Xunta e industria forestal analizan as necesidades do sector
O director xeral de Montes mantivo unha xuntanza con responsables de Fearmaga e Monte-Industria para avanzar no deseño de liñas de acción para esta lexislatura
O director xeral de Montes da Consellería do Medio Rural, Tomás Fernández-Couto Juanas, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co director da Asociación Galega Monte-Industria, Juan Picos, e a secretaria xeral da Federación Empresarial de Aserradores y Rematantes de Madera de Galicia (Fearmaga), Ana Oróns, para analizar as necesidades da industria forestal. O obxectivo desta xuntanza é avanzar no deseño de liñas de acción para garantir a calidade da produción galega de madeira. Neste sentido, abordouse a urxencia de potenciar a certificación forestal dos montes galegos e incrementar a superficie certificada, que co anterior Goberno se viu diminuída, para recuperar o liderado que tiña Galicia nesta cuestión. Fernández-Couto asegurou que o incremento da certificación forestal é un dos obxectivos prioritarios da Consellería do Medio Rural para a actual lexislatura. Consenso e colaboración Os asistentes trataron tamén a orde de axudas para as empresas de aproveitamento forestal, a que a Dirección Xeral de Montes ten xa o borrador para o período 2010-2011 e sobre o que Fearmaga e Monte-Industria farán achegas na busca do máximo consenso. A anterior orde de axudas aprobouse recentementecon case un cento de pequenas empresas forestais galegas beneficiarias que se distribuíron 6,5 millóns de euros. O obxectivo da iniciativa é potenciar a competitividade do sector e favorecer a súa adecuación a un mercado cada vez máis esixente nos parámetros de calidade.
Ademais, Montes e as entidades participantes na xuntanza acordaron establecer as bases para poñer en marcha un convenio de colaboración entre a Consellería e as asociacións. O obxectivo é definir liñas de acción para fortalecer a cadea monteindustria. Cómpre sinalar que o sector forestal representa unha facturación anual de 2,5 millóns de euros e que o consumo de madeira en Galicia ascende a 8 millóns de metros cúbicos, proporcionados practicamente na súa totalidade polos montes galegos.
Comentarios
Publicar un comentario