Medio Rural en Ourense comezará a aplica-los tratamentos fitosanitarios

  •  Dende a Delegación Territorial xa se avisou a tódolos concellos afectados da provincia das datas nas que se vai a levar a cabo o tratamento fitosanitario
  • Rogelio Martínez asegurou que hai unha importante superficie de carballos na provincia que hai que coidar. “Son árbores senlleiras de Galicia que aportan moito beneficio ó ecosistema”,
  • Os concellos da provincia nos que se declarou a Altica Quercetorum Foudr, coñecida popularmente como a “pulguiña do carballo”, son Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, Xinzo de Limia, Sarreaus, Trasmiras, A Merca, Barbadás, San Cibrao das Viñas, Celanova, Ourense, Amoeiro, Cartelle, Taboadela, A Bola e Allariz
 
O Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado polo xefe territorial da consellería do medio rural, Ricardo Vecillas, deu conta das actuacións que se van a levar a cabo na provincia para rematar coa praga causada polo insecto denominado Altica Quercetorum Foudr, despois da publicación, no DOGA de onte, dos concellos da provincia afectados e que supoñen unhas 5000 hectáreas.
 
As provincias de Lugo e Ourense son as que rexistran a maior incidencia en Galicia porque a súa proliferación está favorecida polo tempo cálido e seco, con tempo chuvioso o escaravello desenvolve un fungo parasito que reduce o seu número de exemplares. A Altica é un escaravello que produce a defoliación sobre todo do carballo pero tamén afecta a outras especies como a avelaira ou os amieiros. Tanto as larvas como o escaravello adulto aliméntanse das follas provocando danos importantes no carballo, se non se actúa a tempo mesmo pode chegar a produci-la morte da árbore.
Na provincia de Ourense están afectados 16 concellos, Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, Xinzo de Limia, Sarreaus, Trasmiras, A Merca, Barbadás, San Cibrao das Viñas, Celanova, Ourense, Amoeiro, Cartelle, Taboadela, A Bola e Allariz.
 Rogelio Martínez anunciou que a vindeira semana comezarase na provincia co tratamento para loitar contra esta praga coñecida popularmente como “ a pulguiña do carballo”. Avisouse a cada concello para que saiban as datas exactas nas que se vai actuar. A partir do luns comezarase pois a fumigar cun produto químico autorizado e inscrito no Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Medio Mariño.
O tratamento realizarase cun camión de fumigación montado sobre un vehículo axeitado e con técnicas que permitan unha mellor distribución do produto. O procedemento consistirá en percorridos polas pistas, vieiros ou calquera outra vía que permita o paso do vehículo fumigador, non se realizará entre as 11.00 e ás 19.00 horas en non se achegará ás vivendas a unha distancia menor de 200 metros. O produto químico é inocuo pero, de igual xeito, hai que aplica-lo con precaución con persoal de terra e rociando ás árbores e o chan para que as larvas inxiran o tratamento.
 Martínez solicitou ademais a colaboración veciñal para conseguir ser máis eficaces contra esta praga. “Se algún veciño observa nalgún punto carballos afectados por esta praga que non dubide en poñerse en contacto coa xefatura territorial da consellería do Medio Rural para poder actuar no lugar canto antes”, asegurou.

Os síntomas para recoñece-la son que as follas fican de cor marrón por mor de que as larvas e o escaravello adulto comen a parte verde das follas deixando os nervios das mesmas e provocando a “esqueletización das follas”.

A Altica, nestes momentos, e ata que os carballos boten toda a folla, atópase no chan, entre os espiñeiros, os arbustos... despois sobe as follas para aparearse e nos meses de xuño e xullo aparecen as larvas. O tratamento fitosanitario vaise realizar neste mes, cando o insecto aínda está no chan co fin de diminuí-lo número de insectos que se poidan reproducir. No mes de xullo cando os insectos se atopen comendo das follas dos carballos aplicarase un segundo tratamento co mesmo produto.

O Delegado Territorial da Xunta en Ourense, asegurou que este tipo de iniciativas resposta o compromiso do goberno galego coa conservación do noso medio natural. “O carballo é unha árbore senlleira en Galicia que hai que coidar polos moitos beneficios que achega o noso ecosistema, protexe e enriquece o chan”

O carballo é unha árbore autóctona que supón o 10 por cento da superficie total arborada que existe na provincia de Ourense. Falamos de 38.260 hectáreas de carballos das 319 mil hectáreas de total arborado. Son árbores corpulentas de ata 35 metros de altura e moi lonxevas poden chegar a supera-los 1000 anos. Soportan baixas temperaturas en inverno e a súa madeira é moi valorada. Son especies moi pouco plantadas por mor da lentitude do seu crecemento, a Xunta prosegue repoboando algunhas zonas con carballos e segue vixiante nos montes onde aparecen por rexeneración natural para a súa conservación.



Comentarios

Entradas populares de este blog

LA FRACCIÓN DE CABIDA CUBIERTA

Tablas de precios orientativos de la madera