“A industria da madeira díxome: ‘Queremos a terra toda que precisemos e a que quede, para os demais”

O director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, defende no Parlamento un Plan Forestal que considera “equilibrado e responsable”. “A ordenación do monte non pode facerse só en base ás necesidades das empresas transformadoras”, advirte


“A industria da madeira díxome: ‘Queremos a terra toda que precisemos e a que quede, para os demais”
O director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto. / Arquivo.

A oposición que está xenerando na industria da madeira o novo Plan Forestal de Galicia, en fase de tramitación, levou ó director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, a descubrir todas as cartas sobre a mesa. “Este plan satisfai a todas as cadeas do monte que non son da madeira -en alusión a sectores como a castaña ou a gandería extensiva-. Coa cadea da madeira, o que sucedeu é que a industria díxome: ‘Queremos o territorio todo que precisemos e o que quede, para os demais’. Así de claro. É un planteamento de difícil consenso”, criticou onte no Parlamento.
Dous terzos do territorio galego son monte, arredor de dous millóns de hectáreas, pero ese terreo non dá para todo, ao entender de Fernández Couto: “O reparto de usos do monte non pode facerse só en base ás necesidades da industria da madeira. Ten que ser un reparto equilibrado”, defendeu o director xeral na comisión parlamentaria que estuda o problema dos incendios forestais.
“Dáme a impresión de que non se quere que haxa unha planificación do territorio” (Tomás Fernández Couto)
Os números que se manexan no proxecto do Plan Forestal, que debuxan obxectivos para os próximos 20 anos, reservan algo máis da metade do monte para usos madeireiros de piñeiro e eucalipto: 1.060.000 hectáreas -67.000 hectáreas máis que na actualidade-. Outras 400.000 hectáreas serían para frondosas caducifolias (carballos, rebolos, bidueiros, etc.) -15.000 máis que agora- e 71.000 para castiñeiros, principalmente de froito -25.000 máis que agora-.
A parte do monte sen arborado, que está a mato ou con arborado ralo, representa na actualidade 600.000 hectáreas e inclúe espazos de Rede Natura (170.000 hectáreas) e de usos gandeiros, así como terras sen manexo. O obxectivo para os próximos 20 anos é reducir ese espazo a menos de 500.000 hectáreas, potenciando nel a gandería extensiva. “Non imos reforestar 200.000 das 500.000 hectáreas que están abertas porque estamos comprometidos en potenciar a gandería extensiva”, defende Fernández Couto.
Petición de concrecións
Os grupos da oposición parlamentaria apuntáronlle ó director xeral que o Plan Forestal constituía unha mera declaración de intencións, sen concreción das actuacións orientadas a acadar os grandes obxectivos anunciados no Plan, a saber: aumento das masas de piñeiros nun 25%, conxelación da superficie de eucalipto e aumento da superficie gandeira no monte.
Esa concreción que se pide para o Plan Forestal chegará, segundo Fernández Couto, nos próximos anos, por medio dos Plans de Ordenación de Recursos Forestais (PORF), previstos para cada un dos 19 distritos forestais de Galicia.
Eucalipto
“Farase unha ordenación do territorio en cada distrito e dirase onde pode haber determinadas especies e onde non” -asegura Fernández Couto-. “No seu día presentamos no Consello Forestal unha proposta de decreto para limitar as plantacións de eucalipto no interior de Galicia e o sector forestal díxonos que así non. Aquí abordarmos de novo o tema do eucalipto e tampouco gusta. Dáme a impresión de que o que non se quere é planificación do territorio”, cuestionou.
“Están pedindo un cheque en branco porque non concretan como farán o que din que van facer” (Xaquín Fernández Leiceaga)
O grupo popular presumiu de que “conxelará” a superficie de eucalipto en Galicia, algo que desde a oposición se pon en cuestión. “Como o van facer? Van limitar a superficie que pode ocupar o eucalipto? Se é así, van sacar dereitos de plantación? Ou van limitar zonas nas que non poderá haber eucalipto e que no resto o propietario plante o que queira?” -inqueriu o socialista Xaquín Fernández Leiceaga-. “Se non nos concretan máis, están pedíndonos un cheque en branco para este Plan Forestal”, concluíu.
Por parte do Bng demandouse un plan para reducir a superficie de eucaliptos e pronosticouse que nas actuais masas mixtas, con mestura de piñeiros, eucaliptos e frondosas, se producirá un avance do eucalipto nos próximos anos, fronte ós anuncios de “conxelación do eucalipto” comprometidos polo grupo popular.
Piñeiros, madeiras nobres e frondosas
Tanto o Bloque como o PsdeG advertiron asimesmo da progresiva reducción da superficie de piñeiros e da súa sustitución por eucaliptos. “Din que van aumentar a superficie de piñeiros, pero a tendencia dos últimos anos vai en sentido contrario. Como o teñen pensado facer? Van ir contra as tendencias do mercado?”, inqueriu Fernández Leiceag

“O Plan non aborda alternativas ó eucalipto, como as frondosas de crecemento rápido, caso do bidueiro, con posible uso para pasta de papel” (David Rodríguez)

En Marea, pola súa banda, botou en falta no Plan Forestal alternativas ó eucalipto: “Non se aborda a posibilidade de producir madeiras nobres en Galicia nin outras opcións, como as plantacións de frondosas de crecemento rápido, caso do bidueiro, o freixo ou o ameneiro, mesmo con posibles usos para pasta de papel”, sinalou o deputado David Rodríguez.
Proceso
O Plan Forestal de Galicia, en fase de tramitación, someterase a un proceso de información pública -segundo avanzou Fernández Couto- e aprobarase previsiblemente ao longo deste ano no Consello da Xunta mediante decreto. “Estamos abertos ó diálogo e ó consenso porque buscamos un plan estable, pero non todo vale. Hai que pensar que a evolución de determinadas especies -en alusión ó eucalipto nitens- podería variar o mercado e os prezos de xeito importante nos próximos anos”, concluíu Fernández Couto.

Comentarios

Entradas populares de este blog

LA FRACCIÓN DE CABIDA CUBIERTA

Tablas de precios orientativos de la madera