitante os elementos forestais máis destacables do Baixo Miño en xeral e do Monte Aloia en particular. Entre estas especies introducidas cóntanse, como máis importantes, o piñeiro bravo, a mimosa e o eucalipto branco, sen esquecerse dos acivros, castiñeiros, abruñeiros, espiños albares, sobreiras e pereiras bravas. Outras especies menos abundantes, pero ben representadas, son a acacia negra, o ciprés de Lawson, o abeto de Douglas, os piñeiros albar e insigne e o cedro xaponés.

Fauna

No Monte Aloia destaca, sobre todo, a fauna de vertebrados, polo predominio de plantacións forestais e outros ambientes con forte influencia antrópica. O parque alberga algúns elementos realmente destacables, principalmente no que atinxe a réptiles e anfibios.

A fauna de anfibios é de grande interese pola súa diversidade e abundancia, e confírelle particular relevancia ao parque natural. Na zona están citadas 11 das 14 especies coñecidas en Galicia, destacando os urodelos, que manteñen poboacións destacables de píntega e tritóns, estando tamén presentes dous endemismos ibéricos noroccidentais ameazados, a píntega rabilonga e a ra patilonga. Entre os réptiles cabe citar a presenza de endemismos ibéricos, coma o lagarto das silveiras, a víbora de Seoane e a lagarta galega.

A avifauna forestal está tamén ben representada. Cabe sinalar o ferreiriño cristado, petos finxílidos e gaio, así como as concentracións invernais de tordos e ubalos. Cómpre tamén sinalar a presenza frecuente do azor e a menos común do miñato abelleiro, o merlo azul e o cruzabico.

Fonte: http://mediorural.xunta.es/

Comentarios

Entradas populares de este blog

LA FRACCIÓN DE CABIDA CUBIERTA

Tablas de precios orientativos de la madera