Os produtores de madeira denuncian prezos ata un 25% por baixo do seu valor real
Promagal esixe que a administración marque baremos para garantir o control
A Federación de asociacións de produtores de madeira, Promagal, asegura que actualmente a madeira afectada polo ciclón que azoutou Galicia o pasado mes de xaneiro está alcanzando uns prezos no mercado que non se corresponden co seu valor real.
Segundo explicou Teresa Rañal, presidenta da entidade, a madeira do eucalipto debería alcanzar os 41 euros a tonelada cando vai sen cortiza e os 35 con ela, se é vendida en cargadero de camión e se o seu destino será a fabricación de pasta de papel.
Promagal asegura que a madeira desta árbore que foi derrubada polo Klaus non está afectada para este uso polo que a calidade é a mesma. Con todo, Rañal afirma que en Ferrol e a comarca estase vendendo a tonelada ata dez euros por baixo do que vale, algo que consideran «inaceptable».
Doutra banda a madeira de piñeiro vendida nas mesmas condicións, debería alcanzar os 20 euros a tonelada, xa que este material si que se viu afectada polos danos do Klaus. Pero Rañal asegura que «aínda así había que buscarlle unha saída no mercado tal e como fixeron en Francia».
Segundo Promagal, os prezos que marcaron «son o mínimo exixible», xa que, o mercado da pasta de papel logo de «un parón pola crise volveuse a reactivar».
Control
Ademais, a entidade quixo denunciar que, a pesar das moitas peticións das asociacións e a propia Promagal desde a súa fundación fai catro anos, para o mercado da madeira segue sen haber un baremo de prezos establecidos pola administración.
«Fai falta un control de prezos para saber como rexen os valores da madeira en mercado; en ningún caso para que a administración marque uns prezos o que, a final de contas, vai en contra do libre mercado», asegura Rañal.
Ademais, a entidade sinala que en Galicia a madeira «cómprase moito a vulto e non a peso. Hai moita picaresca», asegura. Isto facilita que se compre a madeira a un valor que non é o que lle corresponde no mercado. Por iso, Promagal afirma que un control por parte da administración pública evitaría situacións similares.
Fuente: www.lavozdegalicia.es
Comentarios
Publicar un comentario