Entrevista | SAMUEL JUÁREZ (Conselleiro de Medio Rural)



O responsable da política forestal galega avoga por profesionalizar máis o control e a extinción dos incendios, e por recuperar os servizos que prestaban os concellos


Encaixa como anel no dedo no perfil técnico que tanto perseguiu Feijoo para deseñar o seu equipo. Experto no sector marítimo e agrario e nado en La Bañeza (León), tócalle agora afrontar a grave crise do sector lácteo e tamén resolver un mal endémico que arrastra Galicia: o minifundio forestal, que lastra a competitividade do monte e fomenta o seu abandono, algo que aproveita ben o lume.

-¿Que balance fai do que vai de campaña?

-A temporada de risco remata o 30 de setembro; aínda hoxe estamos en alerta porque vimos dun agosto seco, pero o verán foi razoablemente bo. Despois do 2006 viñeron dous exercicios atípicos, con máis choiva, e parece que se mantén a tendencia. Parece que hai cada vez menos lumes e iso é bo porque tendo en conta que a meirande parte deles son provocados quere dicir que existe maior concienciación social.

-¿Que fixeron vostedes?

-Nós herdamos do bipartito varios problemas: o convenio co Exército para a vixilancia dos montes que non estaba dotado e había outras partidas deficitarias. Faltaban brigadas. Tivemos que corrixir un déficit de 4 millóns de euros.

-Si, ¿pero que singulariza a nova política do Executivo de Feijoo?

-O que fixemos nós foi engadir máis medios na loita contra o lume, e se mudou a súa distribución, tanto no que se refire á vixilancia como á extinción. Entendiamos que había zonas que precisaban reforzo e outras cubertas innecesariamente. O bipartito tiña medios contra os lumes en puntos non operativos.

-¿Por exemplo?

-Tiñamos recursos e infraestrutura na área do Barco, nun extremo, e os trasladamos a Monforte, cun mellor radio de acción.

-¿E que cambios haberá o ano que vén?

-Haberá novos axustes de distribución dos medios, pero non moito máis. Teño solicitado a Madrid un helicóptero máis en Becerreá e que o hidroavión con base operativa en Santiago estea dispoñible xa dende a primavera.

-¿Por que razón?

-Porque aínda que moita xente non o saiba é unha época de certo risco. Os lumes que máis superficie queimaron en Galicia ao longo deste ano 2009 producíronse na primavera.

-Unha das grandes eivas da política contra os incendios é a conflitividade laboral do persoal. ¿Que vai facer vostede?

-Hai que profesionalizar máis os recursos humanos, que os traballadores teñan unha maior estabilidade. Imos recuperar os servizos que viñan prestando os concellos e que o bipartito substituíu con Seaga. É persoal que coñece ben a zona e é moi útil.

Un terzo do bosque galego está abandonado e iso incrementa o risco de lumes. Tamén supón un desaproveitamento económico. O Goberno bipartito creou as unidades de xestión forestal (Uxfor) para tratar de rematar co minifundio. ¿Cal é a súa estratexia para resolver este grave problema?

-As Uxfor poden funcionar nalgúns casos, pero é unha figura asemblearia na que é difícil poñer a todos os propietarios de acordo. Traballamos para desenvolver unha nova figura societaria de xestión do monte. Hai contactos co Goberno porque este é un asunto de lexislación estatal. Temos que modificar algúns aspectos da Lei de Sociedades e de regulación fiscal para por en marcha exencións. Os resultados deste traballo vanse ver ao moi longo prazo, pero tomar este camiño é ineludible

O departamento que lidera Juárez ten ante si o reto que Galicia non soubo afrontar nos últimos anos: que o rural se modernice e deixe de ser un deserto no que os mozos non atopan futuro. A fenda entre a Galicia atlántica e a rural creceu nas últimas décadas a grande velocidade, sen que ningún Goberno lle puxera freo.


¿Que estratexia vai por en marcha para inverter esta dramática tendencia?

-Isto se resolve con actuacións que van alén dos cometidos de Medio Rural e que teñen que ver co reequilibrio territorial. Pero nós temos diante tamén moito traballo.

¿Como van convencer ás empresas para que desenvolvan negocios e fixen poboación?

-Non é so un asunto de investimento privado, senón que antes hai que facer un importante esforzo de gasto público.

¿En que, por exemplo?

-En Internet. O acceso á tecnoloxía é fundamental. A estas alturas aínda non sabemos que zonas de Galicia teñen cobertura de banda ancha e cales non. Estamos facendo un estudo para iso. Sen resolver este problema malamente imos ser atractivos para as empresas.

Outro aspecto que é importante para a modernización do rural é o desenvolvemento das industrias de biomasa...

-Nós queremos mudar aquí a estratexia. O residuo forestal para biomasa é pouco calorífico e é moi caro de transportar porque ten moito volume. Creo que o camiño a seguir son as especies cultivadas directamente para o aproveitamento en biomasa. Algunhas clases de eucalipto ou de chopo serven para isto. O monte galego ten ademais outras potencialidades, máis alá da madeira.

¿Como cales?

-O cogomelo e a castaña. Nesta última especie somos unha potencia en transformación industrial e temos que importar materia prima de fóra. Parece que isto non ten moito sentido se se traballa no futuro cun pouco de planificación. Tamén se teñen ensaiado proxectos interesantes con ólevos, e non é ningunha ocorrencia. O potencial do monte nese senso é inmenso. Falta corrixir o problema estrutural, que é o minifundismo. Por iso estamos traballar na figura societaria da que falaba antes.
 
Fuente: www.lavozdegalicia.es

Comentarios

Entradas populares de este blog

LA FRACCIÓN DE CABIDA CUBIERTA

Tablas de precios orientativos de la madera