A Consellería do Medio Rural investirá máis de 6 millóns de euros en diversas obras na superficie forestal galega

  • O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado luns o anuncio da contratación de 24 actuacións distribuídas nas catro provincias
  • O obxectivo é potenciar a mellora da superficie forestal de Galicia, ao tempo que se avanza na prevención e defensa contra o lume

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Montes, investirá máis de 6 millóns de euros na execución de 24 obras en varios distritos forestais de Galicia, segundo recolle o anuncio publicado o pasado luns, 21 de xuño, no Diario Oficial de Galicia (DOG). Trátase de obras silvícolas, mellora de masas e repoboacións cofinanciadas con fondos europeos e que beneficiarán aos montes de diversos concellos galegos.

O investimento previsto nas obras da provincia da Coruña ascende a 2.135.153 euros; nas da provincia de Lugo a 1.665.496 euros; nas de Ourense a 1.730.150 euros e nas obras de Pontevedra a 497.761 euros. O prazo para a execución destas actuacións, unha vez adxudicadas pola Consellería, é de 18 meses. O obxectivo é potenciar a mellora da superficie forestal de Galicia, ao tempo que se avanza na prevención e defensa contra o lume.

A Coruña

Na provincia da Coruña, o distrito forestal I, Ferrol, será o que acollerá máis obras. Nesta área, Medio Rural prevé traballar na creación e mellora de masas forestais na demarcación do Eume, cun orzamento de 169.093,28 euros; na repoboación e realización de tratamentos silvícolas nos montes Can de Carracedo e Chan de Salgueiro do concello de Ortigueira, cun orzamento de 297.226,29 euros; e na restauración da cobertoira vexetal dos montes Capelada e Couce do concello de Cedeira, presupostada en 385.144,22 euros.

Ademais, a Consellería vai realizar actuacións de mellora forestal en distintos montes do distrito forestal II, Bergantiños-As Mariñas, cun orzamento de 292.535 euros, e tratamentos silvícolas e repoboación forestal en 207 hectáreas de montes veciñais dos concellos de Padrón, Dodro e Rois, no distrito forestal IV, Barbanza. Neste caso, as obras custarán 299.885 euros. Pola súa banda, o Distrito Forestal V, de Fisterra, acollerá tratamentos silvícolas nos montes de Carnota e de Mazaricos, cun orzamento de 391.891 euros, e de Muros, presupostados en 299.376.

Lugo

Na provincia de Lugo, Medio Rural investirá 200.639 euros nun proxecto de repoboación forestal en 79,66 hectáreas dos concellos de Ourol, O Vicedo, Viveiro e Xove, pertencentes ao distrito forestal VI, Mariña Lucense. A maior parte das obras previstas nesta provincia desenvolveranse no distrito forestal VII, A Fonsagrada-Os Ancares. Nesta zona realizaranse rozas, podas e rareos en 142, 94 hectáreas dos concellos de Baleira e A Fonsagrada, cun orzamento de 205.779 euros e en 124,10 hectáreas dos concellos de Baralla e Becerreá, cun orzamento de 201.027 euros. Executaranse tamén rozas e podas en 116 hectáreas dos concellos de Cervantes e As Nogais, presupostadas en 107.583 euros, e un proxecto de repoboación forestal en 97,89 hectáreas da Fonsagrada, presupostado en 235.619 euros.

No distrito forestal VIII, Terra de Lemos, realizaranse rozas, podas e rareos en 143,55 hectáreas dos concellos de Monforte de Lemos e A Pobra do Brollón, cun orzamento de 212.807. Por outra banda, Medio Rural investirá 112.685 euros na execución de podas en 69,61 hectáreas dos concellos de Láncara e O Corgo e 176.041 euros en podas e rareos en 111,14 hectáreas dos concellos de Guntín, Monterroso e Portomarín, todos eles pertencentes ao distrito forestal IX, Lugo-Sarria. Finalmente, no distrito forestal X, Terra Cha, investiranse 213.311 euros nun proxecto de repoboación forestal en 89,35 hectáreas dos concellos de Castro de Rei e A Pastoriza.

Ourense

Canto á provincia de Ourense, hai obras previstas no distrito forestal XI, O Ribeiro-Arenteiro, con tratamentos silvícolas e mellora da Rede de Infraestruturas de Defensa contra Incendios Forestais no monte Serra no concello de Avión, cun orzamento de 288.222 euros. Tamén no distrito forestal XII, Miño-Arnoia, realizaranse tratamentos silvícolas no monte de Xestosa e outros, nos que se investirán 249.514 euros. No distrito forestal XIV, Verín-Viana, están previstos tratamentos silvícolas en varios montes do concello de Verín, presupostados en 459.796 euros.

Finalmente, no distrito forestal XV, A Limia, realizaranse un proxecto de restauración da cobertoira vexetal e obras complementarias en diversos montes veciñais en man común dos concellos de Baltar, Calvos de Randín e Vilar de Barrio, cun orzamento de 507.182 euros, e nos concellos de Bande, Lobeira e Muíños, cun orzamento de 225.433 euros.

Pontevedra

En Pontevedra, Medio Rural destinará 153.721 euros a tratamentos silvícolas nos montes de Cerdedo e Forcarei, no distrito forestal XVI, e 194.358 euros en repoboacións e traballos de silvicultura na comarca da Paradanta, no distrito forestal XVII. Os tratamentos silvícolas no monte veciñal en man común de San Xurxo de Sacos e Calvelo, en Cotobade, no distrito forestal XIX, suporán un investimento de 149.681 euros.

Fonte: http://mediorural.xunta.es/

Comentarios

Entradas populares de este blog

LA FRACCIÓN DE CABIDA CUBIERTA

Tablas de precios orientativos de la madera