O gorgullo, ¿unha ameaza para o eucalipto que está baixo control?


Photo by David Clode on Unsplash


O sector e a Xunta continúan coas soltas de parasitos, alomenos unha vez ó ano, para frear a expansión da praga por medio da loita biolóxica. Os esforzos céntranse en conseguir unha bioprodución que cubra a demanda e a prezos máis reducidos

“O gurgullo do eucalipto veu para quedarse. É unha praga coa que temos que convivir”, coinciden en sinalar tanto asociacións forestais como empresas e Administración. A día de hoxe, tamén é bastante unánime a opinión de que a loita biolóxica, mediante a solta do parasito Anaphes nitens,foise confirmando como unha vía eficaz para combater o avance do Gonipterus platensis Marelli, principal praga do eucalipto globulus.
“Se se continúa co nivel de soltas dos últimos anos, parece que a praga manterase controlada” (Francisco Dans, director da Asociación Forestal de Galicia)"

“As medidas para controlar a praga están moito máis monitorizadas e sistematizadas que hai uns anos e o impacto real que está tendo a praga sobre os eucaliptais é moito máis reducido que hai 8 ou 10 anos, cando os danos eran terribles”, indica o presidente da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), Jacobo Feijoo.
Co comezo da primavera, chega tamén unha das épocas nas que se levan a cabo soltas nas principais zonas afectadas pola praga, aínda que dependendo da incidencia de gurgullo que se detecte, estes traballos poden comezar xa no mes de febreiro e comezos de marzo. Dende a Consellería de Medio Rural están xa coas primeiras soltas de Anaphes, que se iniciaron en canto se detectaron no monte as postas do Gonipterus.
“Si se continúa co nivel de soltas dos últimos anos, realizadas tanto pola Consellería de Medio Rural como por outras entidades parece que a praga se está mantendo controlada”, indica Francisco Dans, director da Asociación Forestal de Galicia.
Os datos facilitados pola Xunta con respecto ó ano pasado e a estes primeiros meses do 2020 apuntan a unha incidencia moderada da praga en Galicia. “Tanto o ano pasado como nestes primeiros meses non tivemos grandes defoliacións nas plantacións galegas”, explica Joaquín Martel Muñoz-Cobos, xefe do Servizo de Saúde e Vitalidade do Monte da Consellería de Medio Rural.
Porén, pese á redución de danos que se detectou nos últimos tempos, seguen producíndose brotes esporádicos de gurgullo en determinadas zonas. “Nos últimos anos observamos que hai unha maior afección da zona máis setentrional de Galicia, dende o Ulla cara ó norte, a zona de Ortegal e da Mariña lucense”, indica Francisco Dans. Ás veces, os danos mesmo se localizan en puntos moi concretos e de forma puntual. “Temos detectado danos puntuais, mesmo en comarcas onde a praga está controlada aparecen montes afectados”, apunta Feijoo.
Bolsas con ootecas parasitadas con Anaphes nitens. // Grupo operativo Gossge.

As soltas
Este ano, dende a Xunta volverán colocarse unhas 10.000 bolsas de ootecas parasitadas por Anaphes. Cada unha delas conta cunhas 50 ootecas parasitadas que se colocan en 4.000 puntos de solta, distribuídos por toda Galicia.
En función do comportamento da praga, a Administración ten delimitadas 4 zonas diferenciadas en Galicia: a Mariña lucense, a zona norte da Coruña, o resto da provincia da Coruña e Pontevedra. “Este ano non tivemos moita incidencia da praga en ningunha destas zonas. Tivemos algúns avisos dende a zona norte da Coruña, pero nós nos nosos inventarios non detectamos problemas polo momento”, concreta Martel.
Tanto o comezo deste ano, como durante o 2019, non se detectaron importantes danos polo gurgullo nas plantacións de eucalipto globulus en Galicia. “Si se manteñen as condicións meteorolóxicas similares ás do ano pasado, todo apunta a que tampouco teremos moitos danos este ano, aínda que a evolución das condicións climáticas é determinante para a praga”, detalla Martel.
"Este ano a Xunta colocará 10.000 bolsas de ootecas en 4.000 puntos de solta distribuídos por toda Galicia"
Ademais dos puntos de solta, a Xunta conta con 174 parcelas, nas que teñen disposta unha malla, que lles permite levar un control da evolución da praga. Con estes puntos de control, 122 deles establecidos en zonas prioritarias, tamén avalían a porcentaxe de ootecas, os sacos de ovos, que están parasitados trala solta de anaphes. As parcelas funcionan asimesmo como inventarios que lles axudan para determinar o momento ideal da colocación das ootecas parasitadas.
Aínda que a Xunta segue a ser quen lidera a loita biolóxica contra o gurgullo en Galicia, nos últimos anos realizáronse soltas por parte de empresas como Ence, entidades como a Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón (Aspapel) e mesmo comeza a ser unha opción para comunidades de montes e propietarios particulares.
Exemplar gorgullo Eucalytus
"No marco do proxecto Gossge realízanse soltas nunhas 6.600 hectáreas de montes galegos, asturianos e cántabros"

Garantir a bioprodución
No marco do proxecto Gossge, (GRUPO OPERATIVO SUPRA-AUTONÓMICO DE SANIDAD SOBRE GONIPTERUS EN EUCALIPTO) leváronse a cabo no último ano soltas en 4.400 hectáreas repartidas entre Galicia, Asturias e Cantabria; as tres comunidades implicadas no proxecto. Esta primavera, teñen previsto realizar soltas en 2.200 hectáreas, boa parte delas na comunidade galega. En concreto, farán soltas en 1.300 hectáreas de eucaliptais galegos, en 600 hectáreas de montes de Cantabria e noutras 300 hectáreas de plantacións asturianas. “Aínda que o proxecto abarca a cornixa cantábrica, estase facendo un importante esforzo en Galicia, xa que é a que ten maior cantidade de plantacións de eucalipto”, explica José Causí, director forestal de Aspapel.
Nestes momentos, unha das preocupacións dende o sector é garantir e optimizar a bioprodución de Anaphes nitens para poder levar a cabo medidas de control biolóxico conxuntas ás que realiza a Administración.
“A capacidade da Xunta para asumir a loita biolóxica contra o gurgullo é limitada, xa que o número de hectáreas de eucalipto en Galicia é superior ó que abranguen dende a Administración”, recorda Francisco Gómez, enxeñeiro técnico e responsable técnico na empresa Toxo, servizos agroforestais e medioambientais, que comezou recentemente a producir ootecas parasitadas de Anaphes nitens.
Polo momento, nesta empresa de A Baña (A Coruña), que comezou a especializarse na loita biolóxica hai pouco máis dun ano, cada semana producen ootecas para parasitar unhas 30 hectáreas. “Aínda que levamos pouco tempo con esta produción, detectamos que hai interese en dispoñer de anaphes por parte de comunidades de montes, porque xa se demostrou que se consegue reducir moito as perdas”, explican dende Toxo.
A bioprodución de Anaphes nitens é un dos eixos do proxecto Gossge, no que están implicados tanto a Xunta como distintas entidades do sector tales como Aspapel, a Asociación Forestal de Galicia, Asefoga ou distintas empresas forestais como Ence, que se está encargando de proporcionar esta bioprodución.
Á par da produción do parasito, no proxecto Gossge tamén están a probar técnicas para optimizar o proceso. “Nestas investigacións vimos como pequenos cambios, como a cría dos anaphes cunha luz difusa, pode supor importantes melloras”, apunta Causí. Tamén desenvolveron novas bolsas de papel e de materiais biodegradables para a colocación das ootecas parasitadas. Ademais, continúan realizando estudos para tentar alongar o ciclo de vida dos ovos parasitados e multiplicar a capacidade de parasitación contra a praga.

O prezo da loita biolóxica

Unha das limitacións que ten a loita biolóxica contra o gurgullo está a ser o prezo. Aínda que hai variacións, o prezo das bolsas de ootecas sitúase entre os 45 e os 65 euros por hectárea.
“De tódolos xeitos, as plantacións de eucalipto aseméllanse cada vez máis a un cultivo agrario polas limitacións da superficie dispoñible, o que obriga a facer un coidado delas para que sexan rendibles e a loita biolóxica comeza a verse como un investimento para conseguir esa produtividade”, explica Francisco Gómez.
"O proxecto Gossge busca reducir os custes da producción do parásito que se emprega na loita biolóxica"



Aínda que a época de maior incidencia do gurgullo é a primavera, os especialistas recomendan ter vixiadas as plantacións e valorar unha segunda solta durante o outono. Por iso, os custos ó ano poden rondar entre os 90 e os 130 euros.
No proxecto Gossge tamén están a centrar esforzos para reducir estes custos para que sexan máis accesibles para os propietarios. Nos últimos traballos conseguiron reducir os gastos case a unha oitava parte.

Coordinar esforzos

Á marxe das melloras prácticas que o proxecto Gossge está conseguindo, outro dos obxectivos do grupo de traballo é a coordinación entre entidades na loita contra o gurgullo. “É moi importante unificar criterios e xerar protocolos de actuación en conxunto fronte á praga”, comenta Martel. Unha opinión que comparten outros socios do proxecto como Aspapel, Asefoga ou a Asociación Forestal de Galicia.
Nesta liña están realizando prospeccións e medicións do avance da praga, empregando novas tecnoloxías como o uso de drons para o control de danos. “Polo momento temos que seguir traballando porque os datos que obtivemos cos drons aínda teñen certa distorsión, pero é moi importante conseguir un método rápido, obxectivo e barato que nos aporte información sobre o estado da praga”, recoñece Causí dende Aspapel.
Precisamente, os escasos danos detectados nos últimos meses en Galicia están ralentizando novas medicións. Ademais, o uso de drons tamén se baralla como método de aplicación de tratamentos de forma selectiva, igual que continúan as investigacións para incorporar 3 novos produtos respectuosos co medio ambiente para o tratamento do gurgullo. “Non podemos agardar a que as restricións do 2030 nos tratamentos nos deixen sen ningunha outra ferramenta para o tratamento do gurgullo nos casos máis graves”, indica Causí.
 "Valoran o uso doutros parásitos con maior taxa de supervivencia invernal e a creación de alertas sanitarias"


No proxecto Gossge tamén se contempla a creación de sistemas de alertas sanitarias para mellorar o control sobre o gurgullo. “Sería moi positivo poder dispor de alertas sanitarias, ó igual que se empregan noutros sectores como a viticultura, para que as accións teñan unha maior eficacia”, apunta Jacobo Feijoo.
Ó mesmo tempo, no proxecto tamén se está priorizando a eficacia na xestión dos datos para centrar esforzos naqueles parámetros que poidan resultar de maior utilidade contra a praga. “É moi necesario seguir facendo investimentos en I+D+i para poder anticiparnos á evolución da praga”, reivindica Francisco Dans.
O emprego doutras variedades de parasitos como o Anaphes tasmaniae, procedente de Tasmania (Australia) e cunha maior taxa de supervivencia invernal que o nitens, é outra das liñas nas que se está traballando. Porén, as investigacións aínda se atopan nunha fase inicial.
Recomendacións ante o gurgullo
Outra das liñas do proxecto Gossge é a difusión de coñecementos sobre o gurgullo entre os profesionais forestais. De feito, distintas organizacións forestais galegas tiñan programadas actividades formativas no monte para a primavera, que se viron interrompidas pola pandemia do coronavirus e as limitacións de movemento decretadas polo estado de alarma.
Julio Ruiz Cagigal enxeñeiro técnico forestal e técnico na Asociación Forestal de Galicia, aporta algunhas recomendacións claves a ter en contra polos propietarios forestais fronte ó gurgullo:
Recoñecer a praga. “O máis importante é saber identificar os danos que causa o gurgullo na árbore para poder actuar”, explica Julio. Así, é fundamental non confundir as defoliacións que causa o gurgullo, nas súas diferentes fases, con outros depredadores.
Cando os danos se producen na ramas máis altas resulta máis complicado identificalos. Mesmo poden confundirse os danos cos novos brotes e follas. “Cun pouco de práctica chega a diferenciarse ben a presenza de gurgullo”, explica.
Valorar a afección da plantación. Unha vez constatados danos polo gonipterus cómpre realizar unha valoración do grao de afección. É recomendable optar polos servizos de persoal técnico que poida recomendar os pasos a seguir en función dos danos e da cantidade de insecto que haxa. Os profesionais encárganse de estimar as bolsas de ootecas parasitadas que se precisan para a superficie afectada.
-Escoller o mellor momento para as soltas. Unha das claves para conseguir unha maior eficacia no tratamento do gurgullo é determinar o momento máis axeitado para a solta. Aínda que se adoita facer na primavera, é preciso ter a certeza de que hai presenza de gurgullo na plantación, xa que senón os anaphes non sobrevivirán ó non ter ovos que parasitar.
Colocación das bolsas. Á hora de colocar as bolsas de ootecas parasitadas de Anaphes nitens é fundamental a súa disposición na parcela. Unha das recomendacións é situalas próximas a camiños ou zonas de paso ou cortalumes. Tamén se deben colocar en árbores novos, que non teñan máis de 7 ou 8 anos.
Os expertos aconsellan que se fagan as soltas en días soleados, para evitar danos nas propias bolsas antes de que eclosionen os Anaphes. Ademais, é preferible que as bolsas se coloquen en zonas soleadas.
Tratamentos químicos, como último recurso. Aínda que a loita biolóxica co parasito Anaphens nitens é un método máis respectuoso co medio ambiente que outros tratamentos fitosanitarios, en ocasións, cando os danos son moi elevados é preciso optar por unha loita integrada na que se empreguen medios químicos. Neste caso, a aplicación debe facerse por especialistas e naqueles casos máis graves.





Fonte: Campogalego 

Comentarios

Entradas populares de este blog

LA FRACCIÓN DE CABIDA CUBIERTA

Tablas de precios orientativos de la madera