Os xardíns efémeros levantan unha gran expectación entre a cidadanía


• Ducias de persoas achegáronse durante a primeira xornada
a ver os distintos xardíns montados nas cinco prazas da cidade

Ducias de pontevedreses e visitantes achegáronse ata as cinco prazas nas que están instalados os xardíns efémeros na cidade para ver a orixinalidade das súas montaxes, sacar impresións distintas das recreacións que se queren facer con elas, ou obter información sobre as distintas formas de composición e uso de materiais e plantas para un posterior uso nas súas casas e xardíns.

Así o puideron comprobar onte o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Medio Ambiente Urbano, Raimundo González, promotor da idea, na visita que fixeron onte pola tarde polas cinco prazas da cidade que acollen estes espectaculares xardíns ata o próximo martes.

Os xardíns efémeros están instalados nas prazas de Compostela, na Audiencia na Peregrina, Curros Enríquez e en Méndez Núñez. Complementaranse durante estes días con música en todas as prazas. Esta tarde será ás 19.00 horas na praza de Compostela, mañá ás 12.00 horas na praza da Peregrina, o domingo ás 12.00 horas en Curros Enríquez, o luns 24 de maio, ás 20.00 horas en Méndez Núñez, e finalmente, o martes, 25 de maio, ás 20.00 horas en Rosalía de Castro (na praza da Audiencia).

Os cinco xardíns teñen montaxes diferentes e variadas con formas triangulares, circulares e cadradas. Ademais, teñen materiais diferentes: madeira, pedra, cortén, flor de temporada, arbustos e, incluso, árbores tratando de extraer distintas sensacións no espectador. Cabe lembrar que esta actividade está incluída dentro da programación de A cidade é túa! Enerxía Verde, que vén desenvolvendo este departamento xestionado por Raimundo González, dende o pasado 16 de abril.

Os xardíns efémeros son propios do verán e sóense confeccionar en dúas modalidades: por un período breve de tempo como é o caso de Pontevedra que rematarán o vindeiro martes, 25 de maio, ou os de Bilbao que son bianuais (comezaron no 2007); e hai outro tipo de xardíns efémeros máis longos no tempo. Neste último caso soen estar en espazos fixos, acoutados (coma nun parque pechado).

O máis famoso dos xardíns efémeros de Europa é o de Chaumont sur Loire (no Val do Loira) que está aberto de abril a outubro. Tamén é moi recoñecido o de Ponte da Lima, en Portugal, que ocupa un parque pechado durante cinco meses. Nel participaron candidaturas de Italia, Irán, Francia, Venezuela, Arxentina, Brasil, China… Precisamente, a última edición dos xardíns efémeros de Ponte da Lima foi visitada por máis de 30.000 persoas, o que dá exemplo da dimensión que están a conseguir este tipo de festivais, de feito estase a configurar unha rede europea de festivais de xardíns.

Os de Pontevedra son a segunda mostra de arte de xardíns de toda España, despois do de Bilbao que comezou en 2007. Está previsto que Allariz confeccione uns en breve, que comezará por importar xardíns expostos en Portugal (terá un espazo acoutado).

O obxectivo destes festivais é promover a conciencia ambiental, a valorización do territorio e a xestión da paisaxe no espazo público. Ademais, aporta creatividade, orixinalidade e mostra a faceta emprendedora dos deseñadores, e tamén amosa distintos exemplos de restauración ambiental.

Fonte: http://www.concellopontevedra.es/

Comentarios

Entradas populares de este blog

LA FRACCIÓN DE CABIDA CUBIERTA

Tablas de precios orientativos de la madera