Medio Rural está a executar obras nos montes galegos cun investimento total de case 23 millóns de euros

As actuacións, que se distribúen por todo o territorio, teñen como obxectivo
a mellora da superficie forestal e a prevención e defensa contra os incendios


Fotografías dos traballos que se están a realizar

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Montes, ten xa en marcha as actuacións forestais correspondentes a 2010 en todo o territorio galego, que representan un investimento total de preto de 23 millóns de euros. Os obxectivos son actuacións de interese forestal e a prevención e defensa contra os incendios no monte.

As accións en execución enmárcanse en dúas grandes liñas de acción. En primeiro lugar, as executadas directamente, tanto en actuacións de mellora forestal nos montes de xestión pública consorciados ou conveniados, como en prevención de incendios forestais en todo o territorio. Esta liña execútase principalmente en montes veciñais en man común e supón un investimento total, integramente en execución, de preto de 12 millóns de euros.

En segundo lugar as liñas de axudas para a primeira forestación de terras non agrícolas, para o fomento das frondosas caducifolias, principalmente autóctonas, e para as industrias de aproveitamentos e transformación de produtos forestais, que supoñen un total en axudas, xa en execución, de 11 millóns de euros, dirixidas fundamentalmente aos montes veciñais en man común e aos propietarios particulares.

Por outra banda, acaban de rematar os períodos de presentación de solicitudes para as axudas á mellora silvícola das masas forestais e á recuperación do potencial forestal das superficies afectadas polo ciclón Klaus, cun importe total de axudas de 7.600.000 euros; e proximamente activaranse as axudas para a prevención de incendios dirixidas aos montes veciñais en man común, e os convenios para actuacións preventivas cos concellos galegos.

Persoal

O pasado 15 de febreiro activáronse as brigadas propias da Xunta de Galicia de persoal fixo-discontinuo que, engadidas ás brigadas de persoal fixo, supoñen un total de 138 brigadas forestais, con funcións de prevención e extinción de incendios forestais, que integran a un total de 966 efectivos aos que hai que engadir outros 443 nas categorías de condutores de camións de extinción, vixilantes e emisoristas, todos eles persoal laboral propio da Xunta de Galicia.

Datos por provincias
Na provincia da Coruña están en execución actuacións presupostadas en máis de cinco millóns de euros. Destas, cento oito obras enmárcanse na liña de axudas para a primeira forestación de terras non agrícolas, cun orzamento de 1.636.000 euros, e sesenta e unha na orde de axudas para o fomento das frondosas caducifolias, nas que se están a investir 340.000 euros. Pola súa banda, dezanove industrias do sector forestal recibirán ao longo deste ano 885.000 euros para a súa mellora.

Ademais, os montes de xestión pública dos concellos coruñeses acollen nestes días obras presupostadas en máis de 2.100.000 euros. Canto ás actuacións específicas para a prevención e defensa dos incendios forestais, a Dirección Xeral de Montes está a realizar accións sobre o territorio que, no caso da Coruña, representan un orzamento de case 74.000 euros.

Lugo e Ourense

En Lugo, a Xunta está a investir na actualidade máis de 7’6 millóns de euros en obras forestais. As axudas para a primeira forestación de terras non agrícolas suman cento dezasete accións cun orzamento de case 2.450.000 euros, e as de fomento de frondosas caducifolias representan cincuenta e tres accións presupostadas en máis de 272.000 euros. O número de industrias forestais da provincia que reciben apoio da Administración autonómica neste ano é de vinte e unha, e as axudas ascenden a 1.070.000 euros. Por outra banda, as actuacións que se desenvolven nos montes de xestión pública de Lugo representan un investimento de 3.670.000 euros, e as obras específicas para a prevención de lumes, 196.000 euros.

A obra forestal en execución na provincia ourensá ten un orzamento total superior aos 6’3 millóns de euros. Deste total, máis de 1.750.000 euros destínanse a trinta e cinco actuacións enmarcadas na liña de axudas para a primeira forestación de terras non agrícolas e máis de 500.000 euros nas axudas para o fomento de frondosas caducifolias. Ademais, nove empresas de Ourense reciben 680.000 euros ao abeiro da orde para a mellora da industria do sector forestal e os montes de xestión pública acollen actuacións presupostadas en case 3.000.000 euros. Canto ás accións específicas sobre o territorio para a prevención e defensa contra os incendios forestais, o investimento no caso de Ourense ascende a case 390.000 euros.

Pontevedra

Finalmente, na provincia de Pontevedra están en execución obras forestais presupostadas en máis de 3’7 millóns de euros. As axudas para a primeira forestación de terras non agrícolas suman 500.000 euros distribuídos en dezanove actuacións, e as axudas para o fomento de frondosas caducifolias máis de 513.000 euros distribuídos en setenta e cinco actuacións. Pola súa banda, catorce empresas da provincia solicitaron axudas para a súa mellora, que suman case 360.000 euros. As obras nos montes de xestión pública representan un investimento de case 2.250.000 euros. A loita contra os incendios forestais tradúcese no caso de Pontevedra na execución de actuacións cun custo total de máis de 140.000 euros.

Fuente: www.xunta.es

Comentarios

Entradas populares de este blog

LA FRACCIÓN DE CABIDA CUBIERTA

Tablas de precios orientativos de la madera