Medio Rural reforza o dispositivo de loita contra o lume con 8 novas motobombas
O director Xeral de Montes entregou esta mañá en Santiago os vehículos, que se distribuirán a partes iguais entre as provincias, aos catro xefes territoriais do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais
O director xeral de Montes da Consellería do Medio Rural, Tomás Fernández-Couto Juanas, fixo entrega esta mañá en Santiago de 8 novos vehículos motobomba cos que se reforzará o dispositivo de loita contra o lume. Os catro xefes provinciais do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais recolleron cadanseu par de vehículos para conducilos ao seu destino. O departamento que dirixe Samuel Juárez Casado investiu preto de 1,5 millóns de euros nestas adquisicións.
As motobombas son modelos F3-24.14 da marca galega Urovesa e teñen unha potencia de 240 cv e unha cisterna con capacidade para 4.000 litros. As súas bombas, da marca Ruberg, teñen un caudal de traballo de entre 400 e 3.000 litros por minuto, en función da potencia de uso.
Renovación da flota
Con esta iniciativa a Consellería do Medio Rural continúa co labor de constante renovación da flota de motobombas do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, que suma na actualidade un total de 130 vehículos en toda Galicia, e está pendente de recibir proximamente unha unidade máis, na que se investiron preto de 225.000 euros.
Fuente: http://mediorural.xunta.es
Comentarios
Publicar un comentario