As consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural reorganizarán o sistema de información territorial para optimizar o seu funcionamento



  • A elaboración da nova cartografía a escala 1:5.000 levarase a cabo a través de voos que ofrecen a posibilidade de xerar modelos en 3D

  • A Xunta está a promover o impulso das Infraestruturas de Datos Espaciais (IDE), conxunto de normas que perminten o intercambio de información xeográfica dixital en condicións que faciliten a súa busca, visualización e emprego

  • Os datos espaciais son relevantes na planificación de infraestruturas de comunicación, servizos asistenciais de redes de mobilidade ou equipamentos
 O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, inaugurou hoxe a Xornada de Infraestruturas de Datos Espaciais da provincia de Pontevedra, na cidade do Lérez.

Hernández indicou que dende o goberno galego estase a promover unha planificación estratéxica no eido dos datos espaciais, adoptando un modelo único de xestión. Para isto, estase a elaborar un texto lexislativo que entre outros aspectos, vai proceder a unha reorganización funcional do Sistema de Información Territorial de Galicia (SITGA), a través do que as consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural pretenden mellorar o seu funcionamento.

A finalidade é dispoñer dun Sistema de Información Territorial (SIT), coa elaboración dunhas directrices xerais para un modelo organizativo e tecnolóxico. Dentro dese sistema, está previsto producir unha nova cartografía para o territorio de Galicia a escala 1:5.000, con ortofotomapas de 25 cm por píxel ou mapas de usos e coberturas do solo. Trátase de optimizar os recursos dispoñibles e de intensificar o labor nesta materia para evitar ocos na información, fomentar o uso de estándares que permitan a compatibilidade, compactar información e avanzar nunha maior accesibilidade das ferramentas dispoñibles.
A elaboración da nova cartografía, actualizando a realizada hai xa unha década, levarase a cabo a través de voos con tecnoloxía LIDAR, baseada no emprego de láser pulsado, que ofrece a posibilidade de xerar modelos en 3D. Todas estas innovacións van permitir dispoñer dun catálogo de información territorial e a súa integración nun visor corporativo, accesible a través de Internet, que poderá ser de utilidade para as empresas galegas ao ofrecer servizos e infraestruturas capaces de crear novos negocios e valores engadidos aos existentes.

Vantaxes
Por outra parte, Agustín Hernández sinalou a relevancia dos datos espaciais na planificación de infraestruturas de comunicación, servizos asistenciais de redes de mobilidade, equipamentos e subministros de todo tipo. Ademais, o propio territorio tamén se ve beneficiado por ese progresivo coñecemento á hora de programar a súa ordenación, mellora e protección, como se ten posto de relevo recentemente en Galicia cos traballos relacionados co Plan de Ordenación do Litoral.

A Xunta de Galicia está a fomentar o impulso das Infraestruturas de Datos Espaciais (IDE), conxunto de normas que perminten o intercambio de información xeográfica dixital en condicións que faciliten a súa busca, visualización e emprego. Neste senso, o titular de Medio Ambiente apuntou que na Infraestrutura de Datos Espaciais de Galicia (IDEG) reúnense datos vencellados ao territorio da comunidade autónoma. Eses datos proceden de diferentes fontes, nodos e xeoportais, escalas e orixes moi diversas.

Información na rede
Os cidadáns, a través do enderezo electrónico sitga.xunta.es, poden identificar, seleccionar e acceder a unha gran variedade de recursos. Así, por exemplo, pódense crear mapas á carta, visualizar atributos da cartografía ou buscar topónimos. Todo isto constitúe unha achega de grande interese para o fomento de investigación, actividade económica, planificacións públicas ou calquera outras finalidades.

Para finalizar, Hernández concluiu lembrando a necesidade de facer accesible ao conxunto da cidadanía unha rede de datos froito da colaboración dos diferentes organismos que participan no gran proxecto dunha Infraestrura de Datos Espaciais.
Fonte: www.mediorural.xunta.es

Comentarios

Entradas populares de este blog

LA FRACCIÓN DE CABIDA CUBIERTA

Tablas de precios orientativos de la madera